A personalidade de Kant
"Kant era de complexión enfermiza e de menos que mediana estatura. O seu peito estaba afundido, como pode verse nalgúns dos retratos que del se conservan.
Na súa pequena cabeza sorprendían a súa fronte larga e arqueada e a penetrante mirada dos seus ollos azuis. O seu cabelo era louro, fresco a cor do rostro e todos os seus sentidos finos e moi despertos, aínda nos últimos anos da súa vida. A súa voz era feble, pero capaz de grandes esforzos. O espírito dominaba e gobernaba completamente este corpo enfermizo. Nunha pequena obra, testemuño da súa enerxía e da súa tenacidade, fálanos da maneira como se sobrepoñía a seu doenza. A regularidade e a sinxeleza da súa vida sostiveron aquel organismo enfermizo e previñeron unha grave enfermidade.
Os últimos decenios da súa vida estiveron dominados por unha idea fixa, á cal o subordinaba todo : a idea do seu traballo, da súa creación filosófica. A facilidade con que, sen máis elementos que unhas "espidas noticias", describía animados cadros de pobos e países, demostra a fecundidade e viveza da súa imaxinación, polo menos, na esfera da Historia. As súas leccións de Antropoloxía e de Xeografía física dánnos elocuente testemuño de iso. As lecturas predilectas, que solazaban o seu espírito nos ratos de descanso, eran as obras de Ciencias naturais, de Medicina e, especialmente, as descricións de viaxes. No colexio describiu nunha ocasión con gran exactitude a arquitectura da ponte de Westminster, e unha oínte inglesa preguntoulle cando estivera en Londres, e se fixera estudos especiais de arquitectura. Da súa fantasía servíase igualmente para animar os seus pensamentos e elucubracións filosóficas con acertadas comparacións e vivas imaxes.
A súa memoria era tamén sumamente vasta. Aínda nos seus últimos anos recitaba longos pasaxes de autores latinos e alemáns. A esta memoria, de acentuado carácter mecánico, asociábase outra memoria lóxica, sumamente vigorosa. Nas súas leccións servíase, por precepto regulamentario, de textos como a Vernunftlehre, de Meier, e a "Metafísica" de Baumgarten. Os exemplares que usaba estaban cheos de notas e correccións, ás cales acomodaba as súas leccións. Os seus xuízos demostraban que dominaba o curso do pensamento, e facilmente sabía orientarse na confusión, labiríntica ás veces, dos detalles. Meditaba e repasaba moito as súas obras antes de darlles a forma definitiva. Cando reflexionaba sobre a solución dun problema, anotaba en follas soltas as ideas que se lle ocorrían e, despois, incorporábaas no lugar correspondente. Este método de traballo requiría o auxilio dunha memoria viva, fiel e ampla".
(O. Külpe, "Kant", ed. Labor, Barcelona, 1925)A vida de Kant
(...) "En 1783 comprou unha casa, que habitou ata a súa morte e que desapareceu o ano 1893. Pouco despois habilitou un local, onde ao mediodía adoitaba ser diariamente visitado por algúns convidados, cinco como máximo. Os días deslizábanse desde entón coa maior regularidade: erguíase ás cinco da mañá, daba as súas leccións de sete a nove ou de oito a dez e ata a unha facía os seus traballos máis serios. Gustaba pasar entretido dúas ou tres horas de sobremesa. Despois daba o seu paseo diario, con tal puntualidade, que servía aos veciños para poñer en hora os seus reloxos. A última hora dedicábase á meditación e a lecturas amenas. Ás dez deitábase. Molestábanlle as interrupcións desta distribución do tempo, aínda que fosen inevitábeis. As vacacións, que puidesen modificar este sinxelo plano de vida, eran entón moi curtas: non viaxaba. Á marxe dos tempos nos que se dedicara ao ensino privado, xamais saíu dos estreitos termos da súa cidade natal".
(O. Külpe, "Kant", ed. Labor, Barcelona, 1925)Kant e a censura
"A vida retirada e laboriosa de Kant sufriu unha ruda perturbación como consecuencia dun conflito co Goberno. En outubro de 1794 recibiu Kant unha orde, referendada polo ministro Wöllner. Nela dicíase: "A máis alta personalidade do Estado viu, desde fai moito tempo, con gran desagrado, o mal uso que facedes da vosa filosofía, desfigurando e desprezando algunhas doutrinas fundamentais das Sagradas Escrituras e do Cristianismo, como fixerades principalmente na vosa obra Religion innerhalb er Grenzen der blossen Vernunft ("A Relixión nos límites da razón pura"), e noutros folletos. Non dubidamos que vos mesmo comprenderedes que deste modo procededes impunemente contra o voso deber, como mestre da mocidade, e contra os nosos paternais desexos. Apelamos ao testemuño da vosa conciencia e esperamos que en adiante evitaredes o noso desagrado, e que, en cumprimento do voso deber, poñeredes o voso prestixio e os vosos talentos ao servizo dos altos intereses da patria, como é o noso paternal desexo. En caso contrario, veriámonos precisados inevitabelmente a adoptar medidas desagradábeis". Todos os profesores e docentes de Filosofía e de Teoloxía da Universidade de Königsberg tiveron que asinar, ademais, unha declaración, segundo a cal, absteríanse de dar leccións sobre a doutrina relixiosa de Kant.
A rudeza do ataque á liberdade docente conmoveu profundamente a Kant. Tal atropelo non fose posíbel sen un troco radical de criterio no Goberno. O ministro von Zedlitz, o gran colaborador de Federico II, fora un dos máis fervorosos admiradores de Kant e da súa filosofía. Estudaba os extractos das súas leccións, que se proporcionaba con gran celo, e escribiu a Kant cartas sumamente cariñosas, que demostraban o seu respecto e admiración. Kant mostrouse tan agradecido a estas deferencias, que lle dedicou con nobres e sentidas palabras a súa "Crítica da razón pura". Ao morrer Federico o Grande, en 1786, sucedeulle no trono o seu sobriño Federico Guillermo II, príncipe efeminado, xirigato, dado aos praceres e feble de corpo e de espírito. Xa en 1788 desaparecera Zedlitz e substituírao o predicador Wöllner, que moi pronto impuxo un dogmatismo cernil e intransixente a párrocos, estudantes e mestres de Teoloxía.
En relación con estes asuntos estabeleceuse unha mesquiña censura. Unha das principais causas foi o receo con que se vía o interese que en Alemaña espertaba a Revolución francesa. Todos os espíritos avanzados considerábana como un acontecemento transcendental para o progreso e para a humanidade. O mesmo Kant vía orixinariamente nela un testemuño do poder incontrastábel das ideas morais. A loita da liberdade contra a forza, da autonomía contra a heteronomía e a autoridade, da igualdade diante da lei contra a inxustiza e o capricho ao uso naquela época, reputábase como empresa digna de todo esforzo. Pero precisamente este interese público pola Revolución francesa pareceu sospeitoso e cheo de perigos aos gobernantes prusianos.
Estas reprensións a Kant foron motivadas porque a súa obra sobre a Relixión apareceu na súa primeira edición, a pesar da prohibición da censura de Berlín, por intervención da Facultade de Jena o ano 1794; e xa no ano seguinte fíxose dela unha segunda edición. Xa en marzo de 1794 escribía Federico Guillermo II a Wöllner: "Non debe consentirse por máis tempo a publicación dos funestos escritos de Kant". Wöllner prefería un procedemento máis maino, pero o Rei mesmo obrigoulle a proceder con máis enerxía. Se non se fixo así xa no mesmo ano 1793, foi a causa da guerra con Francia. A iso contribuíu tamén un artigo de Kant sobre o Fin de todas as cousas.
Kant coñecía perfectamente o que se tramaba en contra súa en Berlín. Aínda que prevía a súa destitución da cátedra, publicou o folleto, no cal protestaba enerxicamente contra o novo réxime da Igrexa. Entre outras cousas, di: onde queira que, unha autoridade arbitraria trata de impoñer violentamente o Cristianismo, perde este completamente a súa fecundidade e simpatía. O Fundador do Cristianismo non se dirixiu aos homes a título de tirano, senón de amigo do home. Este folleto publicouse no verán de 1794, e o rescrito do Goberno en outubro do mesmo ano.
Kant contestou clara e nobremente aos reproches que se lle dirixían. Como mestre da mocidade non se permitira xamais xuízos sobre as Sagradas Escrituras e sobre o Cristianismo. Nas súas leccións atéñase aos manuais e textos aprobados. Tampouco como mestre do pobo, é dicir, como escritor, se propuxera dicir nada contra as ordes e escritos das autoridades, porque o seu libro sobre a Relixión era incomprensíbel para o gran público e só ía dirixido aos profesores e sabios. Que as Facultades eran libres para xulgalo, segundo o seu leal saber e entender, e que nin aínda polo seu contido merecía o libro semellantes censuras. A harmonía que nel se estabelecía entre o Cristianismo e as máis puras e racionais crenzas morais era precisamente a súa mellor apoloxía, xa que tantas veces se desfigurara o Cristianismo e continuaríase desfigurándoo no porvir. Agregaba, ademais, que se abstería de facer en diante manifestacións públicas sobre Relixión. Paréceme o máis seguro, dicía, afirmar solemnemente como fidelísimo súbdito da eterna maxestade real, que en adiante me absterei de falar publicamente de Relixión natural ou revelada, nin na cátedra nin fóra dela nos meus escritos. Máis adiante confesaba Kant que empregara deliberadamente a expresión "eterna maxestade real" para non renunciar á liberdade de pensamento definitivamente, senón só durante a vida deste rei."
(O. Külpe, "Kant", ed. Labor, Barcelona, 1925)