A filosofía de Kant


Immanuel Kant

4. A Ética formal kantiana

A Ética formal

O coñecemento moral non é un coñecemento do ser, do que é, senón un coñecemento do que debe ser; non un coñecemento do comportamento real e efectivo dos homes, senón un coñecemento do comportamento que deberían observar os homes. Neste sentido, dito coñecemento non se pode verificar; cando dicimos que os homes deberían comportarse de tal ou cal maneira estamos afirmando que ese comportamento é necesario e universal, e esas son as características do a priori. E xa vimos como Kant explicaba a imposibilidade de derivar da experiencia algo que fose necesario e universal: o primeiro obxectivo do coñecemento moral, polo tanto, consistirá en identificar cales son os elementos a priori da moralidade, se é que hai algún.

Kant distingue un uso teórico e un uso práctico da razón. No seu uso teórico, que Kant estuda na "Crítica da razón pura", a razón constitúe ou configura o obxecto que se dá na intuición, mediante a aplicación das categorías; no seu uso práctico, que estudará na "Fundamentación da metafísica dos costumes" e na "Crítica da razón práctica", a razón é a fonte dos seus obxectos: a produción de eleccións ou decisións morais de acordo coa lei que procede dela mesma.

Todos os sistemas éticos anteriores partiran dunha determinada concepción do ben, como obxecto da moralidade, crendo que ese ben determinaba a moralidade, o deber ser, o que debería facerse. Sen embargo, do mesmo modo que o coñecemento teórico non está determinado polo obxecto, senón que este atópase determinado polas condicións a priori da sensibilidade e do entendemento, o coñecemento moral tampouco estará determinado polo obxecto, senón máis ben o obxecto da moralidade determinado por certas condicións a priori da moralidade. (Do mesmo xeito que Kant provocara unha "revolución copernicana" no ámbito do uso teórico da razón, provocará outra revolución similar no ámbito do uso práctico da razón). Estas condicións, sendo a priori, non poden conter nada empírico: só han de conter a forma pura da moralidade. En consecuencia, as leis da moralidade poderán ter un carácter universal e necesario, xa que non derivan nin dependen da experiencia.

A base da obriga, do deber ser, non pode fundarse en nada empírico, pois: aínda que deba referirse ao ser humano, como ser racional, non pode fundarse nin na natureza humana nin nas circunstancias humanas, que son datos empíricos, senón que ha de ser a priori. De aí a crítica de Kant aos sistemas morais fundados en contidos empíricos, aos que chamaremos éticas materiais. En primeiro lugar, todas elas son a posteriori: dalgunha maneira todas elas identifican o ben coa felicidade, e consideran bo o obxecto cara o que tende a natureza humana, considerada empiricamente, aceptando que a vontade quede determinada por obxectos ofrecidos ao desexo.

Ademais de propoñer distintos bens, entre os que non hai posibilidade de poñerse de acordo, o que pon de manifesto a súa falta de universalidade, ao estar baseadas na experiencia carecen da necesidade e universalidade necesaria da que deben gozar as leis morais. En segundo lugar as normas que propoñen teñen un carácter hipotético, condicional: se queres acadar a felicidade (algo distinto para cada sistema) has de comportarte de acordo con esta norma. Ao estar sometida a norma a unha condición só ten valor se se acepta dita condición, o que, ademais de significar que se actúa por un interese, implica que a validez da norma para conseguir o fin que se propón só pode ser comprobada experimentalmente, polo que tampouco pode ter carácter universal e necesario.

Polo demais, e en terceiro lugar, eses sistemas éticos son heterónomos: o home recibe a lei moral desde fóra da razón, polo que en realidade non está actuando libremente, perdendo a capacidade de autodeterminación da súa conduta, a autonomía da vontade. Que valor pode ter unha norma moral que non é universal e necesaria, cuxo cumprimento está sometido á consecución dun obxectivo, un interese, e que propón ao home renunciar á liberdade, á autonomía da súa vontade?

A moralidade non pode fundarse en nada empírico. Unha norma moral ha de ser universal, ha de valer para todos os seres humanos en todas circunstancias, e ha de ser necesaria, ha de cumprirse por si mesma. Ten que ser, polo tanto, de carácter formal; non pode estabelecer ningún ben ou fin da conduta, nin pode dicirnos como temos que actuar: ha de conter só a forma da moralidade. "É imposíbel imaxinar nada no mundo ou fóra del que poida ser chamado absolutamente bo, agás a boa vontade". Con esta frase comeza a "Fundamentación da metafísica dos costumes". Que entende Kant por unha boa vontade?. Unha vontade que obra por deber, é dicir, non por interese, ou por inclinación ou por desexo. E que é obrar por deber?: é obrar por reverencia ou respecto á lei moral que a vontade se dá a si mesma. Kant distingue aquí entre obrar "por deber" e obrar "conforme ao deber": pode ocorrer que actúe por algún interese particular e esa actuación coincida coa lei moral; nese caso estou actuando "conforme ao deber" e a miña acción carecería de valor moral. Só ten valor moral a actuación “por deber”.

Obro "por deber", pois, cando a miña actuación non persegue ningún interese particular, nin é o resultado dunha inclinación ou un desexo, senón que está motivada soamente por reverencia ou respecto á lei moral, independentemente de que a miña actuación poida ter consecuencias positivas ou negativas para a miña persoa. A lei moral baséase na noción de deber; e na medida que a lei moral pretende regular a nosa conduta ha de conter algunha orde ou algún mandato. Pero como a lei moral é universal e necesaria a orde ou mandato que conteña ha de ser categórico, é dicir, non pode estar sometido a ningunha condición (non pode ser hipotético). Á fórmula na que se expresa ese mandato ou orde da lei moral chamaraa Kant imperativo categórico.

Agora ben, como a lei moral non pode conter nada empírico, o imperativo categórico no que se expresa tampouco poderá ter ningún contido empírico, senón só a forma pura da moralidade. Na "Fundamentación" Kant dános tres definicións distintas do imperativo categórico:

As tres definicións do imperativo categórico

Ningunha destas formulacións contén nada empírico, senón só a forma da moralidade. Non nos di como temos que comportarnos concretamente, nin nos da ningunha norma, nin nos propón ningún fin interesado. Ao mesmo tempo, contén unha esixencia de universalidade e necesidade, pero garantindo a autodeterminación da vontade, a súa autonomía, a súa liberdade. A vontade, en efecto, non queda determinada por ningún elemento empírico, polo que é libre, e o imperativo polo que se regula non contén ningunha norma concreta de conduta, polo que a vontade terá que darse a si mesma a norma de conduta, polo que é autónoma.

Os postulados da razón práctica

Pero é posíbel a liberdade da vontade? Os resultados da "Crítica da razón pura" conducíannos á distinción xeral de todos os obxectos en fenómenos e nóumenos. En canto fenómenos todos os obxectos están sometidos ás leis da natureza, que son leis deterministas, excluíndo polo tanto a liberdade. En canto fenómeno, pois, o home non é libre. Por outra parte, a posibilidade de coñecer os nóumenos, as cousas en si mesmas, quedaba rexeitada na dialéctica transcendental ante a imposibilidade de que a metafísica puidese considerarse como unha ciencia, polo que a posibilidade de coñecer algo acerca da alma e da súa liberdade e inmortalidade quedaba eliminada. Sen embargo, sen a liberdade da vontade a moral quedaría arruinada. Por iso Kant verase obrigado a aceptar a única forma na que cre que se pode garantir a liberdade da vontade no ser humano: postular a existencia da alma e de Deus, dúas entidades das que, segundo os resultados da Crítica da razón pura, non podemos ter ningún coñecemento.

Observamos, di Kant, que o progreso da virtude é lento no mundo, e esperamos razoabelmente que o home virtuoso poida ser feliz; pero vemos que isto non ocorre, o que faría da vida do home un absurdo se non fose posíbel que ocorrese. Xa que logo, aínda que ningún dos obxectos da metafísica (Deus, a alma e o mundo como totalidade) pode ser obxecto de demostración teórica, a razón práctica esixe a súa existencia. O home ha de ser libre para poder poñer en práctica a moralidade; ha de existir un alma inmortal xa que, se o home non pode acadar o seu fin nesta vida, ha de dispoñer dunha vida futura como garantía de realización da perfección moral; e ha de existir un Deus que garanta todo isto. O que a razón teórica non puido demostrar, a razón práctica teno necesariamente que postular. Deste xeito Kant viuse obrigado, como di na introdución da "Crítica da razón pura", a “suprimir o saber para deixar paso á fe.”