A filosofía de Platón
e 6. Ética
Á igual que ocorre cos outros aspectos da súa filosofía a ética non é obxecto dun tratado específico no que se aborde o tema sistematicamente. O feito de que moitos dos diálogos platónicos comecen con algunha interrogación sobre a virtude en xeral, ou de determinadas virtudes en particular, mostra claramente, sen embargo, que o interese pola análise do comportamento humano non é algo accidental en Platón. Como vimos na súa concepción da cidade ideal, o obxectivo da vida do ser humano non pode reducirse á satisfacción das súas necesidades materiais; máis alá destas, o ser humano debe ser obxecto dun desenvolvemento completo da súa personalidade, de acordo coas partes máis elevadas da súa alma, a irascíbel e a racional, co fin de acadar unha felicidade identificada coa harmonía da súa vida.
Xustiza e ética
Se a xustiza na cidade reside en que cada clase social faga o que debe facer, a xustiza no ser humano consistirá tamén en que cada parte da alma faga o que debe. Iso implica que a vida boa para o ser humano é unha vida na que se atendan as necesidades "materiais" e as "espirituais". Como xa vimos antes, a idea de que o ser humano debe afastarse de todo o que signifique materia ou teña algo que ver coa corporeidade, defendida no Fedón, non será mantida nos diálogos posteriores, nos que a alma deixa de ser considerada como unha entidade simple e enfrontada ao corpo, e pasa a ser considerada como unha entidade na que podemos distinguir tres partes diferenciadas que permiten explicar, entre outras cousas, os conflitos psicolóxicos da vida do ser humano, recoñecendo nelas as distintas tendencias que configuran a súa natureza. O coñecemento e a satisfacción das necesidades intelectuais deben ir acompañados de saúde, moderación no gozo dos bens materiais, etc., o que pon de manifesto ata que punto a idea de que Platón rexeita dun modo absoluto o corporal é inxustificada. No Banquete, por exemplo, podemos observar como a través do Eros Platón concibe o ascenso cara ás Ideas partindo do amor á beleza que captamos primeiro nas cousas sensíbeis, logo á beleza no ser humano, ata acadar a contemplación da Beleza en si, que se identifica co Ben do que nos fala na República e que representaría o grao superior de coñecemento.
O verdadeiro ben do ser humano, a felicidade, terá que acadarse mediante a práctica da virtude. Pero que é a virtude? Platón acepta fundamentalmente a identificación socrática entre virtude e coñecemento. A falta de virtude non supón unha perversión da natureza humana; pola súa propia natureza o ser humano busca o ben para si, pero se descoñece o ben pode tomar como bo, erroneamente, calquera cousa e, en consecuencia, actuar incorrectamente; a falta de virtude é equivalente, pois, á ignorancia. Só quen coñece a Idea de Ben pode actuar correctamente, tanto no público como no privado, dinos Platón na República, ao terminar a exposición e análise do mito da caverna. Cando alguén elixe unha actuación que é manifestamente mala faino, segundo Platón, crendo que o tipo de conduta elixida é boa, xa que ninguén opta polo mal sabéndoo e adrede. Neste sentido a virtude cardinal sería a prudencia, a capacidade de recoñecer o que é verdadeiramente bo para o ser humano e os medios de que dispón para acadalo. A dependencia con respecto ao intelectualismo socrático é clara na reflexión ética de Platón.
Na República fálanos Platón de catro virtudes principais: a sabedoría, a coraxe ou fortaleza de ánimo, a temperanza e a xustiza. Como vimos, estabelece unha correspondencia entre cada unha das virtudes e as distintas partes da alma e as clases sociais da cidade ideal. A parte máis elevada da alma, a parte racional, posúe como virtude propia a sabedoría; pero a xustiza, a virtude xeral que consiste en que cada parte da alma cumpra a súa propia a función, estabelecendo a correspondente harmonía no ser humano, impón os límites ou a proporción na que cada unha das virtudes ha de desenvolverse no ser humano. O feito de que Platón teña unha concepción absoluta do Ben fai que a función da parte racional da alma siga sendo fundamental na organización da vida práctica do ser humano, da súa vida moral.