A filosofía de Marx


Marx

2. Alienación e ideoloxía

É nos "Manuscritos económico-filosóficos" e en "A ideoloxía alemá", escritas en 1844, a primeira, e en 1845, a segunda, (esta en colaboración con Engels), pero que non foron publicadas ata 1932, onde se atopan os principais análises da natureza da alienación do ser humano. O desterro do suxeito no proceso de seu obxectivación xa o estudara Hegel, pero será a raíz da crítica da noción de alienación mantida por Feuerbach como irá perfilando Marx a súa propia interpretación da natureza da alienación no ser humano.

A alienación en Feuerbach

Feuerbach expón o problema da alienación na súa obra "A esencia do cristianismo", no contexto da explicación da orixe e natureza da relixión. O ser humano non é o produto dos deuses, senón máis ben o contrario, os deuses son o produto dos seres humanos: a relixión é unha invención dos seres humanos, o resultado de aplicar atributos transcendentes ao mundo coñecido, ao mundo material e sensíbel, a duplicación transcendente deste mundo terreal. Unha vez creado ese mundo transcendente da relixión, prodúcese un estraño invertimento, polo que se intercambian os papeis do creador e da criatura, que dá lugar á alienación relixiosa. No caso do cristianismo, pois, resulta que non é Deus quen crea ao ser humano, senón o ser humano quen crea a Deus. Agora ben, unha vez creado Deus, os seres humanos non o ven como a súa propia imaxe, senón que o conciben como algo superior, ata o punto de invertir completamente a relación de semellanza, créndose eles imaxe de Deus, e terminando por someterse a el. Pois ben, é nese sometemento onde se consuma a alienación, o alleamento de si, do ser humano, na medida que supón a perda de si mesmo, a renuncia á súa propia natureza en favor da dun ser alleo. Deste xeito o ser humano convértese en algo estraño para si mesmo, nun ser alienado. O produto da súa obxectivación impónselle como a verdadeira e única realidade, á que debe someterse, véndose obrigado a vivir "para outro".

A alienación en Marx

Pero esta noción de alienación, que Feuerbach restrinxía ao ámbito relixioso, Marx estenderaa a todas as esferas da actividade humana, empezando pola actividade esencial do ser humano: a produción de bens para a satisfacción das súas necesidades. Producir é a actividade esencial dos humanos, o que os distingue doutras especies animais. Producir significa transformar a Natureza, e ao transformar a Natureza o ser humano expresa o seu trazo esencial. Non se limita a tomar da Natureza, senón que deliberadamente busca modificala. De aí que o traballo sexa o concepto fundamental para entender ao ser humano. O traballo, como actividade produtiva libre, é a actividade na que o ser humano expresa a súa humanidade, a súa verdadeira natureza. Todo o producido desta forma -un vestido, unha estatua, unha casa- é a esencia da vida humana convertida nun obxecto físico e, polo tanto, externo ao produtor. Mais na sociedade industrial, o traballador non controla o produto do seu traballo. O produto no que se obxectiva o seu traballo non lle pertence, converténdose así en algo estraño, alleo ao traballador: a súa actividade transformadora non lle pertence, non é considerada como súa, senón que devén propiedade de "outro". "O obxecto que o traballo produce, o seu produto, enfróntase pois a el como un estraño, como un poder independente do produtor... o traballador relaciónase co produto do seu traballo como cun obxecto estraño", di Marx nos "Manuscritos económico-filosóficos". Ademais, na medida na que o produto se converte nunha mercadoría, o traballo obxectivado nel tratase tamén como mercadoría, polo que o mesmo suxeito produtor, cuxa actividade áchase obxectivada na cousa, no obxecto producido, vese sometido a un proceso de reificación, de “cousificación” (converterse en cousa), mediante o que termina por ser considerado simplemente como cousa, como mercadoría.

En que consiste entón o alleamento do traballo? Primeiramente en que o traballo é externo ao traballador, é dicir, non pertence a seu ser; en que no seu traballo, o traballador non se afirma, senón que se nega; non se sente feliz, senón desgraciado; non desenvolve unha libre enerxía física e espiritual, senón que mortifica o seu corpo, arruína o seu espírito. Por iso o traballador só se sente en si fóra do traballo, e no traballo, fóra de si. Está no seu cando non traballa e cando traballa non está no seu. O seu traballo non é, así, voluntario, senón forzado, traballo forzado. Por iso non é a satisfacción dunha necesidade, senón soamente un medio para satisfacer as necesidades fóra do traballo. O seu carácter estraño evidénciase claramente no feito de que tan pronto como non existe unha coacción física ou de calquera outro tipo fóxese do traballo como da peste. O traballo externo, o traballo no que o home se aliena, é un traballo de autosacrificio, de ascetismo [ Marx, "Manuscritos económico-filosóficos" ]

O traballo convértese, pois, nunha actividade alienada e alienante, cando os seres humanos producen obxectos sobre os cales xa non exercen ningún control, que non poñen de manifesto a súa humanidade, xa que non resultan da súa libre actividade, senón dunha actividade que é "para outro", que xa non lles pertence porque lle pertence a quen pague o seu salario, e da que se lles despoxa. Desta maneira é o capitalista o que, coa apropiación do produto, apropiase da actividade dos demais, resultando para eles unha actividade alleada, alienada. Ademais, o obxecto producido vólvese contra o seu creador, posto que serve para enriquecer ao capitalista e aumentar o seu poder sobre o proletario. Deste xeito a actividade produtiva convértese nunha actividade realizada baixo "dominación, coerción e o xugo doutro home". Os seres humanos en vez de relacionarse entre si cooperativamente fano competitivamente. O amor e a confianza mutua vénse substituídas polo comercio e o intercambio de, (e como), mercadorías. Os seres humanos non recoñecen no outro unha natureza humana común: ven aos outros como instrumentos para satisfacer os seus intereses egoístas. A humanidade, baixo a explotación do traballo asalariado, aparece escindida, separada en dúas partes que non recoñecen a súa común humanidade.

A explotación do traballador prodúcense por partida dobre; en primeiro lugar, o capitalista explótao ao apropiarse da materia primeira e dos medios de produción, así como da plusvalía producida polo traballador; pero en segundo lugar, explótao como mercadoría, considerándoo un mero apéndice da maquinaria, unha peza máis do sistema de produción. Nesta segunda forma de explotación, o traballador perde toda autonomía persoal e toda posibilidade de atopar satisfacción no traballo. O capital non só se apropia da plusvalía senón que se converte nunha forza tanxíbel que espreme a vida mesma do traballador e que mutila os seus talentos: o traballo, a súa propia actividade, convértese no medio da súa escravitude, da súa alienación.

Pero a alienación non só se dá no terreo da actividade produtiva, do traballo. Ademais da alienación económica, estrutural e radical na sociedade capitalista, derivan dela outras formas de alienación, como a social, (a través da división da sociedade en clases), a política (coa división entre a "sociedade civil" e o "Estado") das que, pola súa vez derivan outras formas de alienación ideolóxica, (como a relixiosa e a filosófica) que buscan xustificar a situación real de miseria para a maioría e, ao mesmo tempo, confundir e mistificar a realidade, creando unha falsa conciencia da mesma.

A última fase da alienación é, pois, a alienación ideolóxica. Nesta o traballador cree que é lexítima a apropiación da plusvalía por parte do capitalista. O traballador cree que, como o capitalista posúe lexitimamente os medios de produción (talleres, maquinaria, fábricas...), ten unha pretensión ou un dereito fundado para apropiarse unha parte do seu traballo, dunha parte da súa actividade, dunha parte da súa vida. Pola súa vez, considérase lexítima a posesión dos medios de produción porque deriva dunha apropiación lexítima de plusvalías en etapas anteriores, construíndose un círculo vicioso nos procesos de lexitimación da explotación. A eficacia da explotación capitalista descansa sobre a noción de lexitimidade: presentarse diante das conciencias dos explotados como moralmente xustificábeis.

A ideoloxía é unha forma de ver o mundo que satisfai os intereses dos explotadores. A ideoloxía é unha falsa conciencia , unha representación desaxeitada da realidade co fin de que os explotados consideren naturais e por tanto xustificábeis e inevitábeis as súas condicións de vida: “sempre houbo ricos”, “é natural que o amo se leve unha parte da colleita: é o dono da terra, ao fin e ao cabo”, son expresións que manifestan a aceptación da ideoloxía dominante por parte dos dominados. A ideoloxía representa a culminación do proceso de alienación.