A filosofía de Platón


Busto de Platón

3.2. Antropoloxía e psicoloxía: a inmortalidade da alma no "Menón"

Evolución da concepción da alma en Platón

As referencias á inmortalidade da alma, así como os primeiros intentos por abordar a súa demostración, atopámolos nos chamados diálogos de transición; aínda que será nos diálogos de madurez, (no Fedón, Fedro...), onde se desenvolvan as probas fundamentais, sendo posteriormente ratificada a crenza na inmortalidade da alma nun dos diálogos de vellez, no Timeo. Polo que respecta aos diálogos de transición a inmortalidade da alma aparece referida no mito do día do xuízo final, do Gorgias; pero será sobre todo no Menón onde atoparemos unha primeira demostración da súa inmortalidade, baseada na tamén innovadora teoría da reminiscencia (anamnese).

3.2) A inmortalidade da alma no "Menón"

O Menón ten por obxecto a investigación acerca de se a virtude é ensinábel. O mozo Menón dialoga con Sócrates acerca desta cuestión e, á igual que ocorre noutros diálogos, Sócrates leva a discusión cara ao tema da definición universal: como poderemos saber se a virtude é ensinábel, ou non, se non sabemos antes o que é a virtude? Antes de decidir se tal obxecto posúe ou non tal calidade é necesario saber que é ese obxecto, polo que a discusión encamiñase cara a busca da definición universal da virtude. Despois de propoñer algunhas definicións de virtude que Sócrates demostra ser inaceptábeis, e diante a dificultade de atopar unha definición universal da virtude, Menón pregúntalle a Sócrates que como se pode investigar algo que non se coñece. Sócrates recoñece a dificultade do argumento de Menón, ao que cualifica de "argumento polémico", posto que del se segue que non se pode investigar nada: nin o que se coñece, porque xa se coñece; nin tampouco o que non se coñece, pois, en caso de encontralo, como saberiamos que era o que estabamos procurando? A alternativa que propón Sócrates é a dunha nova explicación do coñecemento: a teoría da reminiscencia, que di que coñeceu grazas a Diotima, unha sacerdotisa experta nas cousas divinas. Aprender non é apropiarse de algo alleo á alma, senón recuperar o que a alma xa posuía dalgunha maneira, é dicir, lembrar “o que desde logo xa sabía”. Cando coñeceu a alma o que lembra? Xa que non foi nesta vida tivo que ser necesariamente nunha vida anterior, de onde se segue que a alma non morreu ao pasar da vida anterior a esta presente, ou sexa, que é inmortal. Pero aínda non atopamos aquí unha referencia clara á teoría das Ideas, así que sería precipitado supoñer que son as Ideas o que coñeceu a alma na outra vida. Por suposto que a inmortalidade da alma depende directamente da aceptación da teoría da reminiscencia: se non aceptamos a teoría da reminiscencia como superamos o argumento polémico que expón Menón? Nese caso teriamos que renunciar á investigación, o que nin Sócrates nin Menón parecen dispostos a aceptar.