Immanuel Kant

Immanuel Kant

Biografía

Immanuel Kant (1724-1804)

Mapa da cidade de Königsberg no século XVIII

Immanuel Kant naceu o 22 de abril de 1724 en Königsberg, en Prusia, cidade que contaba na época cuns 50.000 habitantes e un florecente comercio e industria, sendo a capital do ducado prusiano. O seu pai, Johann-Georg, casara en 1715 con Anna Regina Reuter coa que tivo nove fillos, sendo o cuarto Immanuel. A pesar da afirmación de Kant de que a súa familia era de orixe escocés puido comprobarse a inexactitude desa crenza; o seu bisavó, por parte paterna, era orixinario de Prölkus, pertencente actualmente a Lituania, e a familia da súa nai era orixinaria de Nüremberg, aínda que é certo que dúas das súas tías avoas casaron con escoceses, o que pode estar na orixe desa crenza.

A finais do século XVII e principios do XVIII, como protesta contra a ortodoxia relixiosa, na que predominaban as formas dogmáticas fronte á vivencia da fe, estendeuse por Alemaña o pietismo, tendencia relixiosa que foi seguida polos pais de Kant, e que sen dúbida exerceu unha fonda influencia en Kant, quen se refire aos seus pais sempre con veneración, lembrando á súa nai como unha persoa bondadosa, austera e profundamente relixiosa.

Aos oito anos de idade, en 1732, ingresa no Collegium Fridericianum, considerada entón a mellor escola de Königsberg, que sería dirixida desde 1733 por F. A. Schultz, quen estudara Teoloxía en Ache cos pietistas e filosofía con C. Wolff, e que era amigo e conselleiro da familia de Kant. O pietismo dominaba tamén toda a organización do colexio, o que supoñía unha profunda relixiosidade e un tipo de vida dominado pola austeridade. Alí adquiriu Kant sólidos coñecementos das linguas clásicas, así como de matemáticas e lóxica.

En 1740 ingresou na Universidade de Königsberg, que contaba entón con tres Facultades "superiores" (Teoloxía, Dereito, Medicina) e unha "inferior" (Filosofía). Kant matriculouse na Facultade de Filosofía, segundo era costume, sen inscribirse en ningunha das Facultades "superiores". Alí asistiu ás leccións de Teoloxía de Schultz, pero centrou o seu interese na Filosofía, nas Matemáticas e nas Ciencias naturais.

A filosofía entón predominante en Alemaña era o racionalismo de Christian Wolff, quen publicou as súas obras en alemán, e non en latín, como era aínda o costume maioritario, penetrando o seu pensamento profundamente en todos os círculos culturais de mediados do século XVIII. Tamén na Universidade de Königsberg dominaba a filosofía de Wolff. Alí iniciou Kant amizade cun dos seus profesores, M. Knutzen, quen era wolfiano, e quen o iniciou no estudo das obras de Newton e Wolff, e puxo ao dispor del a súa biblioteca persoal. Pero tamén se puxo ao corrente das tendencias empiristas que procedían de Inglaterra e dos ideais da Ilustración, de Francia.

Concello da cidade de Königsberg

En 1747 termina os seus estudos na Universidade e exercerá, ata 1754, como profesor particular en Judschen, Osteroden e Königsberg, sendo moi apreciado polos familiares dos seus discípulos. En 1755 obterá na Universidade de Königsberg o título de Doutor en Filosofía, cunha disertación "Sobre o lume". Posteriormente defendeu unha tese en latín sobre os primeiros principios da Filosofía, coa que obtivo a habilitación para exercer como profesor auxiliar (Privatdozent) na Universidade de Königsberg, na que permanecería xa ao longo de toda a súa carreira docente. Como Privatdozent, posto que ocupou durante 15 anos, correspondíalle ensinar as máis variadas disciplinas, como matemáticas, física, lóxica, metafísica, antropoloxía e xeografía, etc., contándose estas dúas últimas entre as súas lecturas preferidas, e acadando as súas conferencias sobre estes temas gran difusión entre os seus discípulos e o público en xeral. En 1769 as Universidades de Erlangen e Jena ofrecéronlle senllas cátedras que Kant rexeitou, sendo proposto ao ano seguinte para a de Lóxica e Metafísica da Universidade de Königsberg, tomando posesión dela o ano 1770 coa famosa Disertación "Sobre a forma e principios do mundo sensíbel e intelixíbel", que se considera como o punto de partida do chamado "período crítico", ao longo do cal Kant desenvolverá a súa propia filosofía.

Co seu nomeamento como Catedrático o seu labor docente ocúpalle menos tempo, podendo dedicarse máis intensamente a ordenar os seus pensamentos e a desenvolver a súa filosofía. Pero o tempo que cría suficiente para iso foise alongando considerabelmente e, malia ter anunciado repetidamente a aparición da súa obra, esta non se publicará ata 11 anos despois, en 1781, co título de "Kritik der reinen Vernunft" (Crítica da razón pura). A ela seguíronlle, con relativa continuidade, os "Prolegómenos para toda metafísica futura", en 1783, na que pretendía expoñer con maior claridade que na anterior os principios da súa filosofía, a "Fundamentación da metafísica dos costumes", en 1785, e, entre outras, as súas dúas restante obras "Críticas".

En 1783 comprou unha casa en Königsberg na que viviría ata a súa morte. Kant gustaba das relacións sociais, (aínda que non contraeu matrimonio), e mantivo un faladoiro cun grupo de amizades ao longo de toda a súa vida. Agás nos seus anos de profesor particular, Kant non saíu de Königsberg, onde levou unha vida que se caracterizou pola súa sinxeleza, regularidade, e ausencia de perturbacións, a non ser o conflito que mantivo coa censura baixo o reinado de Federico Guillermo II, a raíz da publicación da súa obra "A relixión dentro dos límites da mera razón". Probabelmente o emperador sentísese ameazado pola difusión dos ideais da Ilustración en Alemaña e o triunfo da Revolución francesa, dos que Kant era fervente admirador. Kant viuse obrigado a asinar un escrito comprometéndose a non volver a falar nin a escribir publicamente de relixión, promesa da que se sentiu desvinculado á morte do emperador, ocorrida en 1797.

O 12 de febreiro de 1804 morría na súa cidade natal, séndolle rendidos os últimos honores nun gran funeral. Para entón a filosofía de Kant acadara xa gran difusión e aceptación nos principais círculos culturais de Alemaña e un considerábel eco no resto de Europa.