A filosofía de Platón
3.1. Antropoloxía e psicoloxía: a alma na tradición grega e en Platón
A concepción do ser humano en Platón está tamén inspirada na teoría das Ideas. O ser humano é o resultado dunha unión "accidental" entre a alma, inmortal, e o corpo, material e corruptíbel, dúas realidades distintas que se atopan unidas nun só ser de modo provisional, de tal xeito que o máis propiamente humano que hai no ser humano é a súa alma, á que lle corresponde a función de gobernar, dirixir, a vida humana. Tanto a concepción da alma como a das súas funcións en relación co corpo sufrirán diversas modificacións ao longo da obra de Platón, aínda que sempre se manterá a afirmación da súa unión accidental.
A alma na tradición grega
A idea de que existe unha alma (psyche), non obstante, non é en absoluto orixinal de Platón. Tanto a tradición cultural grega como a doutras moitas culturas da época dan por suposto a existencia da "alma", e o termo que utilizan para referirse a ela significa primordialmente "principio vital", entendendo por iso, xa que logo, unha sorte de potencia ou capacidade que dá a vida aos seres. Parece obvio, pois, que todo ser vivo ha de posuír ese principio vital, ou "alma", por definición. Na tradición grega o tema da existencia da alma non representa, pois, ningún problema, desde esa perspectiva. Na tradición homérica, por exemplo, atopamos referencias non só á alma, senón tamén a unha vida posterior á morte; aínda que esta vida posterior non pase de ser unha imaxe fantasmal da vida plena sobre a terra, que se cambiaría de novo gustosamente, si se puidera, pola vida terrestre. Tampouco parece haber nada superior na alma, no sentido de que sexa a parte máis nobre ou elevada do ser humano.
3.1) A alma en Platón
Mais Platón non se limita a afirmar a existencia da alma, senón que a dota tamén doutras características, ademais da de ser "principio vital". E é nestas características onde se atopa a orixinalidade da interpretación platónica. Á alma, dinos Platón, é inmortal, transmigra duns corpos outros e é, ademais, principio de coñecemento. Na medida que coñecemos "pola” alma, esta ha de ser homoxénea co obxecto coñecido, é dicir, coas Ideas, polo que non pode ser material. A idea de que a alma é inmortal e transmigra colleuna Platón, case con toda seguridade, dos pitagóricos. Pola súa vez estes tomárana con probabilidade do orfismo, movemento de carácter relixioso e mistérico que se desenvolve en Grecia a partir do século VIII, e cuxa creación foi atribuída a Orfeo. Tratábase, disque, dunha renovación do culto dionisíaco que se propoñía acadar a purificación a través de rituais ascéticos, na crenza da inmortalidade e transmigración (metempsicose) das almas, que se atoparían encerradas no corpo como no cárcere. Pero, para quen non fosen próximos ao orfismo ou ao pitagorismo, a afirmación da inmortalidade da alma non podía deixar de serlles unha afirmación sorprendente. De aí a necesidade de Platón de demostrar dita inmortalidade.