Como estudar filosofía
Filosofía e metodoloxía
A Historia da Filosofía é unha materia complexa que pode suscita-lo interese ou o rexeitamento dos alumnos por moi diversos motivos, como pode ocorrer con calquera outra materia do Bacharelato. O obxectivo destas páxinas é evitar que ese rexeitamento poida estar motivado pola falta de recursos á hora de abordar o seu estudo, ou por non saber como aplica-los recursos dos que dispoñemos.
Porque como veredes, eses recursos están xa nas vosas mans, e aprendéstelos a utilizar ao longo dos vosos estudos noutras materias. Aquí imos seleccionar soamente aqueles que son indispensábeis para comprender a Historia da Filosofía e tratar de explicar de que maneira pódense aplicar ao estudo da Filosofía. Entre eles, algúns recursos metodolóxicos para expoñer os nosos coñecementos sobre a materia, moi útiles para os chamados "exames".
Pero talvez a primeira observación que debamos facer, aínda que poídavos parecer trivial, sexa a de que a filosofía se atopa nos textos dos filósofos, polo que a súa lectura, por parcial ou limitada que vos pareza, é imprescindíbel. Habemos de perder o medo a non entender o que nos din e pensar, máis ben, que só os entenderemos realmente se os lemos. E esa lectura non pode realizarse sen ter en conta o contexto (social, histórico, filosófico...) no que o autor escribe a súa obra.
Ou sexa: que a lectura é o primeiro instrumento necesario para o noso propósito e, en relación con ela, claro, teremos que falar do resumo, da análise, do comentario de textos e doutro conxunto de técnicas útiles para expoñer, chegado o caso, o que aprendemos.
O outro elemento do que dispoñemos é a nosa capacidade de razoamento abstracto, conceptual. Descartes, ao principio do "Discurso do método", unha das súas obras fundamentais, lémbranos, non sen certa ironía, que todos parecemos moi satisfeitos da razón ("bon sens") con que a natureza nos obsequiou, pero que, posuíndo todos a mesma, talvez non saibamos utilizala correctamente, e de aí as difrenzas entre os seres humanos respecto ao coñecemento. Tampouco abonda, lémbranos, ter unha "boa" razón, senón que o principal é aplicala ben. Para el, o problema non estriba na falta de capacidade, pois, senón na falta de método.
Tamén che poden servir de referencia, ou polo menos de repaso, as "orientaciones metodológicas" desta web en castelán para estudantes de Secundaria, aplicadas á aprendizaxe do inglés como lingua estranxeira.