A filosofía de Locke


John Locke

5. O coñecemento. Niveis e tipos de coñecemento

A análise do coñecemento

Vimos xa, ao falar da orixe e clasificación das ideas, que as ideas son contidos mentais, aínda que procedan ou deriven da experiencia. Sendo o coñecemento unha operación do entendemento, os obxectos inmediatos sobre os que ha de versar serán as ideas (contidos mentais) e non as cousas. Así, o coñecemento consistirá en certas operacións que realizamos coas ideas, operacións que se refiren á capacidade que temos de percibir a conexión e o acordo ou desacordo entre elas. ("O coñecemento é a percepción do acordo ou desacordo de dúas ideas", Ensaio, IV, C.I). O entendemento non pode acceder ás cousas, senón só aos seus propios contidos mentais, as ideas. O coñecemento, pois, non poderá consistir no acordo ou desacordo entre as ideas e as cousas, como mantiña a interpretación aristotélica, senón no acordo ou desacordo das ideas, é dicir, entre os contidos mentais aos que ten acceso. Esta posición expoñerá serios problemas en relación co noso coñecemento da existencia das cousas, os obxectos externos á nosa mente, especialmente no referido á existencia de Deus. Locke tratará de superar esta dificultade distinguindo as diversas formas nas que podemos interpretar a noción de acordo ou desacordo entre as ideas. Así, podemos falar de "acordo" en catro sentidos.

1. Cando nos referimos á identidade dunha idea, da que dun modo inmediato estamos seguros e non confundimos con outra, como ocorre cando estamos seguros de que a idea de "branco" non é a de "vermello".

2. Podemos falar tamén do acordo ou desacordo que hai entre dúas ideas, como ocorre nas matemáticas, onde podemos determinar a relación ou ausencia de relación entre as ideas.

3. Tamén podemos interpretar o "acordo" como coexistencia dunha idea con outras, como ocorre cando nos referimos a unha substancia particular, e estamos seguros de que unha característica desa substancia (que é unha idea complexa) acompaña sempre ás demais características coas que forma a idea complexa de tal substancia.

4. Por último refírese Locke ao acordo ou desacordo da idea de algo coa existencia real dese algo, co que parece aceptar a posibilidade de coñecer a relación non só entre ideas, senón tamén entre as ideas e as cousas (o que esixiría do entendemento poder ir alén dos contidos mentais fornecidos pola experiencia, proposición que contradí os seus propios principios empiristas).

Niveis ou graos de coñecemento

Descartes propuxera a existencia de dous tipos de coñecemento: o coñecemento intuitivo e o coñecemento dedutivo. Inspirado no modelo do coñecemento matemático, a partir da intuición de ideas claras e distintas (é dicir, ideas das que non podemos dubidar) ábrese un proceso dedutivo que nos pode levar ao coñecemento de todo canto é posíbel coñecer, se seguemos o método correcto. Malia os seus principios empiristas, Locke acepta esta clasificación cartesiana, á que engadirá, non obstante, unha terceira forma de coñecemento, sensíbel, da existencia individual.

Locke distinguirá, pois, tres niveis ou tipos de coñecemento: o coñecemento intuitivo, o coñecemento demostrativo e o coñecemento sensíbel.

O coñecemento intuitivo dáse cando percibimos o acordo ou desacordo das ideas de modo inmediato, a partir da consideración de tales ideas e sen ningún proceso mediador. ("... ás veces a mente percibe dun modo inmediato o acordo ou desacordo de dúas ideas por si soas, sen intervención de ningunha outra; e a isto, creo, pode chamarse coñecemento intuitivo", Ensaio, IV, C.2). O que percibimos por intuición non está sometido a ningún xénero de dúbida e Locke considera que este tipo de coñecemento é o máis claro e seguro que pode acadar a mente humana. Como exemplo máis claro de coñecemento intuitivo proponnos Locke o coñecemento da nosa propia existencia, que non necesita de proba algunha nin pode ser obxecto de demostración, seguindo claramente a posición cartesiana sobre o carácter intuitivo do coñecemento do "eu". ("Polo que fai á nosa propia existencia, percibímola tan claramente e con tanta certeza, que nin require, nin é capaz de proba algunha, porque nada pode ser para nós máis evidente que a nosa propia existencia", Ensaio, IV, C.9). É certo que Locke non explica con demasiada amplitude as características dese "eu", pero en todo caso non se está referindo ao coñecemento dunha alma inmortal, senón só a unha existencia pensante.

O coñecemento demostrativo é o que obtemos ao estabelecer o acordo ou desacordo entre dúas ideas recorrendo a outras que serven de mediadoras ao longo dun proceso discursivo no que cada un dos seus pasos é asimilado á intuición. O coñecemento demostrativo sería, pois, unha serie continua de intuicións (coma o coñecemento dedutivo en Descartes) ao cabo da cal estariamos en condicións de demostrar o acordo ou desacordo entre as ideas en cuestión, e corresponderíase co modelo de coñecemento matemático. ("En cada paso que dá a razón cando se trata do coñecemento demostrativo, hai un coñecemento intuitivo acerca do acordo ou da desavinza que busca respecto á próxima idea intermedia que usa como proba", Ensaio, IV, C.2). Un coñecemento deste tipo é o que temos da existencia de Deus dinos Locke. Calquera demostración ha de partir dalgunha certeza intuitivo; no caso da demostración da existencia de Deus Locke partirá do coñecemento intuitivo da nosa propia existencia, recorrendo a outras ideas intermedias, que proceden tamén da intuición, que nos permiten demostrar a necesidade de tal existencia. Pero o exemplo máis claro de coñecemento demostrativo é, sen lugar a dúbidas, o coñecemento matemático, no que podemos observar o progreso dedutivo a partir dun pequeno número de principios que se consideraban, por aquel entón, evidentes e indemostrábeis: os postulados ou axiomas.

O coñecemento sensíbel é o coñecemento das existencias individuais, e é o que temos do Sol e demais cousas, por exemplo, cando están presentes á sensación. Non deixa de resultar sorprendente que Locke engada esta forma de coñecemento ás dúas anteriores, ás que considera as dúas únicas formas válidas de coñecemento ("na marxe das cales só é posíbel ter fe ou opinión"). Máis aínda se consideramos que o coñecemento ha de versar sobre ideas, como se dixo anteriormente. O coñecemento sensíbel, sen embargo, ofrécenos o coñecemento de cousas, de existencias individuais, que están alén das nosas ideas.

Como é posíbel verificar o acordo ou desacordo entre unha idea (un contido mental) e a existencia do que supoñemos que causa esa idea (algo extramental)? Seguindo os principios empiristas de Locke resultaría imposíbel verificar tal acordo ou desacordo, xa que deberiamos ir alén das ideas, da experiencia. Locke móstrase convencido, non obstante, de que as ideas simples están “causadas por cousas” que actúan sobre a mente para crear tales ideas, polo que han de posuír similitude ou conformidade entre ambas. E non é posíbel atopar outro argumento como xustificación de que posuímos un coñecemento sensíbel sobre as cousas, sobre as existencias particulares.

O problema agrávase se consideramos as ideas complexas, pois nese caso hai unha clara elaboración mental de cuxa concordancia coa existencia real "extramental" non podemos ter nin sequera tal convencemento, como ocorre no caso das substancias particulares, das que Locke xa nos dixera que non podiamos coñecer a súa esencia real. Non obstante, Locke considera que cabe un coñecemento da súa esencia nominal, como vimos anteriormente, xa que a idea complexa de substancia é un feixe ou agregado de ideas simples que teñen, cada unha delas, un correlato sensíbel na realidade extramental, volvendo así á argumentación utilizada coas ideas simples e reencontrando a mesma dificultade. En todo caso, a pesar das dificultades, Locke móstrase convencido da existencia real do mundo, das cousas...

As demais presuntas formas de "coñecemento" non pasarán de ser unha mera probabilidade, ("a probabilidade é a aparencia do acordo das ideas, sobre probas falíbeis"), ou serán englobadas no ámbito da fe é dicir, no que non é coñecemento. ("A fe, en cambio, é o asentimento que outorgamos a calquera proposición que non estea fundada en dedución racional", Ensaio, IV, C.18).