Karl Heinrich Marx


Marx

Biografía

Karl Marx (1818-1883)

Karl Heinrich Marx naceu o 5 de maio de 1818 en Tréveris, cidade da Prusia renana (á que tamén pertencían Bonn e Colonia). Aínda que a súa familia era de orixe xudeu convertéranse ao protestantismo no 1824. O seu pai, Heinrich Marx, era avogado en Tréveris. Nesa cidade cursou Marx os seus estudos de Bacharelato, comezando logo os seus estudios universitarios en Bonn, que proseguiría en Berlín, onde se dedicou ao estudo da historia e da filosofía, nunha época na que a influencia do pensamento hegeliano era predominante. Marx terminaría os seus estudos en 1841, cunha tese de doutoramento sobre a filosofía de Epicuro. En Berlín entrou en contacto cos chamados "Xoves hegelianos", facéndose socio do Club de Doutores (Doktorklub). Desa época data a súa amizade con Bruno Bauer, un dos membros destacados do club.

En 1842 comezou a súa colaboración coa revista "Rheinische Zeitung", (Gaceta Renana), dedicada a cuestións de "política, comercio e industria", que salientou polo seu carácter crítico, e da que posteriormente sería redactor xefe, en Colonia, actividade que o puxo en contacto directo cos problemas políticos e sociais da época en Alemaña. Consecuencia de tal contacto, e da análise da realidade social e política, foi o xiro dado por Marx no seu pensamento, que o levou a adoptar unha actitude crítica ante a teoría do Estado de Hegel.

O 19 de xuño de1843 casará con Jenny von Westphalen, moza pertencente á nobreza prusiana (cuxo irmán sería Ministro de Interior nun dos períodos máis reaccionarios, despois da revolución de 1848). A raíz do peche da revista, en 1843, censurada polas autoridades, Marx trasládase con Jenny a París, onde colaborará con Arnold Ruge nos "Anais franco-alemáns”, revista da que se chegaría a publicar un só número, na que publicará a súa "Crítica da filosofía hegeliana do Dereito". En París entrará en contacto co movemento socialista francés, a través de Proudhon e Louis Blanc, dous dos seus destacados líderes, coñecendo tamén ao anarquista ruso Bakunin. Nesa época iniciará os seus estudos da economía política inglesa, somerxéndose na obra de Adam Smith e Ricardo, o que supoñerá un novo xiro no seu pensamento.

En 1844 iniciou de novo contacto con F. Engels, a quen coñecera anteriormente, chegado a París procedente de Inglaterra, iniciándose unha colaboración duradeira entre ambos, que dará o seu primeiro froito en 1845, coa publicación de "A sagrada familia", unha obra crítica en contra das posicións idealistas defendidas por Bruno Bauer e os seus seguidores.

En 1845 Marx foi expulsado de Francia, trasladándose a Bruxelas. Alí continuará a súa actividade política e intelectual, plasmada nas coñecidas "Teses sobre Feuerbach" e en "A ideoloxía alemá", escrita esta en colaboración con Engels, e que non será publicada ata 1932, pero que contén xa os elementos fundamentais da concepción materialista da historia.

En 1847 asóciase á Liga Comunista. De novo en colaboración con Engels, redacta os principios e obxectivos da mesma, recollidos no coñecido "Manifesto comunista", que sería publicado en Londres en 1848. Ese mesmo ano comeza unha ondada de revolucións en Europa. A Marx expulsarano de Bélxica, onde se temía o éxito da revolución, sen contemplacións, dirixíndose a Francia, convidado polo goberno provisional. Marx e Engels deciden regresar a Alemaña, para participar na revolución que se producía alí, e que se saldará cun fracaso. Marx editará en Colonia a "Neue Rheinische Zeitung", por cuxos artigos levarano perante dos tribunais de xustiza, onde o xulgarán, pero quedará absolvo de todas as acusacións. Tralas derrotas das insurreccións de maio de 1849 trasladarase de novo a París, pero será novamente expulsado de Francia, en 1849, polo que se dirixirá a Londres, onde estabelecerá a súa residencia, aínda que realizará algunhas viaxes, relacionadas coa saúde e visitas familiares, a Francia e a Alemaña.

O Museo Británico, en Londres, en cuxa biblioteca Marx pasou larg as horas de estudio, traballando sobre as súas teorías

En Londres desenvolverá unha intensa actividade intelectual, (son coñecidas as súas intensas sesións de traballo na biblioteca do Museo Británico), que o levarán á realización da súa obra cume, "O capital", colaborando tamén no "New-York Tribune". En 1859 publica, como froito dos seus traballos sobre economía, a "Contribución á crítica da Economía política", onde expón a súa teoría do valor, que se converterá na pedra angular dos seus estudos sobre o capital. Non obstante, Marx non deixa completamente á marxe a súa actividade política no movemento comunista internacional, da que será unha mostra a súa participación na creación, en 1864, da AIT (Asociación Internacional de Traballadores), que sería coñecida tamén como a Iª Internacional. As diverxencias na AIT cos anarquistas, así como cos socialistas franceses e alemáns, sobre todo respecto á hexemonía do Consello Xeral, saldarase co que se considerou un fracaso político para Marx, quen non consegue impoñer as súas teses senón formalmente, aínda que grazas á situación de poder da que segue gozando, consegue que a sede da Internacional sexa trasladada a Nova York.

En 1867 publicarase a primeira edición do primeiro tomo de "O capital". Os 2 restantes volumes serán publicados postumamente por Engels, en 1885 e 1894. En 1871, trala revolución que leva á Comuna de París, Marx organiza manifestacións de apoio e escribe "A guerra civil en Francia", que interpreta a Comuna como o primeiro intento para instituír a ditadura do proletariado.

Falece o 14 de marzo de 1883, sendo enterrado no cemiterio londiniense de Highgate.