A filosofía de Marx


Marx

3. O materialismo dialéctico

O materialismo dialéctico, cuxa presentación como tal débese máis á actividade de Engels que á do propio Marx, considerouse tradicionalmente como a toma de posición filosófica de Marx e Engels fronte ao idealismo hegeliano, é dicir, como o resultado da súa crítica do idealismo e, como tal, presentouse pola maioría dos estudosos do marxismo como o marco de referencia conceptual a partir do que se desenvolve o materialismo histórico, que sería a expresión propiamente científica do seu pensamento. A exposición do materialismo dialéctico atópase fundamentalmente nas obras de Engels: "Anti-Dühring", (con contribucións de Marx, publicado no ano 1878), e "Sobre a dialéctica da natureza", (escrito entre 1873 e 1886), obra, esta última, tamén coñecida por Marx, cuxos contidos nunca rexeitou e que, dada a estreita colaboración entre ambos ata a súa morte, adóitase considerar tamén como expresión do pensamento propio de Marx.

Oposición ao idealismo e ao mecanicismo

O materialismo dialéctico oponse ao idealismo, en canto que considera que non existe máis realidade fundamental que a materia; pero a materia non é unha realidade inerte, senón dinámica, que contén en si a capacidade do seu propio movemento, como resultado da loita dos elementos contrarios, (sendo a contradición a esencia da realidade, á igual que para Hegel), que se expresa no movemento dialéctico. Así, o movemento hegeliano. Que vai da idea á cousa, e á súa reconciliación, queda invertido, segundo a famosa frase de Marx, pasando a converterse nun movemento que vai da cousa á idea e á súa futura reconciliación. Toda a bagaxe conceptual da dialéctica hegeliana é conservada polo materialismo dialéctico, pero orientada agora na dirección oposta.

O materialismo dialéctico non se opón só ao idealismo hegeliano, senón a toda concepción mecanicista e atomista da natureza, é dicir, non finalista. "A comprensión do total erro por invertimento do anterior idealismo alemán levou necesariamente ao materialismo, pero, cousa digna de observarse, non ao materialismo puramente metafísico e exclusivamente mecanicista do século XVIII" (Engels, Anti-Dühring). Oponse, pois, á concepción que predominara na ciencia no século XVIII e que o seguiría facendo nos séculos XIX e XX. É propia do idealismo hegeliano a afirmación dun final feliz da historia, dunha reconciliación da realidade consigo mesma no Espírito Absoluto, como resultado mesmo do movemento dialéctico, unha finalidade que non desaparecerá do materialismo dialéctico, ao conservar, como o fai, a dialéctica hegeliana para explicar o movemento na natureza.

E así volvemos á concepción do mundo que tiñan os grandes fundadores da filosofía grega, á concepción de que toda a natureza, desde súas partículas máis ínfimas ata os seus corpos máis xigantescos, desde os grans de area ata os soles, desde os protistas ata o home, áchase nun estado perenne de nacemento e morte, en fluxo constante, suxeito a incesantes cambios e movementos. (F.Engels, Dialéctica da natureza. Introdución)

As propiedades que o materialismo dialéctico atribúe á materia derivan da súa concepción da mesma como única realidade obxectiva, que é captada mediante os sentidos, permitindo así o seu coñecemento. Da análise da materia despréndese que é infinita en duración, extensión, profundidade e movemento. Que a materia é infinita en duración quere dicir que é eterna, increada e indestrutíbel, polo que o tempo será concibido como unha forma de existencia da materia, constituíndo a eternidade e a temporalidade dous contrarios dialécticos da materia. Que é infinita en extensión supón afirmar a infinidade do espazo. A afirmación de que é infinita en profundidade refírese á inesgotábel variedade de formas materiais, que se atopan sometidas a un cambio perpetuo, é dicir, a un movemento infinito: movemento e materia son inseparábeis

Pero o movemento da materia non é unicamente un torpe movemento mecánico, simple cambio de lugar; é calor e luz, tensión eléctrica e magnética, combinación química e disociación, vida e, finalmente, conciencia. (F.Engels, Dialéctica da natureza. Introdución)

As formas de conciencia

No que fai á conciencia, distínguense catro formas ou tipos de conciencia: a conciénciaa de si, pola que accedemos ao coñecemento do noso propio ser; a conciencia psicolóxica, pola que coñecemos a nosa propia identidade e diferenciámola da dos demais e das outras cousas; a conciencia de clase, pola que accedemos ao coñecemento dos intereses do grupo social ao que pertencemos; e a conciencia social, que se forma nas sociedades humanas como unha especie de fondo ideolóxico, polo que asumimos crenzas e costumes á marxe de toda consideración crítica.

A relación da materia coa conciencia non deixará de expoñer problemas, ao ser concibida a conciencia como o resultado das forzas materiais, que a determinan, non quedando, segundo a formulación tradicional do problema, espazo para a acción dunha conciencia libre, dunha conciencia que se autodetermina. A conciencia é necesariamente un produto, unha manifestación, da materia, inseparábel dela. Como tal, representa a capacidade que ten o ser humano de comprender, pero tamén de amar e de decidir libremente (vontade). Pero cal pode ser o papel da vontade nunha conciencia que deriva dunha materia que existe independentemente do ser humano e da súa propia conciencia?

Hegel foi o primeiro en expoñer rectamente a relación entre liberdade e necesidade. Para el, a liberdade é a comprensión da necesidade. "A necesidade é cega só na medida que non está sometida ao concepto." A liberdade non consiste nunha soñada independencia respecto das leis naturais, senón no recoñecemento desas leis e na posibilidade, así dada, de facelas obrar segundo un plano para determinados fins. Isto vale tanto respecto das leis da natureza externa canto respecto daquelas que regulan o ser somático e espiritual do home mesmo: dúas clases de leis que podemos separar como máximo na representación, non na realidade. A liberdade da vontade non significa, pois, máis que a capacidade de poder decidir con coñecemento de causa.
Canto máis libre é o xuízo dun ser humano respecto dun determinado punto problemático, con tanta maior necesidade estará determinado o contido dese xuízo; mentres que a inseguridade debida á ignorancia e que elixe con aparente arbitrio entre posibilidades de decisión diversas e contraditorias proba con iso a súa propia falta de liberdade, a súa situación de submisión ao obxecto ao que precisamente tería que dominar. A liberdade consiste, pois, no dominio sobre nós mesmos e sobre a natureza exterior, baseado no coñecemento das necesidades naturais; por iso é necesariamente un produto da evolución histórica. (F.Engels, Anti-Dühring, XI, Moral e dereito. Liberdade e necesidade)

As leis da dialéctica

O materialismo dialéctico proponnos, pois, unha interpretación da realidade concibida como un proceso material no que acontecen unha variedade infinita de fenómenos, a partir de outros anteriormente existentes. Esta sucesión, non obstante, non se produce ao azar ou arbitrariamente, nin se encamiña cara á nada ou o absurdo: todo o proceso está regulado por leis que determinan a súa evolución dende as formas máis simples ás máis complexas, e que afectan a toda a realidade, natural e humana (histórica).

Este é o ciclo eterno no que se move a materia, un ciclo que unicamente pecha a súa traxectoria en períodos para os que o noso ano terrestre non pode servir de unidade de medida, un ciclo no cal o tempo de máximo desenvolvemento, o tempo da vida orgánica e, máis aínda, o tempo de vida dos seres conscientes de si mesmos e da natureza, é tan parcamente medido como o espazo no que a vida e a autoconciencia existen; un ciclo no que cada forma finita de existencia da materia -o mesmo se é un sol que unha nebulosa, un individuo animal ou unha especie de animais, a combinación ou a disociación química- é igualmente pasaxeira e no que non hai nada eterno de non ser a materia en eterno movemento e a transformación e as leis segundo as cales se move e se transforma. (F.Engels, Dialéctica da natureza. Introdución)

As leis segundo as cales a materia se move e se transforma son leis dialécticas. Á igual que ocorre coa dialéctica hegeliana, que é simultaneamente un método e a expresión mesma do dinamismo da realidade, a dialéctica de Marx e Engels encerrará ese dobre significado. Non se pode converter, sen embargo, a dialéctica nun proceso mecánico, no que acontecen os tres momentos do movemento (teses, antíteses e sínteses), como se fai a miúdo con Hegel, nun esquema mecánico sen contido algún. "A dialéctica non é máis que a ciencia das leis xerais do movemento e a evolución da natureza, a sociedade humana e o pensamento", di Engels no Anti-Dühring.

A dialéctica ofrécenos, pois, leis xerais, non a particularidade de cada proceso. Que son leis xerais quere dicir que son o fundamento de toda explicación da realidade, pero tamén que afectan a toda a realidade (natureza, sociedade, pensamento) e que son obxectivas, independentes da natureza humana. Marx e Engels enunciarán as seguintes tres leis da dialéctica:

1. Lei da unidade e loita de contrarios

Pero todo cambia completamente en canto consideramos as cousas no seu movemento, a súa transformación, a súa vida, e nas súas recíprocas interaccións. Entón tropezamos inmediatamente con contradicións. O mesmo movemento é unha contradición; xa o simple movemento mecánico local non pode realizarse senón porque un corpo, nun e o mesmo momento do tempo, atópase nun lugar e noutro, está e non está nun mesmo lugar. E a continua posición e simultánea solución desta contradición é precisamente o movemento.
Se xa o simple movemento mecánico local contén en si unha contradición, aínda máis pode iso afirmarse das formas superiores do movemento da materia, e moi especialmente da vida orgánica e a súa evolución. Vimos antes que a vida consiste precisamente ante todo en que un ser é en cada momento o mesmo e outro diverso. A vida, polo tanto, é tamén unha contradición presente nas cousas e os feitos mesmos, unha contradición que se pon e resolve constantemente; e en canto cesa a contradición, cesa tamén a vida e prodúcese a morte. Tamén vimos que tampouco no terreo do pensamento podemos evitar as contradicións, e que, por exemplo, a contradición entre a capacidade de coñecemento humana, internamente ilimitada, e a súa existencia real en homes externamente limitados e de coñecemento limitado, resólvese na sucesión, infinita practicamente polo menos para nós, das xeracións, no progreso indefinido. (Engels, Anti-Dühring, XII. Dialéctica. cantidade e calidade.)

Seguindo os pasos de Heráclito e Hegel, Marx e Engels consideran que a realidade é esencialmente contraditoria. Todos os fenómenos que ocorren na Natureza son o resultado da loita de elementos contrarios, que se achan unidos no mesmo ser ou fenómeno, sendo a causa de todo movemento e cambio na Natureza, na sociedade e no pensamento. Con esta lei explícase, pois, a orixe do movemento.

Entre os argumentos que se aportan para xustificar esta explicación predominan os procedentes das ciencias (Física, Ciencias naturais, Matemáticas, Economía), pero tamén da Historia e da filosofía. Entre as parellas de contrarios postas como exemplos podemos citar: atracción e repulsión, movemento e repouso, propiedades corpusculares e ondulatorias, herdanza e adaptación, excitación e inhibición, loita de clases, materia e forma, cantidade e calidade, substancia e accidentes.

2. Lei de transición da cantidade á calidade

Vimos xa antes, a propósito do esquematismo universal, que con esta liña nodal hegeliana de relacións dimensionais na que, nun determinado punto de alteracións cuantitativas, prodúcese repentinamente un troco cualitativo, o señor Dühring tivo a pequena desgraza de que nun momento de debilidade recoñeceuna e aplicouna el mesmo. Demos alí un dos exemplos máis coñecidos, o da transformación dos estados de agregación da auga, que a presión normal e cara os 0º C pasa do fluído ao sólido, e cara os 100º C pasa do líquido ao gasoso, é dicir, que neses dous puntos de flexión a alteración puramente cuantitativa da temperatura produce un estado cualitativamente alterado da auga.
Poderiamos aducir en apoio desa lei centos máis de feitos tomados da natureza e da sociedade humana. Así por exemplo, toda a cuarta sección do Capital de Marx -produción da plusvalía relativa no terreo da cooperación, división do traballo e manufactura, maquinaria e grande industria- trata de innumerábeis casos nos cales a alteración cuantitativa modifica a calidade das cousas de que se trata, co que, por usar a expresión tan odiosa para o señor Dühring, a cantidade trócase en calidade, e á inversa. Así, por exemplo, o feito de que a cooperación de moitos, a fusión de moitas forzas nunha forza total, xera, para dicilo coas palabras de Marx, unha "nova potencia de forza" esencialmente diversa da suma das súas forzas individuais. (F.Engels, Anti-Dühring , XI, Moral e dereito. Liberdade e necesidade.)

Falamos de cambio cualitativo cando unha cousa se transforma noutra que é esencialmente distinta. Por que unhas cousas se transforman noutras que teñen propiedades diferentes ás das cousas das que proceden? Segundo a lei de transición da cantidade á calidade, o aumento ou diminución da cantidade de materia inflúe na transformación dunha cousa noutra distinta. A acumulación ou diminución da materia é progresiva, mentres que o cambio de calidade supón unha modificación radical da cousa, unha revolución. Con esta lei explícase o desenvolvemento dos seres e os fenómenos naturais, sociais, etc.

Todos os obxectos da Natureza posúen características mensurábeis, polo que a súa esencia, a súa calidade, é inseparábel dos aspectos cuantitativos. Cando unha cousa pasa de posuír unha calidade a posuír outra falamos de "salto cualitativo". Como todo movemento é o resultado da loita de elementos contrarios, o salto cualitativo supón a resolución dunha contradición, que dá lugar a unha nova realidade, que representa un avance no desenvolvemento da Natureza. O salto cualitativo non supón o simple cambio dunha calidade por outra, senón por outra que supera, dalgunha maneira, á anterior.

3. Lei de negación da negación

Na dialéctica, negar non significa simplemente dicir non, ou declarar inexistente unha cousa, ou destruíla de calquera modo. Xa Spinoza di: omnis determinatio est negatio, toda determinación ou delimitación é negación. Ademais, a natureza da negación dialéctica está determinada pola natureza xeral, primeiro, e especial, despois, do proceso. Non só teño que negar, senón que teño que superar logo a negación.
Teño, pois, que estabelecer a primeira negación de tal xeito que a segunda siga sendo, ou se faga, posíbel. Como? Segundo a natureza especial de cada caso particular. Se molo un gran de orxo ou esmago un insecto, realicei certamente o primeiro acto, pero fixen imposíbel o segundo. Toda especie de cousas ten o seu modo propio de ser negada de tal xeito que se produza desa negación o seu desenvolvemento, e así tamén ocorre con cada tipo de representacións e conceptos. (F.Engels, Anti-Dühring , XIII. Dialéctica. Negación da negación.)

A lei de negación da negación completa a anterior, explicando o modo no que se resolve a contradición, dando paso a unha realidade nova que contén os aspectos positivos do negado. O primeiro momento do movemento dialéctico, o da afirmación, supón a simple existencia dunha realidade; o segundo momento, o da negación, supón a acción do elemento contrario que, en oposición co primeiro momento, négao. O terceiro momento, negando ao segundo, que era xa, pola súa vez, a negación do primeiro, preséntase como o momento da reconciliación, da síntese, recollendo o positivo dos dous momentos anteriores.

Unha vez acadado este estadio do movemento atopámonos diante dunha nova realidade que entrará de novo noutro ciclo de transformación dialéctica, dando lugar, así, ao desenvolvemento progresivo da Natureza, da sociedade humana e do pensamento. Un desenvolvemento que se dirixe cara as formas máis completas, máis perfectas, máis integradoras, da realidade.