A filosofía de Platón
3.3. Antropoloxía e psicoloxía: inmortalidade e simplicidade da alma no "Fedón"
3.3) A inmortalidade e simplicidade da alma no "Fedón"
No Fedón, diálogo no que se relata a conversa que tivo Sócrates cos seus amigos o último día da súa vida, discútese preferentemente o tema da inmortalidade da alma. O tema é complexo, aínda que a unidade do diálogo pódese ver con claridade. Ao principio Sócrates afirma dúas cousas: a) que estamos na vida colocados nun lugar por vontade dos deuses e b) que o filósofo debe aspirar a abandonar esta vida. Como esas dúas afirmacións parécenlle contraditorias a Cebes, (o principal interlocutor no diálogo, xunto con Simmias), Sócrates comeza a demostrar que o verdadeiro filósofo debe afrontar a morte con valentía e que pode esperar unha vida feliz no outro mundo.
Por que o verdadeiro filósofo non teme a morte? Porque ela liberao do corpo, que é un obstáculo para a alma na busca da verdade. Pero, para que o filósofo, liberado do corpo, poida acadar a verdade unicamente coa súa alma, é necesario entón que esta sexa inmortal. Sócrates vese entón obrigado a demostrar a inmortalidade da alma. Esta demostración non se fai para xustificar a súa esperanza, senón que é tan importante en si mesma que ocupa o lugar principal da obra, que ben puido ser elaborada en función dela. Unha vez feita a demostración, Sócrates saca as consecuencias morais: os bos serán recompensados e os malos castigados no outro mundo. E para darnos unha idea desoutro mundo e das moradas reservadas ás almas, expón, en forma de mito, a súa concepción das tres partes da terra: a terra pura e superior, a que nós habitamos e a terra subterránea.
Atopamos, pois, no Fedón, unha concepción do ser humano na que o dualismo alma/corpo lévase ao extremo, estabelecendo un divorcio radical entre ámbolos dous elementos. Xa desde a introdución faise fincapé no carácter de cárcere que ten o corpo respecto á alma, polo que a morte, na medida que significaría a liberación do corpo para a alma, chega a presentarse como o fin que debe perseguir a alma filosófica, e que a filosofía, en tal sentido, non é máis que unha preparación para a morte. Á alma, polo demais, é considerada como unha realidade simple cuxa natureza se identifica coa razón ou intelecto; non hai ningunha relación pois entre a alma e as paixóns ou a sensibilidade, que serán calidades dun corpo que debe ser controlado o máis rixidamente posíbel pola alma. En ningún outro diálogo manterá Platón unha oposición tan radical entre a alma e o corpo, polo que intentar expoñer o pensamento definitivo de Platón sobre o ser humano a partir exclusivamente do Fedón sería, certamente, falsealo.
Os argumentos para demostrar a inmortalidade da alma no Fedón son os seguintes: a) o dos contrarios; b) o da reminiscencia; c) o da simplicidade; d) o do principio vital.
a ) O argumento dos contrarios está baseado nunha vella concepción da cultura grega segundo a cal os contrarios proceden uns doutros, combinada coa crenza de que as nosas almas van de aquí a outro mundo e que desoutro mundo retornan a este. As almas viventes procederían, entón, de almas mortas, e estas daquelas. Non queda moi claro o argumento que utiliza Sócrates para defender a inmortalidade da alma, aínda que a relaciona coa interpretación circular da temporalidade e, polo tanto, coa idea de ciclo: "Pois se unhas cousas non desen lugar sempre a outras, ao xerarse, coma se se movesen circularmente, senón que unha cousa se transformase noutro nun movemento rectilíneo cara ao seu oposto, sen volver de nova na súa viaxe de retorno, ocorrería que todas as cousas ao final terían a mesma forma, acadarían o mesmo estado e deixarían de producirse."
b ) O segundo argumento está baseado na teoría da reminiscencia, e é similar ao que se propón no "Menón", coa particularidade de que aquí xa hai unha referencia clara á teoría das Ideas. Se se admite que existen as Ideas e que o coñecemento é a lembranza destas, entón a alma tivo que existir antes desta vida. Existirá tamén despois desta vida? Aplicando a forza do primeiro argumento, o dos contrarios, ha de deducirse que deberá seguir existindo tamén despois desta vida, polo que é inmortal.
c ) O terceiro argumento tamén está baseado na teoría das Ideas. Se existen as Ideas entón temos dous tipos de existencia: o das Ideas e o das cousas. O primeiro caracterízase pola simplicidade, a eternidade e a inmutabilidade; o segundo pola composición ou pluralidade, a caducidade e o cambio constante. Se a natureza da alma lle confire o papel de coñecer as Ideas (Formas) e dirixir o corpo, ha de ser semellante ás Ideas ou Formas, polo que ha de ser simple e non composta. Agora ben, o simple é incorruptíbel, polo que a alma ten que ser inmortal.
d ) Hai aínda un cuarto intento por demostrar a inmortalidade da alma, apoiándose, esta vez, na idea tradicional de que a alma é o principio vital dos seres: todo o que ten alma ten, pois, vida, e a vida acompaña necesariamente á alma; sería contraditorio admitir que o principio vital "morre", polo que a alma ha de ser inmortal.
Á alma, no Fedón, non soamente é inmortal senón que Platón identifícaa fundamentalmente coa mente ou intelecto, e oponse frontalmente ao corpo sendo, ademais, de natureza afín ás Ideas eternas, inmutábeis e simples. Polo demais, a separación entre as Ideas e as cousas reprodúcese coa mesma intensidade entre a alma e o corpo.