Orixe e clasificación das ideas
Locke entende por idea, á igual que Descartes, calquera contido mental. Se non pode haber ideas innatas, e parece innegábel que posuímos contidos mentais aos que chamamos ideas, de onde proceden tales ideas? Só poden proceder da experiencia dinos Locke. A mente é como unha folla en branco sobre a que a experiencia vai gravando os seus propios caracteres: todos os nosos coñecementos proceden da experiencia ou derivan, en última instancia, dela.
Podemos distinguir dous tipos de experiencia. Unha experiencia "externa", que nos afecta por vía da sensación, e unha experiencia "interna", que o fai mediante a reflexión. A sensación e a reflexión son, pois, as dúas formas de experiencia das que derivan todas as nosas ideas.
Supoñamos, entón, que a mente sexa, como se di, un papel en branco, limpo de toda inscrición, sen ningunha idea. Como chega a telas? De onde se fornece a mente con ese prodixioso cúmulo, que a activa e ilimitada imaxinación do home pintou nela, nunha variedade case infinita? De onde saca todo ese material da razón e do coñecemento? A isto contesto cunha soa palabra: da experiencia; velaí o fundamento de todo o noso coñecemento, e de alí é de onde en última instancia se deriva. As observacións que facemos acerca dos obxectos sensíbeis externos ou acerca das operacións internas da nosa mente, que percibimos, e sobre as cales reflexionamos nós mesmos, é o que fornece ao noso entendemento de todos os materiais do pensar. Esta son as dúas fontes do coñecemento de onde dimanan todas as ideas que temos ou que podamos naturalmente ter." (Ensaio, II, C.1)
A sensación é a principal fonte das ideas. Os sentidos "transmiten á mente", di Locke, distintas percepcións, segundo o modo no que os obxectos lles afectan (cores, olores, movemento, figura, etc) producindo nela as ideas correspondentes. A reflexión, aínda que non tan desenvolvida e xeneralizada como a sensación, permítenos ter experiencia das nosas actividades mentais (percepción, pensamento, memoria, vontade, etc) o que dá lugar tamén á creación das ideas correspondentes. Pero ademais, a combinación da sensación e da reflexión pode dar lugar á creación de novas ideas, como as de existencia, pracer e dor, por exemplo.
As ideas poden ser simples e complexas. As ideas simples son recibidas pola mente directamente da experiencia (sensación ou reflexión) de forma enteiramente pasiva, e poden considerarse os "átomos da percepción", a partir dos cales se constitúen todos os demais elementos do coñecemento. As ideas complexas, aínda que derivan da experiencia, son formadas pola mente ao combinar ideas simples, polo que esta adquire un papel activo na produción de tales ideas complexas (como as ideas de beleza, gratitude, universo, etc). As ideas complexas poden ser de tres clases: de modos, de substancias e de relacións. Pero todas elas, por afastadas que poidan parecer dos datos da experiencia, elabóraas a mente a partir da comparación e da combinación de ideas simples.
Estas ideas simples, os materiais de todo o noso coñecemento, sonlle suxeridas e proporcionadas á mente só por esas dúas vías arriba mencionadas, a saber: a sensación e a reflexión. Unha vez que o entendemento está provisto desas ideas simples ten o poder de repetilas, comparalas e unilas nunha variedade case infinita, de tal xeito que pode formar ao seu gusto novas ideas complexas." (Ensaio, II, C.1)
As ideas dos modos de ser ("chamo modos a esas ideas complexas que, calquera que sexa a súa combinación, non conteñan en si o suposto de que subsisten por si mesmas, senón que se as considera como dependencias ou afeccións das substancias. Tales son as ideas significadas polas palabras triángulo, gratitude, asasinato, etc.") clasifícanse, pola súa vez, en simples e compostas (ou mixtas). Se combinamos unha idea consigo mesma temos unha idea complexa de modo simple como, por exemplo, a idea de tres, que resulta de combinar a idea de 1 tres veces consigo mesma. Pero se combinamos ideas distintas obtemos unha idea complexa de modo mixto (ou composta), como ocorre coas ideas de beleza, deber, hipocrisía... As ideas complexas poden corresponderse coa realidade ou non, xa que a mente pode combinar as ideas arbitrariamente, dando lugar a combinacións que non necesariamente teñen que corresponderse con algo real.
Calidades primarias e secundarias
No capítulo titulado "Algunhas outras consideracións sobre as nosas ideas simples", antes de falar máis amplamente das ideas complexas, proponnos Locke a distinción entre as ideas e as calidades, primeiro, e posteriormente a distinción entre as calidades primarias e as secundarias.
Chamo idea a todo o que a mente percibe en en si mesma ou é obxecto inmediato de percepción, pensamento ou coñecemento; e chamo calidade do suxeito no que radica unha tal capacidade á capacidade de producir algunha idea na nosa mente". (Ensaio, 2, 8, 8; p. 169)
As ideas son, pois, sensacións ou percepcións; mentres que as calidades son "capacidades do obxecto" para producir en nós algunha idea. Vexamos o exemplo que utiliza Locke para introducirnos nesa distinción: "Así, unha bóla de neve ten o poder de producir en nós as ideas de branco, frío e redondo; a eses poderes de producir en nós esas ideas, en canto que están na bóla de neve, chámoos calidades; e en canto son sensacións ou percepcións no noso entendemento, chámoos ideas; das cales ideas, se algunhas veces falo como estando nas cousas mesmas, quero que se entenda que me refiro a esas calidades nos obxectos que producen esas ideas en nós". (Ensaio, II, C.8)
Pero podemos distinguir aínda dous tipos de calidades: as primarias e a secundarias. As primarias "están" nos obxectos, mentres que as secundarias "non están" nos obxectos, e actúan por medio das calidades primarias. Nun obxecto podemos atopar determinadas "calidades", como a solidez, a extensión, a forma, e outras distintas destas, como as cores, o gusto, o son e o olor. Agora ben, mentres as ideas de solidez, extensión e forma son "imaxes" dos obxectos e gardan unha semellanza con eles, as ideas de cor, gusto, son, olor, non se pode dicir que sexan "imaxes" dos corpos e carecen de toda semellanza con eles; a idea de "solidez" imita ao obxecto que produce tal idea, pero a idea de cor non "copia" a cor do obxecto mesmo.
Locke considera, pois, que as calidades primarias reproducen algo que está no obxecto, mentres que as secundarias non, polo que as primarias serían "obxectivas" e as secundarias "subxectivas", seguindo a distinción adoptada xa anteriormente por Galileo e Descartes, e que xa se tivera en consideración na antigüidade por Demócrito de Abdera. As ideas de calidades primarias, ao representar algo que está no obxecto, son válidas para progresar no coñecemento obxectivo, mentres que as calidades secundarias, ao "non estar" nos obxectos, non o son, polo que as inferencias ou deducións que podamos extraer delas non teñen valor cognoscitivo, valor obxectivo.