A filosofía de Platón
1.2. A revisión crítica da Teoría das Ideas
A revisión crítica da Teoría das Ideas
Nos diálogos de vellez, especialmente nos chamados diálogos críticos e, entre eles, no "Parménides", un diálogo no que Sócrates e Parménides conversan sobre distintos problemas filosóficos, Platón revisa a teoría das Ideas, especialmente no referente á relación das Ideas coas cousas e ás clases de Ideas, así como as relacións que poida haber entre elas. Polo que respecta á relación entre as Ideas e as cousas expón Platón dúas formas de relación: a imitación e a participación. A semellanza mutua que existe entre os obxectos é o resultado da imitación dun modelo que permanece el mesmo inmutábel; di Sócrates, case ao comezo do diálogo, pero tal afirmación expón, di Parménides, un problema que non parece de pouca importancia: se iso é así, entón a semellanza que existe entre os obxectos da mesma clase e o modelo que imitan deberá ter pola súa vez a súa razón explicativa nun terceiro modelo ao que imiten tanto a Idea como as cousas; e este argumento poderíase realizar indefinidamente, xa que sempre necesitariamos recorrer a un terceiro modelo explicativo das sucesivas semellanzas que van aparecendo (é o argumento coñecido como o do "terceiro home"). Que ocorre se en lugar de imitación falamos de participación? Os problemas non parecen desaparecer, senón multiplicarse: Participan as cousas de toda a Idea ou só dunha parte dela? No primeiro caso tería que haber tantas Ideas como cousas, o que contradí a non multiplicidade de Ideas; no segundo caso as cousas participarían só dunha parte da Idea, o que tamén contradí os principios da indivisibilidade das Ideas. No transcurso da discusión Sócrates é incapaz de solucionar os problemas que lle expón Parménides, pero resístese a abandonar a teoría das Ideas. De feito Platón non a abandonará nunca. Outra cuestión que se discute é a de se existen Ideas de todas as cousas ou só dos obxectos ou realidades nobres; Sócrates volve a recoñecer o absurdo que parece afirmar que existen Ideas de cousas innobres e abxectas, como o pelo e cousas así, pero tampouco está disposto a renunciar á súa teoría: parece que ten que haber Ideas de todas as cousas e que dalgunha maneira eses obxectos universais, as esencias, han de ser reais e han de existir.
A xerarquización das Ideas
As Ideas, polo demais, está xerarquizadas. O primeiro rango correspóndelle á Idea de Ben, tal como nolo presenta Platón na "República", aínda que noutros diálogos ocupará o seu lugar o Un, (no "Parménides"), a Beleza, (no "Banquete"), ou o Ser, ( no "Sofista"), que representan o máximo grao de realidade, sendo esta a causa de todo o que existe. A seguir virían as Ideas dos obxectos éticos e estéticos, seguida das Ideas dos obxectos matemáticos e finalmente das Ideas das cousas. Platón intenta tamén estabelecer unha certa comunicación entre as Ideas e, segundo Aristóteles, terminou por identificar as Ideas cos números, identificación da que si temos constancia que realizaron os continuadores da actividade platónica na Academia.
A orixe da Teoría das Ideas
Cal é a xénese da teoría das Ideas? Descartada a hipótese de que Platón a tomase tal cal de Sócrates, como vimos anteriormente, podemos distinguir dúas correntes de influencia na elaboración da teoría das Ideas. Por unha parte, os ensinos socráticos, centradas na busca da definición universal, apuntaran a necesidade de destacar o elemento común entre todos os obxectos da mesma clase. Ese obxecto común ou termo do coñecemento, que en Sócrates non deixaba de ser un termo lingüístico, é convertido por Platón en algo independente do coñecemento e da linguaxe: da afirmación da necesaria realidade dese obxecto común Platón conclúe que debe existir independentemente da mente que o concibe, e chámao Idea. Por outra parte, as investigacións dos filósofos anteriores, tanto das escolas xónicas como das escolas itálicas, puxeran de manifesto tamén a necesidade de recoñecer a unidade na diversidade, a través da busca do arkhé. A preocupación socrática, limitada estritamente aos obxectos éticos, é estendida por Platón á investigación dos obxectos naturais: do mesmo modo que debe existir unha definición universal de "virtude", ha de existir unha definición universal de todos e cada un dos compoñentes da realidade. Xa que Platón fai do termo desa definición universal unha Idea, unha realidade subsistente, acaba por postulala detrás dos obxectos éticos e dos obxectos naturais.
A Teoría das Ideas no pensamento de Platón
Nos primeiros diálogos non achamos nada que nos poida suxerir que Platón estivese en posesión da teoría das Ideas. O discurso socrático nestes diálogos está orientado cara a busca dunha definición da virtude, tendo unha intencionalidade fundamentalmente ética. Nos diálogos de transición si que atopamos algúns elementos que parecen orientar o pensamento de Platón cara a dita teoría, como pode ser a formulación da teoría da reminiscencia no "Menón". Pola contra, si que atopamos esa formulación nos diálogos de madurez: "Fedón", "Fedro", "República" e "Banquete", nos que, a raíz de distintos temas, Platón presenta a teoría das Ideas apoiándose en explicacións figuradas que veñen recolleitas nos máis coñecidos mitos de Platón. No devandito período podemos destacar unha intención gnoseolóxica compatíbel coa intención ontolóxica coa que xeralmente se identifica a teoría das Ideas, é dicir, co que poderiamos chamar a metafísica platónica. E aínda que no período de vellez Platón adopta unha actitude crítica coa teoría das Ideas non parece que a abandonara nunca.