Historia da filosofía contemporánea
A Filosofía contemporánea. Relación de temas
- A filosofía contemporánea
Trala filosofía crítica de Kant o Idealismo alemán converterase na corrente predominante na Europa continental, a través de Hegel. O existencialismo de Kierkegaard, tanto como o marxismo e o vitalismo de Nietzsche serán, en boa medida, unha reacción ao Idealismo hegeliano que, en certo modo, consagra a identificación do eu transcendental kantiano co Deus do cristianismo. En Gran Bretaña, o desenvolvemento do positivismo utilitarista con Bentham e J.S. Mill inspírase nos principios do empirismo, distinguíndose do positivismo "idealista" do francés A. Comte; en ambos casos, non obstante, dáse unha preocupación polos temas sociais e polo benestar da humanidade que, aínda que nunha dirección distinta, compartirán co marxismo. Polo demais, o desenvolvemento das ciencias e os seus continuos éxitos fan cambalear os cimentos da filosofía, que se ve sometida a fortes críticas por parte dos defensores do pensamento científico, que atopan na ciencia o paradigma do coñecemento verdadeiro. Para finais do século XIX, ao desenvolvemento do historicismo en Alemaña, con Dilthey, e do pragmatismo nos Estados Unidos, con Pierce e W. James, habemos de sumar o desenvolvemento da fenomenología con Husserl. Todas estas correntes teñen a súa continuidade no século XX, no que salientarán ademais os representantes da Filosofía Analítica, como Russell e Witgenstein, do Estructuralismo, como Lévi-Strauss e Foucault, do Existencialismo, como Sartre, ou os da Escola de Frankfurt, como Adorno, Horkheimer e, máis recentemente, Habermas.