Karl Heinrich Marx


Marx

Marx e o seu tempo

Bosquexo biográfico de Marx e Engels

A achega individual máis decisiva en toda a historia do pensamento socialista é a de Karl Marx (1818-1883). Nado en Tréveris, a beiras do Mosela, era descendente dunha familia de rabinos xudeus, pero o seu pai rompera con esa tradición e ademais abandonara a relixión hebrea para poder entrar na sociedade burguesa xentil. Tal fenómeno non era insólito na Alemaña daquel entón, pois esta era a única maneira de atopar plena aceptación social. Aínda que Marx se criou, pois, no seo dunha familia hipoteticamente cristiá, as tradicións culturais do xudaísmo son unha parte substancial da súa formación. Ata o momento de entrar na universidade, Karl Marx recibiu unha educación liberal burguesa. O veciño e amigo da familia, o barón Ludwig von Westphalen, sen embargo, deu a coñecer ao rapaz algunhas ideas revolucionarias, en especial as de Saint-Simon. Marx namorouse da súa filla, Jenny von Westphalen, e prometeuse con ela aos dezaoito anos. Esta muller, magnificamente educada polo seu pai, sería a infalíbel compañeira e colaboradora de Marx durante toda a súa vida.

En 1818, Marx atopábase na Universidade de Bonn, onde levou unha vida estudantil particularmente axitada -escribiu poemas, foi sancionado pola autoridade académica e bateuse nun duelo- tralo cal trasladouse á Universidade de Berlín orientado polo seu pai. Este ordenoulle que estudase dereito, cousa que fixo, aínda que o irá substituíndo pola filosofía. Na capital de Prusia, Karl Marx cambiou de hábitos, leu vorazmente e alternou pouco, mentres seguía escribindo versos de romántica intensidade e de calidade mediocre. Marx graduouse en Berlín en 1841, aos dous anos de morrer o seu pai, e casou, en 1843, con Jenny von Westphalen.

Durante os seus anos de estudo sufriu a influencia da filosofía idealista alemá na súa versión hegeliana. pero tamén a de varios dos seus discípulos que a utilizaban revolucionariamente. Tal era o caso de David Friedrich Strauss, cuxa Vida de Jesús apareceu en 1835; nela afirmaba Strauss que os Evanxeos eran mitos polos que se expresa o Volksgeist ou espírito do pobo. Bruno Bauer (1809-1882), que en 1840 ía un paso máis alá, cualificábaos de documento falsificado. Marx entrou a formar parte dun club do que era membro Bauer, no seo do cal xurdiu o movemento chamado dos mozos Hegelianos: estes intentaban aplicar a filosofía de Hegel desprovendoa, sen embargo, da Idea Absoluta, que eles consideraban unha abstracción inaprensíbel.

Mentres tiña lugar esta revisión filosófica, os acontecementos políticos agravaban a situación intelectual. Federico Guillermo IV reforzaba a censura, obrigando con iso a moitos escritores a parar mentes nas condicións sociais. Con ese motivo Marx escribiu o seu primeiro artigo de calidade: un ataque mordaz contra a censura prusiana. O seu horror contra a opresión da libre circulación das ideas non o abandonaría xa. Acto seguido comezou a escribir para a Rheinische Zeitung ou Gaceta Renana, un xornal liberal que se publicaba en Colonia, o centro industrial do Rin onde a burguesía loitaba contra o catolicismo feudal.

Director, ao final, da Gaceta, Marx tívose que enfrontar con problemas de política práctica para os que non lle preparara Berlín. Así, tivo que defender aos campesiños que ían ás terras comunais a facer leña e a quen se quería privar de tal dereito, ou analizar as causas da miserábel situación dos viñadores do Mosela. Aos cinco meses, a Gaceta Renana era suspendida por orde da autoridade. En virtude de este evento, Marx volveu a repregarse no estudo da filosofía, en especial a filosofía relixiosa da súa época universitaria. A lectura da esencia do cristianismo de Ludwig Feuerbach levouno a atacar toda a cuestión a partir da raíz, e a facer as súas primeiras xeneralizacións importantes acerca da natureza humana.

Sendo aínda Marx director da revista, foi a velo un mozo comunista, fillo sen embargo dun fabricante renano, chamado Friedrich Engels (1820-1891). Engels nacera en Barmen, e vira desde pequeno como funcionaban as máquinas das fábricas téxtiles e tamén a miseria do incipiente proletariado alemán. O moralismo calvinista do seu pai non influíu pouco na súa reacción de rebeldía contra a situación creada polo capitalismo. En realidade, a Engels custoulle un penoso esforzo librarse do intenso pietismo calvinista da súa familia, pero cando atopou a Marx, xa acadara conclusións revolucionarias máis radicais cás que á sazón profesaba este. Por outra parte, posuía unha experiencia universitaria ata certo punto similar. Pasara unha época romántica, de poeta e escritor, e estudara en Bremen, facendo o seu servizo militar en Berlín, onde frecuentara o mesmo grupo de Mozos Hegelianos que Marx. Mas a entrevista con Marx foi fría e, despois dela, Engels partiu para Manchester, onde o seu pai posuía unha fábrica téxtil.

Engels chegou a Manchester en medio dunha crise moi forte da industria, ao pouco tempo do final do Cartismo e cando unha ondada de pobreza e mendicidade asolaba ao país. Engels decidiu estudar a situación, froito de cuxo afán sería o seu importante libro A condición da clase traballadora en Inglaterra en 1844. Iso non lle impediu entrar en relacións amorosas cunha obreira irlandesa, Mary Burns, quen desexaba a independencia do seu país (e coa que viviría, sen casar, ao considerar que o matrimonio era unha institución burguesa). Entre tanto, Marx e a súa esposa Jenny partiran para París, en 1843. Alí editábanse os Anais francogermanos (Deutsch-Französische Jahrbücher), nos que colaboraba Marx. Este leu nun número un interesante ensaio de Engels contra os economistas clásicos, no que os tachaba de hipócritas e pseudocientíficos. Marx comezou a escribir a Engels e a estudar, moi seriamente, a economía política liberal nos seus clásicos, sobre todo a Ricardo e Smith. Cando Engels pasou por París camiño de Barmen, a similitude das súas ideas coas de Marx cimentou a máis duradeira, firme e frutífera das amizades.

Salvador Giner, "Historia del pensamiento social", en castelán, L.5, c.III, 1, ed. Ariel, Barcelona, 1982

As primeiras Internacionais

Desde 1830 hai trazos de intentos de plasmar os sentimentos de solidariedade dos diversos proletariados nacionais nunha agrupación internacional. Así, o Manifesto Comunista acababa cunha chamada á unión internacional revolucionaria dos obreiros. A Asociación Internacional de Traballadores fundouse, despois dalgunhas vicisitudes, en 1864, en Londres, obra ao principio de obreiros franceses e ingleses aos que pronto se uniron algúns mazzinianos italianos, e varios emigrados polacos e alemáns, entre os que se contaba Karl Marx. Este foi quen pronunciou a alocución inaugural da Internacional, na que subliñou a agravación da situación da clase traballadora a partir da revolución de 1848 e a necesidade de organizar o movemento obreiro nun plano internacional.

Sen embargo, a heteroxeneidade dos seus elementos pronto minou a súa eficacia: os sindicalistas ingleses mirábana con receo, pois non querían sufrir a entrada de man de obra barata procedente do continente, mentres que noutros países, como Italia e España, non se conseguiron afiliados durante os primeiros anos. Andando o tempo, non obstante, a Asociación Internacional vai tomando incremento. A gran crise económica de 1867 provoca grandes movementos de folgas nos anos seguintes que a fortalecen. Mas precisamente por mor de súas recen adquiridas vastas proporcións, a Internacional abriga entón tendencias dispares e as crises ideolóxicas non se fan esperar.

En 1869, a Internacional acepta no seu seo a Alianza Internacional recen fundada por Bakunin. O anarquismo bakuninista progresa entón rapidamente nela. Marx sae ao paso desta tendencia, pero non consegue eliminala durante o Congreso de Basilea de 1869. Durante o mesmo, Bakunin acusou a Marx de propugnar o autoritarismo dentro do movemento obreiro; e Marx a Bakunin de atolondramento na acción revolucionaria e de falta de bases científicas. Sen que a Internacional se incline por ningún dos dous campos, estoupa a Guerra Francoprusiana, que une ás internacionais nunha van loita pacifista.. Para eles, a guerra é un acto criminal organizado pola burguesía, e froito dos seus intereses conflitivos. Proclamada a república en Francia, Bakunin precipítase "a abolir o estado" en Lión, con outros correlixionarios seus. O intento fracasa traxicomicamente, pero en París estoupa a revolta da Comuna, o 18 de marzo de 1870.

As internacionais de París animan a revolución, aínda que sexan minoría no Consello da Comuna. Parcialmente por mor de iso, a Asociación Internacional de Traballadores sofre unha crise final. As faccións divídena e o terror dos gobernos europeos diante da revolta parisiense envolve ás internacionais nunha atmosfera de represión. En España, a Internacional é declarada fóra da lei e no Norte de Europa perséguese e encarcera ás internacionais.

En condicións moi precarias, con poucos delegados, ten lugar entón a Conferencia de Londres, en 1871, na que Marx fai triunfar o seu criterio, a pesar da oposición de varios delegados, en especial do anarquista español Anselmo Lorenzo, a quen aloxara na súa propia casa, e cuxas memorias xa citadas reflicten moi ben o ambiente revolucionario da época. Marx propoñía a constitución dun partido político do proletariado, única solución para conseguir a supresión definitiva das clases sociais. O proletariado debía politizarse: do contrario estaría fóra de combate antes de entrar na loita. Naturalmente, estas posicións eran inaceptábeis para os anarquistas, máximos campións do apoliticismo proletario. A escisión final, e con iso a disolución da primeira Internacional obreira, consúmase no Congreso da Haya de 1872.

A Segunda Internacional, sen embargo, puido formarse vinte anos máis tarde, no Congreso de Bruxelas de 1891, animado por Friedrich Engels. A expansión dos movementos obreiros, o influxo do marxismo na socialdemocracia, o crecemento do sindicalismo, e outros factores coadxuvaron nesta reconstrución da antiga Asociación Internacional de Traballadores. A loita antianarquista continúa, pero é xa máis fácil, pois os libertarios deixaron a organización. Ao mesmo tempo, o prestixio ideolóxico do marxismo impón unha unidade teórica bastante considerábel. Esta plásmase no famoso Programa de Erfurt, de 1891, elaborado por Kautsky con axuda de Engels. Pero tal unidade non é a suficiente para que nos seus últimos anos Engels poida abandonar a loita ideolóxica. O seu Anti-Dühring está escrito contra a filosofía dun escritor que puidese influír excesivamente na orientación teórica da socialdemocracia alemá. Para esa época, sen embargo, existía xa en Europa un grupo considerábel de intelectuais, a primeira xeración, en realidade, de pensadores marxistas, a maior parte dos cales colaboraban activamente na vida da II Internacional. Pero os seus puntos de vista non coincidían.

Os primeiros teóricos do marxismo enfrontábanse cunha situación nova: existían partidos socialdemócratas nun bo número de países, vastos movementos sindicalistas, novos proletariados en rexións recen industrializadas. Ao mesmo tempo, producíranse cambios políticos, tales como a extensión do dereito ao sufraxio ou a presenza de partidos socialistas nalgúns parlamentos. Esta era o caso especial do Partido Socialdemócrata alemán, cuxos dirixentes teóricos eran Wilhelm Liebknecht (1826-1900) e August Bebel (1840-1913). Ambos opuxéronse ás tendencias lassallistas dentro da socialdemocracia, e militaron dentro das tendencias pacifistas e antiimperialistas; así, opuxéronse á anexión de Alsacia e Lorena por parte de Alemaña. Ningún dos dous foi un gran teórico, pero entregáronse á tarefa de facer que o marxismo se convertese na doutrina dun gran partido proletario.

O Partido Socialdemócrata achou imitadores en Bélxica, Suíza, Austria , Francia. En España, Pablo Iglesias (1850-1925) fundara o Partido Socialista Obreiro Español, con criterios tamén marxistas, e aliárase coa Unión Xeral de Traballadores. Este partido pronto se caracterizou polo seu respecto aos principios parlamentarios e a súa preferencia pola solución pacifista dos conflitos laborais, en contraste cos anarquistas do mesmo país. Algo semellante pode dicirse do Partido Socialista Italiano. Entre tanto, outros movementos obreiros, como o inglés, parecían remisos á aceptación da doutrina marxista. Non obstante, á marxe deste feito, íanse perfilando tácticas reformistas bastante similares, en especial entre os socialistas británicos e os españois, aínda que os primeiros fosen moito máis numerosos cós segundos.

Salvador Giner, "Historia del pensamiento social", en castelán, L.5, c.V, 3, ed. Ariel, Barcelona, 1982