Platón
Biografía (- 428 a - 347)
Os primeiros anos
Platón naceu en Atenas, (ou en Egina, segundo outros, seguindo a Favorino), probabelmente no ano 428 ou no 427 a. c. de familia pertencente á aristocracia ateniense, que se reclamaba descendente de Solón por liña directa. O seu verdadeiro nome era Aristocles, e disque foi chamado Platón polo amplo dos seus lombos, segundo recolle Dióxenes Laercio na súa "Vida dos filósofos ilustres", anécdota que foi posta en interdito. Os pais de Platón foron Aristón e Perictione, quen tiveron outros dous fillos, Adimanto e Glaucón, (que aparecerán ámbolos dous como interlocutores de Sócrates na República), e unha filla, chamada Potone.
Trala morte do seu pai, sendo neno Platón, a súa nai contraeu novas nupcias con Pirilampo, amigo de Pericles, correndo a educación de Platón ao seu cargo, polo que se supón que Platón puido recibir un ensino propio das tradicións democráticas do réxime de Pericles.
En todo caso, Platón recibiu a educación propia dun mozo ateniense ben situado, necesaria para dedicarse de cheo á vida política, como correspondía a alguén da súa posición. Segundo Dióxenes Laercio chegou a escribir poemas e traxedias na súa mocidade, aínda que non poidamos aseguralo. Tamén se di que foi discípulo do heracliteano Cratilo, noticia esta que tampouco parece posíbel confirmar. A vocación política de Platón está constatada, sen embargo, polas súas propias declaracións, na coñecida carta VII; pero a súa realización viuse frustrada pola participación de dous parentes seus, Cármides e Crítias, na tiranía imposta por Esparta logo da guerra do Peloponeso, coñecida como a dos Trinta Tiranos, e que exerceu un represión violenta e encarnizada contra os lideres da democracia. Sen embargo, o interese político non o abandonara nunca, e verase reflectido nunha das súas obras cume, a República.
A influencia de Sócrates
No ano 407, á idade de vinte anos, coñeceu a Sócrates, quedando admirado pola personalidade e o discurso de Sócrates, admiración que lle acompañará toda a vida e que marcará o devir filosófico de Platón. Non parece probábel que Platón mantivese unha relación moi intensa co que considerou o seu mestre, se entendemos o termo relación no seu sentido máis persoal; si é certo que entendida no seu sentido máis teórico hóuboa, e dunha intensidade que raia na dependencia. Pero tamén sobre a súa relación con Sócrates hai posicións contraditorias. O que non estivese presente na morte de Sócrates fixo pensar que non pertencía ao círculo íntimo de amigos de Sócrates; sen embargo, parece que si se ofreceu como aval da multa que presumibelmente a Asemblea impoñería a Sócrates, antes de que cambiase a súa decisión pola condena a morte.
Primeiras viaxes
No ano 399, trala morte de Sócrates, Platón abandonou Atenas e instalouse en Megara, onde residía o filósofo Euclides, quen fundara unha escola socrática nesa cidade. Posteriormente parece que realizou viaxes por Exipto e estivo en Cirene, (noticias ambas, aínda que probábeis, difíciles de contrastar, xa que Platón non se referiu nunca a tales viaxes, polo que tamén é probábel que logo dunha breve estadía en Megara regresase a Atenas ) indo posteriormente a Italia, onde coñecería a Arquitas de Tarento, quen dirixía unha sociedade pitagórica, e con quen trabou amizade.
Convidado á Corte de Dionisio I, en Siracusa, fíxose amigo de Dión, que era cuñado de Dionisio, e con quen concibiu a idea de poñer en marcha certas ideas políticas sobre o bo goberno (ao parecer, as expostas logo na República) que requirían a colaboración de Dionisio. Disque as condicións da Corte non eran as mellores para emprender tales proxectos, exercendo Dionisio como tirano de Siracusa; irritado pola franqueza de Platón, segundo a tradición, retívoo prisioneiro ou fíxoo vender como escravo en Egina, entón inimiga de Atenas, sendo rescatado finalmente por un concidadán que o devolveu libre a Atenas.
A Academia
Unha vez en Atenas, no ano 388-387, fundou unha escola filosófica, a Academia, nome que recibiu por acharse preto do santuario dedicado ao heroe Academos. A Academia de Platón, se a comparamos cos centros de estudo modernos, podemos dicir que foi unha especie de "Universidade" na que se estudaban todo tipo de ciencias, como as matemáticas (da importancia que concedía Platón aos estudos matemáticos dá conta a lenda que rezaba na fronte da Academia: "que ninguén entre aquí que non saiba matemáticas"), a astronomía, ou a física, ademais dos outros saberes filosóficos e, disque, cunha organización similar á das escolas pitagóricas, o que puido comportar un certo carácter secreto, ou mistérico, dalgunhas das doutrinas alí ensinadas. A Academia continuará ininterrompidamente a súa actividade ao longo dos séculos, pasando por distintas fases ideolóxicas, ata que Xustiniano decrete o seu peche no ano 529 da nosa era.
Últimas viaxes
No ano 369 emprende unha segunda viaxe a Siracusa, convidado por Dión, esta vez á Corte de Dionisio II, fillo de Dionisio I, co obxectivo de facerse cargo da súa educación; pero os resultados non foron mellores que co seu pai; tras algunhas dificultades (disque estaba en situación de semi-prisión) consegue abandonar Siracusa e regresar a Atenas. Tamén Dión tivo que refuxiarse en Atenas por inimizade con Dionisio I, onde continuará a amizade con Platón. Uns anos despois, no 361, e a pedimento de Dionisio II, volve a realizar unha terceira viaxe a Siracusa, fracasando igual que nas ocasións anteriores, e regresando a Atenas no ano 360 onde continuou as súas actividades na Academia, sendo gando progresivamente pola decepción e o pesimismo, o que se reflicte nas súas últimas obras, ata a súa morte no ano 348-347.