A filosofía política de Kant
Kant non escribiu nunca unha gran obra sobre filosofía política, ao estilo das tres Críticas, senón o que se consideraron sempre "obras menores" nas que, con frecuencia, non se quixo ver unha filosofía política, como Ideas para unha historia universal en clave cosmopolita (de 1784), A paz eterna, un esbozo filosófico (de 1795), e Metafísica dos costumes (de 1797), entre outras. E todo iso malia que co seu escrito de 1784 Que é a Ilustración?, quedou fortemente asociado aos ideais políticos e emancipatorios da Ilustración, coñecedor xa da declaración de Independencia dos Estados Unidos de 1776, e a quen se presenta con frecuencia, ademais, como un firme defensor dos ideais da Revolución Francesa de 1789, seguindo as opinións de Heine, primeiro, e de Marx e Engels, despois.
O pensamento político de Kant está dominado, xa que logo, polos ideais de liberdade, igualdade e valoración do individuo, propios dunha Ilustración a que se suma Kant e a que defende nos seus escritos políticos. Do mesmo xeito que na ética, - onde se lle confire ao individuo, en canto suxeito moral, a capacidade de converterse en lexislador do moral, desde a súa autonomía -, na política o individuo será considerado tamén, en canto cidadán, o suxeito creador do campo da actividade pública común.
A capacidade lexislativa do ser humano fúndase no carácter formal co que Kant concibe a ética, o que se expresa no imperativo categórico. Este imperativo, como principio formal da razón práctica, estenderase a todos os campos de aplicación desta, incluída a actividade política. Así, non é de estrañar que Kant propoña tres definicións do imperativo categórico, subliñando xa o carácter universal da norma moral, xa o valor intrínseco do individuo como fin en si mesmo, dada a súa natureza racional e a súa autonomía.
A política, en canto espazo público do exercicio da liberdade, está ligada á noción de dereito, facendoa posible. En consonancia co carácter formal da moralidade, o dereito non se concibe como un sistema normativo de regulación da convivencia, senón como o marco formal no que se establecen as condicións e os límites da acción no campo da convivencia, do exercicio da liberdade. A lei xurídica ten que ter, polo tanto, do mesmo xeito que a lei moral, un carácter universal e a priori; porén, mentres a lei moral autoimpónse ao individuo, a lei xurídica impónselle mediante unha coacción externa.
A lei xurídica, seguindo o imperativo categórico, ten que cinguirse á natureza racional do ser humano, polo que Kant afirmará a existencia de dereitos naturais (propios de tal natureza racional), que serán o límite da acción do Estado. As relacións entre os individuos e, polo tanto, a organización da convivencia, ten unha natureza racional, polo que a lei xurídica non pode actuar en contra desa natureza. A filosofía política kantiana entronca así coa filosofía política moderna do Estado natural e das teorías do contrato. Hai unha natureza, anterior á organización política dos seres humanos, que é a fonte de dereitos universais contra os que non se pode lexislar, e que actúan por si mesmos como principios de organización da vida política, que debería tender a unha República universal. Ademais dos dereitos naturais, o lexislador, en función das necesidades históricas, poderá desenvolver leis (o dereito positivo) que correspondan ao desenvolvemento da sociedade civil.
No Estado de natureza, os seres humanos encóntranse nunha situación de constante inseguridade, debido ás ameazas doutros que, por dereito natural, seguen a súa propia vontade sen ter en conta a vontade dos demais. Vivindo en familia ou en pequenas comunidades, os seres humanos atópanse a mercé das violencias doutros seres humanos alleos á súa comunidade. No interior do grupo hai normas de convivencia e unha autoridade que sanciona o seu incumprimento. Pero non hai unha autoridade que se impoña a todos os grupos dispersos, polo que non hai seguridade. O Estado civil, instaurado mediante o contrato, supón a submisión a unha autoridade común, polo que pasa a ser o terreo da seguridade e do dereito. Nese paso do Estado natural ao Estado civil non hai ruptura, para Kant, senón continuidade: mediante a imposición dunha autoridade común, os dereitos naturais, que xa se posuían en Estado natural, pódense exercer realmente con seguridade na sociedade civil.
Kant concibe o contrato social como a condición que fai posible a instauración do dereito público, por que quedan garantidos os dereitos naturais. En realidade, Kant admite un só dereito natural: o de liberdade, do que derivan todos os demais, os dereitos civís de igualdade e de autonomía. O dereito de liberdade, ao tempo que garantido, queda limitado polo dereito dos demais, segundo o acordo tomado pola vontade pública. A idea de vontade pública é claramente de corte rousseauniano, pero en Rousseau a vontade xeral representa o interese común, mentres que en Kant representa a garantía da liberdade individual, é dicir, establécese como un vínculo xurídico formal entre os cidadáns, en que se funda o Estado. Polo demais, para Kant o contrato non tivo nunca lugar, non é un feito histórico, senón unha categoría ou principio racional que opera como un eixe de referencia na construción do político e do Estado.
Vemos, pois, como Kant intenta reducir a unha única síntese os dous elementos fundantes que veñen 1) das teorías liberais (os dereitos individuais de liberdade) e 2) das teorías democráticas (a soberanía da vontade colectiva), que aínda segue inspirando na actualidade a autores como J. Rawls e J. Habermas, nos seus intentos por fundamentar as súas respectivas teorías do consenso.