A posibilidade da metafísica. (A dialéctica transcendental)
Vimos xa que as matemáticas e a física poden formular xuízos sintéticos a priori e, xa que logo, acadar un coñecemento universal e necesario, un coñecemento científico. Pode a metafísica formular tales tipos de xuízos sintéticos a priori, e chegar a ser, xa que logo, unha ciencia? Na dialéctica transcendental Kant, partindo dos resultados obtidos anteriormente, analizará esta cuestión, estudando as características desa razón que, na súa actividade pura, pretende acadar tal coñecemento.
Todo o noso coñecemento comeza polos sentidos, pasa destes ao entendemento e termina na razón. Non hai en nós nada superior a esta para elaborar a materia da intuición e sometela á suprema unidade do pensar".
O entendemento é a capacidade de xulgar, é dicir, de atribuír un predicado a un suxeito mediante a formulación dun xuízo. Tomando como referencia as formas do xuízo Kant deduciu as doce categorías ou formas transcendentais a priori do entendemento. A razón, pola súa vez, é a capacidade suprema de pensar e como tal elabora razoamentos, é dicir, inferencias ou siloxismos relacionando xuízos. Se analizamos as formas do siloxismo poderemos deducir os conceptos a priori da razón, do mesmo xeito que anteriormente analizando as formas do xuízo deducíramos os conceptos a priori do entendemento:
A forma dos xuízos (convertida nun concepto da síntese das intuicións) orixinou categorías que dirixen todo uso de entendemento na experiencia. Igualmente, podemos esperar que, se aplicamos a forma dos siloxismos á unidade sintética das intuicións, baixo a guía das categorías, tal forma conterá a orixe de especiais conceptos a priori que podemos denominar conceptos puros da razón ou ideas transcendentais, as cales determinarán, de acordo con principios, o uso de entendemento na experiencia tomado no seu conxunto.
En que consiste o razoamento? O razoamento consiste en enlazar xuízos mediante a formulación de siloxismos. Con estes siloxismos a razón busca a construción de xuízos cada vez máis xerais, na procura de principios ou leis que abarquen o maior número posíbel de fenómenos. Á busca dos principios últimos baixo os cales se poida comprender toda a realidade Kant chámalle a busca do incondicionado, xa que se supón que ese principio último é a condición de todos os fenómenos e, pola súa vez, non depende de ningunha outra causa, é dicir, de ningunha outra condición. A estes conceptos puros a priori da razón, chamaralles Kant ideas transcendentais.
Analizando, pois, as formas dos siloxismos, conclúe que hai tres ideas transcendentais: alma, mundo e Deus. Mediante a idea de alma, di Kant, unificamos todos os fenómenos do psiquismo; a idea de alma é pois a condición incondicionada de todos os fenómenos psíquicos (é dicir , todos os fenómenos que teñen lugar no meu psiquismo teñen que remitirse a un “eu”). Mediante a idea de mundo unificamos todos os fenómenos da experiencia; a idea de mundo é pois a condición incondicionada de todos os fenómenos da experiencia (é dicir, todos os fenómenos da experiencia teñen lugar no mundo). Mediante a idea de Deus unificamos a totalidade dos fenómenos psíquicos e da experiencia nunha única causa da que dependen e pola que son explicados (Deus é a condición incondicionada da existencia da alma e do mundo, a súa causa última).
Pero se ben as ideas transcendentais nos axudan a unificar no pensamento a totalidade dos fenómenos, sexan psíquicos ou da experiencia externa, sen embargo, ao non posuír intuición ningunha das realidades ás que refire a unidade dos fenómenos (Deus, alma, mundo) esas ideas transcendentais non nos ofrecerán ningún coñecemento. Son conceptos puros, sen ningún contido, que só serven para unificar os coñecementos do entendemento, pero que non nos proporcionan eles mesmos coñecemento algún.
A razón, sen embargo, entusiasmada polo avance do razoamento, créese capaz de acadar o coñecemento deses principios últimos, incondicionados, de todo o real; e cae en todo tipo de contradicións: son as antinomías e paraloxismos da razón pura, que Kant analizará posteriormente desmontando todas as ilusións metafísicas concibidas pola razón acerca da posibilidade do seu coñecemento.
A metafísica, pois, aínda que posíbel como disposición natural é imposíbel como ciencia: para que haxa coñecemento ten que ser subsumido un contido empírico baixo unha categoría; pero dos obxectos da metafísica (Deus, mundo, e alma) non posuímos ningún contido empírico. Son conceptos puros (baleiros, sen contido) da razón, ideas transcendentais.
Como resultado da Estética Transcendental e da Analítica Transcendental séguese a distinción de todos os obxectos en fenómenos e nóumenos. Por fenómeno entende Kant o obxecto tal como é percibido por nós unha vez que os contidos da sensación foron sometidos ás formas transcendentais do espazo e o tempo, polo que respecta á sensibilidade, e ás categorías polo que respecta ao entendemento. A única forma posíbel de coñecemento, para nós, é o coñecemento da realidade como fenómeno. O que sexa esa realidade considerada "en si mesma", en canto nóumeno, é dicir, independentemente do noso modo de coñecela, é algo que está fóra do noso alcance. As categorías do entendemento só se poden aplicar a contidos procedentes da intuición sensíbel, (xa que non hai ningún tipo posíbel de intuición intelectual), só se poden aplicar a obxectos dunha experiencia posíbel.
Que ocorre, pois, con esas presuntas realidades que están alén da experiencia posíbel? Que ocorre con Deus, ca alma, co mundo como totalidade, realidades sobre as que a metafísica pretendeu sempre ter un coñecemento certo e seguro? Os conceptos da razón pura, na medida que non poden ser aplicados a ningunha intuición empírica, son baleiros. Conteñen soamente a función unificadora que é propia dos conceptos da razón, pero non poden ofrecernos ningún coñecemento. Ocorre con eles o mesmo que ocorría coas categorías: na medida que pretenden prescindir de toda experiencia posíbel son incapaces de ofrecernos coñecemento algún, xa que todas as súas elaboracións teñen lugar no baleiro. Polo tanto, non teñen valor cognoscitivo. Que quere dicir con iso?
As ideas transcendentais non nos ofrecen ningún coñecemento. Pero iso non significa que Kant non lles conceda valor. Non teñen un uso cognoscitivo, pero si teñen un uso regulador: unifican os coñecementos do entendemento. No seu uso regulador, as ideas transcendentais sinalan, negativamente, os límites que o coñecemento non pode traspasar. E positivamente impulsan ao ser humano a seguir investigando, tratando de acadar unha maior unificación e coherencia entre todos os seus coñecementos.