A filosofía de Locke


John Locke

1. Introdución. A crítica do innatismo

A filosofía de Locke

Malia o predominio da filosofía escolástica, de raíz aristotélica, en Oxford, na época na que Locke cursou alí os seus estudos, as influencias máis marcadas que podemos atopar no seu pensamento lígano máis á reacción anti-aristotélica dos filósofos renacentistas e á filosofía "empirista" de Francis Bacon, que aos seus propios mestres. Hai que ter en conta, ademais, a influencia de Descartes e, aínda en maior medida, a de Gassendi; pero tamén o carácter antidogmático e "experimental" da física e da química nacentes, (Locke iniciou relacións amigábeis con R. Boyle e o seu círculo de amizades), así como da medicina (con T. Sydenham). Polo que respecta ao seu pensamento político, Locke considerase o principal teórico do liberalismo moderno, teoría política que se identifica cos intereses político-económicos da burguesía, en expansión, da época, en cuxa loita contra o absolutismo monárquico participou activamente.

A filosofía de Locke exponse nunha linguaxe sinxela, afastada dos tecnicismos da escolástica, aínda que non exenta de dificultades, dado o distinto significado que atribúe, en distintas pasaxes, a termos e expresións fundamentais no seu pensamento. A filosofía de Locke considerase "empirista" no sentido no que Locke afirma que a experiencia é a fonte e o límite dos nosos coñecementos. Non se trata só de recoñecer o valor da experiencia no coñecemento, cousa que xa tiveran en conta outros filósofos, senón de considerar a experiencia como lexitimadora e limitadora do mesmo, afirmación que só poderá xurdir da análise detallada do coñecemento humano. Neste sentido, é dos primeiros filósofos que consideran que a análise do coñecemento é a primeira actividade necesaria do filósofo, co fin de determinar baixo que condicións é posíbel dicir algo verdadeiro, superando así os discursos "dialécticos" dos escolásticos, que poderían reducirse a un mero xogo de palabras sen sentido algún. Esta tarefa emprenderaa na súa obra "Ensaio sobre o entendemento humano" onde quedarán fixadas as posicións fundamentais da súa filosofía empirista.

No "Ensaio" Locke proponse determinar que tipo de coñecementos están ao alcance do noso entendemento e cales non, analizando tamén a orixe e certeza dos mesmos. O "Ensaio" está dividido en catro libros. No primeiro, ("Non existen principios nin ideas innatas"), negará a existencia de ideas innatas, deixando só aberta a posibilidade de que as ideas procedan da experiencia. No segundo, ("Sobre as ideas"), estuda a orixe e natureza das nosas ideas, estabelecendo a súa relación coa experiencia. No terceiro, ("Das palabras"), analiza a relación entre pensamento e linguaxe, a partir da crítica da idea de "substancia". No cuarto, ("Acerca do coñecemento e a probabilidade"), estuda os tipos de coñecemento e fixa os límites e as diferencias entre coñecemento e opinión.

A crítica do innatismo

Por innatismo enténdese, en termos xerais, a afirmación de que no ser humano existen, dende o seu nacemento, determinadas ideas ou principios (de coñecemento ou morais) que se atopan, polo tanto, na propia natureza humana antes de toda experiencia. Neste sentido, Platón afirma o innatismo na súa teoría da reminiscencia, innatismo que se continua na agustiñana doutrina da iluminación divina e, posteriormente, en Marsilio Ficino, quen o transmitira aos chamados platónicos de Cambridge, (entre os que se contaba Herbert de Cherbury), que insistirán no carácter innato das verdades relixiosas e morais.

Con Descartes o innatismo convértese nunha teoría sobre a forma ou estrutura da actividade do espírito, que abrirá as portas á consideración do a priori kantiano. A crítica de Locke ao innatismo, de todos modos, é o suficientemente xeral como para poder incluír nela a todos os defensores do innatismo, sen que caiba precisar a quen tiña in mente cando a desenvolvía, se a Herbert de Cherbury e aos platónicos de Cambridge, ou a Descartes, ou a calquera outro filósofo ou escola.

A crítica de Locke ao innatismo centrarase en demostrar a falsidade da afirmación de que existe un consenso universal segundo o cal todos os seres humanos están de acordo coa existencia de determinados principios especulativos e morais, de onde se seguiría que tales principios, (a idea de Deus, o principio de non contradición, os principios morais), sería innatos. Na súa crítica Locke apelará á experiencia para ir mostrando como non existe tal consenso universal, en absoluto, e que o que se consideran principios comúns non teñen nada de tales, se atendemos ao que uns e outros din entender polos mesmos. Tomemos a idea de Deus, di Locke. Hai pobos nos que tal idea non existe, e en aqueles nos que existe hai concepcións totalmente distintas, e moitas delas desatinadas e ridículas, con respecto á divindade, o que non podería ocorrer se a idea de Deus fose innata. Pero ocorre iso: logo a idea de Deus non pode ser innata.

O mesmo acontece se analizamos os principios especulativos, supostamente innatos: os nenos, os idiotas, e quen non teñan a oportunidade de aprendelos, carecen por completo de tales principios. Son moitas as persoas iletradas, na sociedade europea, que chegan á idade adulta sen ter a menor noción de tales principios; e nas tribos de América rara vez se poden atopar tales principios especulativos entre os seus habitantes. Xa que logo, tales principios especulativos, (identidade, non contradición), non poden ser innatos.

Se analizamos o ámbito da moralidade atopamos un panorama semellante polo que fai aos principios morais innatos. O máis que podemos observar son tendencias naturais cara certas formas de comportamento, pero iso non son ideas innatas dos principios morais. Polo demais, engade Locke:

... as regras morais requiren proba, ergo, non son innatas. Outro motivo que me fai dubidar da existencia de principios prácticos innatos é que non creo que poida propoñerse unha soa liña mestra moral sen que alguén teña o dereito de esixir a súa razón", Ensaio, I, c.3).

O que observamos é unha total disparidade de condutas, dentro da mesma sociedade, disparidade que aumenta se a comparamos coa doutras sociedades e outras épocas históricas, o que abonda para probar que non existen tales principios morais innatos, xa que se estes existisen non poderiamos atopar tal disparidade nas accións humanas. Pero non só observamos disparidade, senón, con frecuencia, a máis absoluta falta de moralidade:

Abonda observar a un exército entrando a saco nunha cidade para ver que observancia, que sentido de principios morais, ou que conciencia se mostra por todos os desmandos que se cometen" (Ensaio, I, c.3).

Poderían tales ideas innatas encontrarse en nós non de forma actual, senón virtual? Tal afirmación carecería de sentido; por suposto que estamos en condicións de aprender no futuro un principio matemático, por exemplo, pero é absurdo dicir que tal principio está en nós dunha forma virtualmente innata: non ten sentido algún afirmar que a mente posúe unha idea ou principio mentres non estea realmente no noso pensamento.