A filosofía de Platón


Busto de Platón

3.5. Antropoloxía e psicoloxía: a alma na "República" e no "Timeo"

A alma e a súa natureza tripartita na "República" e no "Timeo"

Na República aparece varias veces a división tripartita da alma: razón, sentimentos e paixóns, coas mesmas características que no Fedro. A parte racional é a encargada de dirixir e controlar a actividade do ser humano, e dicir, a alma que predomina na clase dos gobernantes da cidade ideal da que nos fala na República; a parte irascíbel é a responsábel dos bos sentimentos do ser humano, e é a propia da clase dos guerreiros; e a parte concupiscíbel é a que predomina na clase das artesáns, que é a posuída pola maioría da poboación. O tipo de ser humano que se é depende, pois, do tipo de alma que se posúa; e o tipo de alma, depende de cal das súas partes predomine.

No Timeo volverase a expoñer a teoría da alma, explicando a súa procedencia e describindo a súa creación con certo detalle e insistindo na súa configuración tripartita. Despois de crear a alma do mundo, o Demiurgo crea as almas particulares; a parte inmortal, a racional, creada directamente a partir da alma do mundo, é situada no cerebro; a parte irascíbel é colocada no tórax e a concupiscíbel no abdome. Séguenselle atribuíndo as mesmas funcións que viramos fundamentalmente no Fedro e na República.

O destino da alma

Debuxo dun carro grego da época das guerras contra Persia

Cal é o destino da alma? Se a alma é inmortal ¿Onde vai despois da morte do ser humano? Platón trata o tema en varios dos seus diálogos: no Gorgias e no Fedón, en senllos mitos do xuízo final; e na República no coñecido mito de Er. En todos eles atopamos unha dimensión moral, segundo a cal merécese unha recompensa ou un castigo pola vida que se levou na terra. Iso expón o problema de determinar se a inmortalidade da alma é meramente substancial ou é persoal, e se subsisten todas as partes da alma ou soamente a racional. Aténdose ás formulacións morais, expostas nos mitos do xuízo final anteriormente citados, o feito de recoñecer a necesidade dunha recompensa ou dun castigo pola vida levada sobre a terra levou a algúns estudosos a afirmar que Platón concibe algún tipo de subsistencia da identidade persoal. Non obstante, se temos en conta que as partes inferiores da alma só teñen sentido en conxunción coa vida corporal, todo parece indicar que Platón acepta a inmortalidade soamente da parte intelectual ou racional da alma; polo menos iso é o que podemos deducir das formulacións metafísicos de Platón; no Timeo, una obra do periodo de vellez, efectivamente, denomina a esta parte "a parte inmortal", e ás outras dúas partes, "as partes mortais"; polo demais, as funcións irascíbel e concupiscíbel requiren un corpo para poder executarse, e só teñen sentido na súa interacción con el. O destino da parte inmortal da alma -a racional- sería, pois, a reintegración na alma do mundo.