A filosofía de Platón


Busto de Platón

5.2. Sociedade e política: as clases sociais na República

A sociedade ideal

Como sería, pois, a cidade ideal? Dado que a cidade debe existir para satisfacer as necesidades dos ser humanos, xa que estes non son independentes uns doutros nin autosuficientes para fornecerse, o primeiro fin que debe garantir toda sociedade é un fin económico. Os seres humanos teñen diferentes capacidades e habilidades, sendo preferíbel que cada un desenvolva as que posúe por natureza, o que introduce a división do traballo na organización da sociedade. Nunha cidade ideal deberán existir, polo tanto, todo tipo de traballadores: granxeiros, carpinteiros, labradores, ferreiros, etc, de xeito que todas as necesidades básicas queden garantidas, pois nunha cidade ideal non pode faltar de nada. Sen embargo, continúa Sócrates, unha sociedade que só atendese as necesidades materiais básicas sería unha sociedade demasiado dura, pois o ser humano necesita tamén satisfacer outras tendencias da súa natureza relacionadas coa arte, a poesía, a diversión en xeral, etc.. O fin da cidade, que comeza sendo estritamente económico, non se limita á produción de bens materiais, senón que se encamiña máis ben a facer posíbel unha vida feliz para o ser humano.

A medida que a sociedade aumenta en número de cidadáns, os recursos necesitan ser ampliados, o que pode dar lugar á conquista de territorios veciños para satisfacer as necesidades de todos, conducindo á guerra; pero se seguimos o mesmo principio de división do traballo terá que haber especialistas na guerra, que sexan os encargados exclusivamente das actividades bélicas, aos que Sócrates chamará gardiáns da cidade. Falta aínda algo nesta cidade ideal: determinar quen serán os encargados de gobernala. Á clase dos artesáns e dos gardiáns habemos de engadir unha terceira clase, a dos gobernantes. Estes serán escollidos de entre os mellores dos gardiáns, que serán chamados desde entón "auxiliares", reservando o termo de gardiáns para a clase dos gobernantes.

As clases sociais na República

Da análise das necesidades sociais que debe garantir unha sociedade ideal deduce Sócrates, pois, a necesaria existencia de tres clases sociais: a dos artesáns, a dos guerreiros ou auxiliares, e a dos gobernantes ou gardiáns. Pero cada unha destas clases ha de ter unhas características distintas ás que posúen na sociedade actual di Sócrates.

A clase dos artesáns, que xeralmente realiza as actividades produtivas pero non obtén os beneficios económicos da súa produción, o que é fonte de conflitos, ha de ser na cidade ideal a posuidora da riqueza; do mesmo xeito será a única clase que teña dereito á propiedade privada e á familia; e ha de permitírselle gozar dos praceres materiais que derivan da posesión da riqueza.

A clase dos guerreiros ou auxiliares, polo contrario, non pode ter acceso a riqueza, para evitar a tentación de defender os seus intereses privados en lugar dos intereses colectivos, e terminar utilizando a forza contra os cidadáns; estarán desproveitos de propiedade privada, e tampouco terán familia, debendo vivir nuns barracóns nos que teñan todo o necesario para realizar as súas actividades, e nos que vivirán de forma comunitaria, compartíndoo todo homes e mulleres, pois non hai ningunha razón para excluír ás mulleres de ningún tipo de actividade, xa que tanto no home como na muller atópanse similares does ou calidades naturais, igualmente útiles para a cidade.

A clase dos verdadeiros gardiáns ou gobernantes, por mor das súas responsabilidades e pola importancia das tarefas que lle encomenda Platón, (o bo goberno e o conseguinte beneficio para toda a sociedade), tampouco terá acceso á propiedade privada nin á familia, debendo velar unicamente polo bo goberno da cidade; deberán centrarse no estudo a fin de coñecer o bo para gobernar axeitadamente a cidade, polo que a súa vida estará afastada de todas as comodidades innecesarias para cumprir a súa función.

A pertenza a unha ou outra clase social na República

Como se determinará quen han de pertencer a unha ou outra destas clases sociais? Dende logo que non en función da orixe familiar, como ocorre na sociedade ateniense da época. Será necesario para iso estabelecer un proceso educativo no curso do cal se puidera determinar que tipo de natureza ten cada ser humano e, polo tanto, a que clase social ha de pertencer.

Aquí estabelece Sócrates unha comparación entre a natureza do Estado e a natureza do individuo: do mesmo xeito que no estado atopamos tres clases sociais, atopamos no individuo tres partes da alma, correspondéndolle unha virtude a cada unha delas. O paralelismo entre a moral individual e a moral do Estado permite estabelecer que a virtude que lle corresponde a cada clase social ha de corresponderlle aos individuos que a constitúen. A virtude da clase os artesáns é a temperanza, é dicir, o gozo con moderación dos bens materiais; a virtude propia da clase dos guerreiros ou auxiliares é a valentía ou coraxe; e a virtude propia dos verdadeiros gardiáns gobernantes é a sabedoría.

Agora ben, estas tres virtudes pertencen, cada unha delas, a unha parte da alma: a sabedoría á alma racional; a valentía á alma irascíbel e a temperanza á alma concupiscíbel. Aqueles nos que domine a alma racional han de pertencer, polo tanto, á clase dos verdadeiro gardiáns ou gobernantes; nos que predomine a alma irascíbel, á clase dos guerreiros ou auxiliares; e nos que predomine a alma concupiscíbel, á clase das artesáns.

Determinada xa a virtude que lle corresponde a cada clase social estaremos en condicións de determinar no que pode consistir a xustiza na cidade ideal: a xustiza consistirá, (ao non poderse identificar coa sabedoría, nin coa coraxe, nin coa temperanza, que son as virtudes propias de cada clase), en que cada clase social (e cada cidadán ) se ocupe da tarefa que lle corresponde. A inxustiza consistirá na inxerencia arbitraria dunha clase social nas funcións doutra: que os auxiliares ou os artesáns pretendan gobernar, por exemplo.

Correspodencia entre as clases sociais, tipos de alma e virtudes
Clase social Tipo de alma Virtude
Gobernantes Racional Sabedoría
Guerreiros Irascíbel Coraxe
Artesáns Concupiscíbel Temperanza

Se a pertenza a unha clase social vén determinada pola natureza da alma, e non por herdanza, unha sociedade tal ha de dar unha importancia primordial á educación. Será, en efecto, a través de ese proceso educativo como se seleccionen os individuos que han de pertencer a cada clase social, en función do seu tipo de alma; e iso determinará o tipo de educación que recibirá cada individuo en función da clase social á que deba pertencer.

Na República estabelece Platón detalladamente o programa de estudos que debería imperar na cidade ideal, facendo especial fincapé na educación dos gobernantes. Todos os nenos e nenas deberían recibir inicialmente a mesma formación. Platón considera que a educación recibida nos primeiros anos da vida é fundamental para o desenvolvemento do individuo, polo que na cidade ideal ninguén ha de ser privado dela, nin en razón do seu sexo nin por ningunha outra causa: o proceso educativo ten, ao mesmo tempo que un obxectivo formativo, a misión de determinar que tipo de alma predomina en cada individuo, é dicir, a súa natureza, en virtude da cal formará parte dunha ou outra clase social.