A filosofía de Marx


Marx

e 4 . O materialismo histórico

Fronte ás concepcións da historia que fan depender das ideas, (ou dos ideais políticos, filosóficos ou relixiosos, dos "grandes protagonistas da historia"), a realidade práctica, material, do ser humano, o materialismo histórico proponse explicar a historia a partir da produción práctica da existencia, invertendo a relación, tradicional na época de Marx, entre a existencia real e a idea que os seres humanos se fan da súa existencia, (ou os ideais que conciben en torno á súa realización). A historia non é, para Marx, nin unha colección de feitos, como parecían concibila os empiristas, nin unha sucesión de categorías, como a concibían os idealistas; tampouco é o resultado da acción illada dos considerados "personaxes históricos". A historia é o resultado do modo no que os seres humanos organizan a produción social da súa existencia. "Toda a concepción histórica, ata agora, fixo caso omiso desta base real da historia, ou considerouna simplemente como algo accesorio, que nada ten que ver co desenvolvemento histórico. Isto fai que a historia deba escribirse sempre de acordo cunha pauta situada fóra dela; a produción real da vida revélase como algo protohistórico, mentres que a historicidade maniféstase como algo separado da vida usual, como algo extra e supraterreal."( A Ideoloxía alemá, I, A, 2)

A concepción materialista da historia

Se o materialismo dialéctico se considerou tradicionalmente como a expresión "filosófica" do pensamento de Marx e Engels, o materialismo histórico, a explicación materialista da formación e desenvolvemento da sociedade, presentouse como a expresión científica do seu pensamento. A sociedade e a súa historia, ao ser concibidas como o resultado da actividade produtiva, práctica, do ser humano, atopan en tal actividade un elemento obxectivo, material, mensurábel, do que se poden extraer leis tan obxectivas como as que pode aspirar a formular calquera outra ciencia. Resulta significativo, a este respecto, que a actividade intelectual de Marx, despois deste achado, que constitúe unha das súas maiores achegas, se centre na análise da actividade produtiva do ser humano, ofrecendo como resultado do mesmo varias das súas obras máis significativas, entre as que se atopa a súa obra cume: "O Capital".

A concepción materialista da historia resúmea Marx, con estas palabras, nun breve parágrafo da "Contribución á crítica da economía política":

Na produción social da súa existencia, os homes entran en relacións determinadas, necesarias e independentes da súa vontade, en relacións de produción que corresponden a un grao determinado de desenvolvemento das súas forzas produtivas materiais. O conxunto destas relacións constitúe a estrutura económica da sociedade, ou sexa, a base real sobre a cal se alza unha superestrutura xurídica e política e á cal corresponden formas determinadas da conciencia social. En xeral, o modo de produción da vida material condiciona o proceso social, político e espiritual da vida. Non é a conciencia dos homes a que determina o seu ser, senón ao contrario, o seu ser social é o que determina a súa conciencia. Nun determinado estadio do seu desenvolvemento as forzas produtivas materiais da sociedade entran en contradición coas relacións de produción existentes ou, por usar a equivalente expresión xurídica, coas relacións de propiedade dentro das cales se moveran ata entón. De formas de desenvolvemento que eran as forzas produtivas, esas relacións convértense en trabas das mesmas. Empeza entón unha época de revolución social.

Ata entón crerase que a forma na que se organizaba a produción dependía exclusivamente da vontade dos seres humanos, á igual que as formas de organización social e política e, por suposto, da conciencia. Marx afirma o contrario: as relacións de produción son independentes da vontade dos seres humanos, e o modo no que os seres humanos producen a vida material "condiciona o proceso social, político e espiritual da vida".

Para garantir a súa supervivencia, o ser humano ha de conseguir os medios de subsistencia mediante o traballo, mediante unha actividade produtiva. Pero o ser humano ten unha existencia social, polo que a súa actividade produtiva non constitúe un acto illado, senón un acto social, a través do que entra en relación con outros seres humanos. Agora ben, estas relacións caracterízanse non só por ser necesarias para producir os medios de subsistencia, senón tamén por ser independentes da vontade de quen entran en relación, estando determinadas polo grao de desenvolvemento das forzas produtivas materiais: a actividade humana (ou forza de traballo) e os medios de traballo (utensilios, ferramentas, máquinas, etc.). As relacións que se estabelecen neste proceso son chamadas por Marx relacións de produción, e constitúen a estrutura económica da sociedade, a base sobre a que se asintan os elementos xurídicos e políticos, así como as formas da conciencia social.

O conxunto dos elementos relacionados coa produción, así como os elementos socio-políticos e ideolóxicos, é dicir, o conxunto dos elementos que forman parte dunha sociedade, nun momento determinado do seu desenvolvemento histórico, constitúen unha determinada formación social, unha totalidade social concreta, historicamente determinada.

1. O modo de produción

A cada formación social corresponderalle un determinado modo de producir socialmente os bens necesarios para a existencia, un determinado modo de produción, é dicir, unha determinada estrutura produtiva, composta polo conxunto dos elementos relacionados coa produción material da existencia, que constitúen a base sobre a que se asintan, e da que derivan, o conxunto de elementos xurídico-políticos e ideolóxicos, que forman a superestrutura de dita formación social. O concepto de modo de produción refírese, pois, seguindo a Marta Harnecker, (en "Os conceptos elementais do materialismo histórico"), "á totalidade social global, é dicir, tanto á estrutura económica como aos outros niveis da totalidade social: o xurídico-político e o ideolóxico".

O modo de produción é o resultado da síntese de tres elementos estruturais: a estrutura económica, a superestrutura xurídico-política e a superestrutura ideolóxica. No modo de produción podemos distinguir, pois, unha estrutura con dous elementos constitutivos: as forzas produtivas e as relacións de produción, entre os que se dá un mutuo condicionamento; e unha superestrutura na que se poden distinguir dous niveis: a superestrutura xurídico-política, constituída polos instrumentos de control sociais e políticos correspondentes ás relacións sociais de produción; e a superestrutura ideolóxica, pola que se xustifica a orde estabelecida mediante unha falsa conciencia que enmascara a verdadeira realidade. Ambas superestruturas están condicionadas pola estrutura económica da sociedade.

1.a. Estrutura económica

Forzas produtivas e relacións de produción

1.a.1. Marx entende por forzas produtivas, en primeiro lugar, a materia obxecto de transformación, (materia bruta se non foi previamente manipulada, e materia primeira se é artificial ou foi previamente manipulada) a partir da que se espera obter un produto determinado. En segundo lugar, a actividade do traballador, a súa capacidade de traballo, a que lle chama forza de traballo, e que acada un determinado grao de desenvolvemento nunha formación social determinada (como simple forza física, ou como habilidade técnica ou intelectual). En terceiro lugar, os medios para realizar o traballo (útiles, ferramentas, máquinas, etc.) necesarios para obter os produtos desexados.

1.a.2. Os seres humanos, en canto axentes do proceso de produción, entran en determinadas relacións para poder levar a cabo a produción dos bens desexados, denominadas relacións de produción. Estas relacións poden ter un carácter técnico ou social. As relacións técnicas de produción derivan da relación existente entre o axente produtivo e o control que posúe sobre os medios de traballo e sobre o proceso de traballo en xeral. As relacións sociais de produción derivan da clasificación que podemos estabelecer entre os axentes que participan no proceso de produción, polo que fai á propiedade ou non dos medios de produción, é dicir, se son propietarios ou non son propietarios dos medios de produción. Neste sentido, pódense estabelecer relacións sociais de colaboración (se todos son propietarios dos medios de produción, en cuxo caso ningún sector da sociedade vive da explotación doutro), ou relacións de explotación, de exclusión, de dominación (se uns son propietarios dos medios de produción e os outros non). Neste último caso a relación de dominación é unha relación explotador-explotado, na medida que os propietarios dos medios de produción viven do traballo dos non propietarios. Para Marx, esta relación de explotación é a típica das sociedades clasistas: a sociedade escravista, a feudal e a capitalista.

As relacións de produción favorecen inicialmente o desenvolvemento das forzas produtivas; pero a medida que as forzas produtivas se van desenvolvendo, terminan por entrar en contradición coas relacións de produción existentes, converténdose estas nunha traba para o desenvolvemento daquelas, o que provoca unha revolución social, que conclúe na substitución das vellas relacións de produción por outras novas, axeitadas ao grao de desenvolvemento das forzas produtivas. Tales contradicións, e a resolución das mesmas, determinadas por procesos estritamente materiais, constitúen o elemento configurador da sociedade e o motor da historia.

1.b. Superestrutura xurídico-política

A superestrutura xurídico-política está formada polo conxunto de normas, leis, institucións e formas de poder político que, condicionadas pola estrutura produtiva, ordenan e controlan o funcionamento da actividade produtiva dos cidadáns. As formas do Estado non son, pois, a realización do Espírito Absoluto, senón os instrumentos a través dos cales as clases dominantes exercen o seu poder sobre as clases sometidas. Lonxe de converterse nos garantes da realización humana e da liberdade dos individuos, como pensaba Hegel, convértense en axentes de represión e sometemento, de alienación e escravitude, en función das esixencias das relacións de produción, das que derivan e ás que serven.

1.c. Superestrutura ideolóxica

O primeiro uso do termo "ideoloxía" atribúese ao conde Destutt de Tracy, a finais do século XVIII, co significado de "estudo das ideas", aínda que pronto adquiriu unha connotación pexorativa. En Marx, o termo úsase co significado de "falsa conciencia", e aplícase aos sistemas filosóficos, xurídicos, políticos e relixiosos, na medida que considera que non se basean na realidade, senón en ilusións sobre a realidade. As ideoloxías non só desvirtúan a realidade, senón que se presentan tamén como sistemas de xustificación da mesma realidade que desvirtúan. A superestrutura ideolóxica constitúena, pois, o conxunto das ideas, crenzas, costumes, etc., plasmadas nas formas ideolóxicas da cultura, a relixión, a filosofía, etc., coas que se xustifica a "naturalidade" e "lexitimidade" do modo de produción do que derivan e cuxa realidade social enmascaran.

A superestrutura xurídico-política e ideolóxica está condicionada pola estrutura económica. Iso entendeuse, ás veces, como un determinismo puro nunha soa dirección, que non deixa ningunha opción á posíbel acción da superestrutura sobre a estrutura. Se isto fóra así, non se comprendería o papel da loita social e do combate político e ideolóxico mantido por Marx e Engels contra o modo de produción capitalista, nin as súas reiteradas chamadas a unha revolución social: tal revolución sería inevitábel, segundo a dialéctica da historia, houbese ou non movemento obreiro, polo que a loita social sería innecesaria e inútil. Engels declarou ao respecto que tiveran que subliñar o papel determinante da estrutura económica para afrontarse aos seus adversarios, polo que tiveran que deixar de lado outros aspectos da interacción humana. Pero tampouco foi moito máis explícito respecto ás características da acción da superestrutura sobre a estrutura económica.

Non obstante, as súas referencias á loita de clases parecen suxerir que é este o terreo no que dita interacción pode ter lugar. As clases sociais derivan da división social do traballo imposta pola estrutura económica, e en función de tal división participan distintamente do conxunto de dereitos, crenzas e formas de organización política da sociedade, obxectivándose nelas, pois, tanto a estrutura económica como as superestruturas xurídico-política e ideolóxica. Na loita de clases atopariamos, así, o terreo propicio para tal interacción. No capitalismo, malia que Marx recoñece a existencia doutras clases sociais, a loita de clases dáse entre a burguesía e o proletariado. Agora ben, o proletariado está sometido aos elementos ideolóxicos, non tendo, pois, conciencia da súa situación real. O desenvolvemento dunha conciencia da clase librarao do dominio da ideoloxía e levarao a reivindicar o fin da alienación e da explotación no traballo.

2. Os modos de produción históricos

Segundo Marx, ao longo da historia da humanidade sucedéronse varios modos de produción que, de acordo coas teses do materialismo histórico, son os auténticos determinantes da evolución histórica da humanidade, polo que a historia debería ser explicada en función deles, e non de acontecementos externos, como a sucesión de dinastías ou os dramatizados no culto aos "heroes". Esa evolución histórica, da que son protagonistas os seres humanos na súa actividade cotiá, partiría do comunismo tribal primitivo e, pasando polo modo de produción antigo e o feudal, chegaría ao modo de produción capitalista, (en plena expansión na segunda metade do século XIX), polo que respecta á historia de Occidente; e ao modo de produción asiático, respecto á historia de Oriente.

Clasificación dos Modos de produción coas correspondentes Relacións de produción, Formas de explotación e Formas de apropiación do traballo alleo.
Modo de produción Relacións de produción Forma de explotación Forma de apropiación do traballo alleo
Comunismo primitivo Comunitarias ------ ------
Asiático Funcionarios — comunidade de aldea Escravitude xeral Imposición de tributos colectivos en especie e traballo (con coacción extra-económica)
Antigo Amo— escravo Escravitude Apropiación privada do traballador (con coacción extra-económica)
Feudal Señor— servo Servidume (dependencia persoal) Apropiación privada do excedente (con coacción extra-económica)
Capitalista Capitalista— proletario Traballo asalariado (formalmente libre) Apropiación privada da plusvalía a través do “mercado” (sen coacción extra-económica)
Socialista Entre libres asociados ------- -------

O modo de produción tribal. A sociedade tribal primitiva era unha sociedade na que non se daba a propiedade privada dos medios de produción, senón a propiedade colectiva, polo que Marx chamará a este modo de produción "comunismo primitivo": un modo de produción no que as relacións sociais estabelecidas eran relacións de colaboración, e os medios de traballo e os produtos obtidos pertencían á sociedade.

O modo de produción asiático (en Oriente). Marx considerou que o modo de produción asiático non podía ser asimilado nin ao antigo nin ao feudal, polo que o cualificou de "asiático" ou "oriental". Ao depender do rego das terras, que esixe un control centralizado dos recursos hidráulicos, provócase a creación de gobernos centralizados que se impoñen sobre as dispersas comunidades agrícolas. Por outra parte, a simplicidade da organización económica convértea practicamente en inmutábel, de onde se explica a súa persistencia a través dos séculos.

O modo de produción antigo. A sociedade antiga é unha sociedade civilizada, pero baseada nun sistema escravista de produción. As relacións sociais no réxime escravista son, pois, de dominio e sometemento. O axente propietario, o amo, exerceu dominio completo sobre as forzas produtivas (man de obra - o escravo-, e medios de produción), das que era propietario.

O modo de produción feudal. A sociedade feudal posúe moitas características similares ás da sociedade antiga. As relacións sociais de produción son tamén semellantes ás do modo de produción escravista. Pero, malia que o señor feudal posúe a propiedade completa sobre os medios de produción, só en parte a posúe sobre o traballador (servo), co que estabelece unha relación de servidume ou vasalaxe.

O modo de produción capitalista. A súa base é a propiedade privada dos medios de produción, aínda que o traballador é xuridicamente libre. A forza de traballo é a única propiedade que posúe o traballador. O traballo xera unha plusvalía que non reverte sobre o salario do traballador, senón que é apropiada polo capitalista, xerando capital, polo que a relación capitalista-proletario é unha relación de explotación.

O capitalismo deberá deixar paso ao modo de produción socialista, seguindo a dialéctica da historia, pola que a humanidade recuperará, superándoo, o modo de produción do comunismo primitivo. O modo de produción socialista baséase nun réxime de propiedade colectiva, o que supón a abolición da propiedade privada dos medios de produción. En consonancia con iso, as relacións de dominio e sometemento substitúense polas de cooperación recíproca.

MODOS DE PRODUCIÓN, CLASES SOCIAIS E FORMAS DE EXPLOTACIÓN EN ORIENTE E OCCIDENTE ata finais do século XIX
En Occidente MODOS DE PRODUCIÓN CLASES SOCIAIS FORMAS DE EXPLOTACIÓN
Modos de produción tradicionais m. de p. antigo amos/escravos escravitude
  m. de p. feudal señores/servos servidume
Modos de produción modernos m. de p. capitalista burgueses/proletarios traballo asalariado
En ORIENTE MODOS DE PRODUCCIÓN CLASES SOCIAIS FORMAS DE EXPLOTACIÓN
Modos de produción tradicionais m. de p. asiático funcionarios estatais/comunidade de aldea escravitude xeral