John Locke

John Locke

Biografía

John Locke (1632 - 1704)

Casa natal de LockeJohn Locke naceu en Wrington, preto de Bristol, o 29 de agosto de 1632. Fillo dun funcionario de xustiza, recibiu as súas primeiras ensinanzas no seu domicilio ata 1646 cando, á idade de 14 anos, ingresará na escola de Westminster, (que exerceu unha gran influencia na vida intelectual do século XVII), na que permanecerá 6 anos. Finalizados os seus estudos na escola, ingresará no Christ Church, por entón o máis importante "college" da Universidade de Oxford, no outono de 1652. A educación en Oxford estaba entón baixo o predominio da escolástica aristotelizante, o que non resultaba do agrado de Locke, (e que tampouco resultara do agrado, anteriormente, de Hobbes). Alí, ademais de estudar filosofía, (fundamentalmente lóxica e metafísica), profundará os seus estudos das linguas clásicas, pero tamén se interesará pola física e a química, (entrando en contacto con R. Boyle e o seu círculo), así como pola medicina, na que se iniciará con T. Sydenham, aínda que non obterá a titulación ata o ano 1674.

Unha vez finalizados os seus estudos permanecerá en Oxford, impartindo clases como Lector de grego no Christ Church desde 1660, e tamén de Retórica desde 1663. No 1667 entrará ao servizo de Lord Ashley (futuro Conde de Shaftesbury), representante do nacente partido "whig", con quen compartirá as variábeis vicisitudes políticas sufridas por aquel durante a monarquía dos Estuardo, desempeñando varios cargos de responsabilidade ao seu servizo. A caída política de Shaftesbury e, en parte, a súa delicada saúde, levárono primeiro a Oxford, onde terminou os seus estudos de Medicina e obtivo a titulación e licenza para o seu exercicio, e posteriormente a Francia, onde viviu de 1675 a 1680, entrando en contacto cos círculos filosóficos da época (cartesianos e libertinos) e recibindo, sobre todo, o influxo da filosofía de Gassendi.

Ao seu regreso a Inglaterra volverá a entrar ao servizo de Lord Shaftesbury, pero a xa definitiva derrota política deste obrigarao de novo a abandonar Inglaterra, refuxiándose en Holanda, onde permanecerá de 1683 a 1689. Alí finalizará o "Ensaio sobre o entendemento humano", e publicará a "Epistola de Tolerentia", en latín, ao tempo que entra en contacto cos revolucionarios ingleses exiliados en Holanda, en consonancia cos ideais políticos plasmados nos seus "Tratados sobre o goberno civil". Trala Revolución de 1686, que levou ao trono a Guillermo de Orange, e unha vez consolidade a súa vitoria, volverá a Inglaterra, desempeñando varios cargos en Londres, sendo o de maior relevancia o de Comisario de Comercio. En 1691 retirarase a Oates, en Essex. Alí instalarase na mansión de Sir Francis e Lady Masham, (unha das primeiras mulleres inglesas que publicaron escritos filosóficos e que mantivo correspondencia filosófica con Locke e con Leibniz e escribiu a primeira biografía de Locke), e á que coñecera Locke de solteira como Damaris Cudworth en 1682, pouco antes do seu exilio, e coa que mantivo unha relación afectiva e intelectual ata a súa morte, o 28 de outubro de 1704.