A filosofía de Platón
5.3. Sociedade e política: a educación e o goberno na República
A educación e o goberno na República
Esa educación correrá a cargo do Estado, en ningún caso a cargo das familias, para evitar as influencias negativas que supoñen as narracións que as nais e as amas contan aos nenos pequenos. Os nenos deben comezar o seu proceso educativo a través de actividades lúdicas, para o cal os educadores da cidade ideal elixirán aqueles xogos que consideren axeitados para desenvolver nos nenos a comprensión das normas dos xogos e, con iso, un primeiro achegamento ao valor e sentido da lei. As primeiras ensinanzas que recibirán centraranse en torno á poesía e á música. Non obstante, o uso que fan os poetas da linguaxe permítelles disfrazar todo tipo de narracións, incluso aquelas que poden resultar negativas, baixo a beleza e o encanto das súas palabras, polo que poidan resultar moi perniciosos; esa é a razón de que a poesía se vexa gravemente censurada na cidade ideal de Platón. Corresponderá aos educadores da cidade ideal determinar que tipo de poemas se deben estudar: aqueles axeitados para suscitar o amor a calquera manifestación da virtude.
A música formará parte tamén do educación, analizando a forma e o ritmo dos poemas e o acompañamento que lles resulte necesario. O estudo do ritmo e a harmonía suscitará neles unha elevación cara á comprensión e o respecto das obras belas e puras, o que os afastará do vicio. O amor pola beleza desenvolverá neles a xenerosidade, a grandeza de alma, a moderación e a coraxe. A estes ensinos unirase a educación física que, axilizando e fortalecendo o corpo contribuirá a desenvolver mellor as virtudes da alma. Todo iso acompañarase dunha alimentación correcta co obxectivo de manter a saúde, e facer da medicina un recurso secundario.
Ao longo deste proceso educativo algúns nenos terán tendencia a abandonar os seus estudos, que lles resultarán difíciles e aínda odiosos, mentres que outros irán desenvolvendo un entusiasmo cada vez maior polo coñecemento. Os primeiros pasarán a formar parte da clase dos artesáns, ao mostrar unha maior inclinación para o contacto co mundo material; os que persistan nos seus estudos pasarán a formar parte da clase dos gardiáns ou auxiliares.
A perseveranza no estudo, entre os que pertencen á clase dos gardiáns, poñerá de manifesto que no individuo predomina a alma racional, polo que serán estes os escollidos para formar a clase dos gobernantes, quen serán sometidos a un proceso educativo que comezará co estudo das matemáticas e terminará co estudo da dialéctica, co coñecemento das Ideas. No caso de que alguén pertencente á clase dos gobernantes perdese posteriormente ese interese polo estudo e polo coñecemento, pasaría a formar parte da clase inferior, a dos auxiliares ou gardiáns. O mesmo ocorrería con quen, pertencendo a clase dos gardiáns, mostrase unha maior inclinación para o gozo dos bens materiais, que pasaría a formar parte entón da clase dos artesáns.
A tarefa de gobernar recaerá, pois, sobre aqueles que coñezan as Ideas, é dicir, sobre os filósofos. É esta unha das características novas da República e que, ao chocar frontalmente coa práctica habitual na época, merece unha explicación que nos ofrece Platón no libro VI. Na Atenas da época o filósofo pasa por ser un personaxe extravagante e, ocupado nos seus estudos e investigacións, non parece ser o individuo idóneo para dirixir a cidade. Pero na cidade ideal, que ha de ser gobernada de acordo coa Idea de Ben, os únicos que acadan ese coñecemento son os filósofos polo que, por paradoxal que pareza, ha de ser a eles a quen lles corresponda gobernar, pois son os únicos que acadan o coñecemento de dita Idea.
A mellor forma de goberno posíbel é aquela na que un filósofo goberne; pero se non é posíbel que un só saliente sobre os demais, o goberno deberá ser exercido por varios filósofos e durante un curto período de tempo, para evitar todos os males que xera a persistencia no poder.
A análise das formas de goberno na República
En función do dito o longo da República, en torno á cidade ideal, Platón realiza unha análise das formas de goberno, que irá graduando da mellor ata a peor.
En primeiro lugar sitúa a aristocracia, é dicir, o goberno dos mellores, que viría representado polo goberno da República ideal; nela os mellores son os que coñecen as Ideas, os filósofos, e o seu goberno estaría dominado pola sabedoría.
A segunda mellor forma de goberno representaríaa a timocracia, o goberno da clase dos gardiáns, que non estaría xa dirixida pola sabedoría, senón pola virtude propia da parte irascíbel da alma, que é a propia de dita clase, abrindo as portas ao desenvolvemento da ambición, que predominaría na seguinte forma de goberno, a oligarquía, o goberno dos ricos, e cuxo único desexo se cifra na acumulación de riquezas. Posteriormente atopamos a democracia, cuxo lema sería a liberdade e igualdade entre todos os individuos e cuxo resultado, segundo Platón, é a perda total do sentido dos valores e da estabilidade social. Non cabe dúbida de que Platón ten en mente a democracia ateniense que tan odiosa lle resultou despois da condena de Sócrates, aproveitando para satirizar o predominio dos discípulos dos sofistas na vida pública.
Por último, no lugar máis baixo da escala, atópase a tiranía, que representaría o goberno do despotismo e da ignorancia, dominado o tirano polas paixóns da parte máis baixa da alma, dando lugar ao dominio da crueldade e da brutalidade.
A análise das formas de goberno no Político
No "Político" ofreceranos outra clasificación das formas de goberno, segundo o criterio da boa ordenación do goberno, é dicir, do respecto das leis. O goberno pode estar en mans dun, de varios, ou de moitos. Se se respectan as leis, a monarquía é a mellor forma de goberno, seguida da oligarquía e, en último lugar, da democracia, polo que a democracia é catalogada como a peor forma dos gobernos que teñen lei; pero se non se respectan as leis entón a xerarquía invértese, sendo mellor a democracia, peor a oligarquía e, en último lugar, a tiranía.
A análise das formas de goberno nas Leis
Nas "Leis" amplíanse algúns dos aspectos tratados na República, respecto á educación, a análise e as funcións da guerra, o endurecemento das leis, etc., nunha dirección na que predomina o pesimismo acerca da posibilidade de implantar a cidade ideal da República e na que Platón tende a deixarse levar por consideracións prácticas, ás veces dificilmente conciliábeis coa vida real, no intento de construír unha sociedade perfecta, illada do tempo e do espazo e de todo posíbel devir.