A filosofía de Kant


Immanuel Kant

1. O problema xeral da metafísica

1. - O problema xeral da metafísica

No prólogo á primeira edición da "Crítica da razón pura", logo de explicar brevemente os avatares sufridos ao longo da historia pola metafísica, que a levaron de ser considerada a raíña das ciencias a ser obxecto de desprezo, exponnos Kant o obxectivo fundamental das súas investigacións: "Trátase, pois, de decidir a posibilidade ou imposibilidade dunha metafísica en xeral e de sinalar tanto as fontes como a extensión e límites da mesma, todo iso partir de principios".

É o chamado "problema crítico", que volve a ser exposto no prólogo da segunda edición: mentres a lóxica, as matemáticas, a física, e as ciencias naturais foron atopando o camiño seguro da ciencia, a metafísica, a máis antiga de todas elas, non o conseguiu: "Non hai, pois, dúbida de que o seu modo de proceder consistiu, ata a data, nun mero andar a tentas e, o que é peor, a base de simples conceptos. A que se debe entón que a metafísica non atope aínda o camiño seguro da ciencia?".

A metafísica, sen embargo, parece inevitábel como disposición natural, na medida na que o ser humano séntese inclinado a buscar as primeiras causas e principios da realidade; a pesar de iso, xa que despois de séculos de investigacións nese terreo, a metafísica non conseguiu entrar no camiño seguro da ciencia, talvez os seus esforzos sexan vans porque pretenda o imposíbel, polo que é necesario preguntarse acerca da súa posibilidade, pregunta na que se resume o "problema crítico": É posíbel a metafísica como ciencia?

A diferenza das outras ciencias, a metafísica pretendeu transcender a experiencia e ofrecernos un coñecemento de entidades como Deus, a alma e o mundo como totalidade, a partir de conceptos "a priori" é dicir, independentes da experiencia. Tratarase, polo tanto, de indagar "que e canto poden coñecer o entendemento e a razón á marxe de toda experiencia", polo que será necesaria, en consecuencia, unha investigación crítica da facultade de razoar (non un estudo psicolóxico que remita ás condicións concretas, empíricas, de dita facultade, senón un estudo das condicións a priori, é dicir, transcendentais). Unha vez determinadas cales son esas condicións transcendentais estaremos en situación de decidir se permiten ou non as pretensións cognoscitivas da metafísica.

2.- O problema do coñecemento a priori

Dado que a metafísica pretende obter un coñecemento a priori, independente da experiencia, a resposta á pregunta pola súa posibilidade esixe responder previamente á pregunta de se é posíbel o coñecemento a priori. Pero cantas formas hai de coñecemento? É o coñecemento a priori unha delas, ou non pasa de ser unha ilusión?

"Non hai dúbida algunha de que todo o noso coñecemento comeza coa experiencia", dinos Kant no primeiro parágrafo da introdución da "Crítica da razón pura", e engade inmediatamente a seguir, no segundo parágrafo: "pero, aínda que todo o noso coñecemento empece coa experiencia, non por iso procede todo el da experiencia". A diferenza do que afirmaran os racionalistas e os empiristas, para quen había só unha fonte do coñecemento, a razón para uns, e a experiencia para os outros, para Kant haberá dúas fontes do coñecemento: unha, a sensibilidade, que subministrará a materia do coñecemento procedente da experiencia, e outra, o entendemento, que subministrará a forma do coñecemento, e que será independente da experiencia. Poderemos falar, polo tanto, dun coñecemento a priori e dun coñecemento a posteriori:

No que segue entenderemos, pois, por coñecemento a priori o que é absolutamente independente de toda experiencia, non o que é independente desta ou aquela experiencia. A el oponse o coñecemento empírico, o que só é posíbel a posteriori, é dicir, mediante a experiencia".

O coñecemento empírico non comporta ningunha necesidade, xa que o contrario dun fenómeno é sempre posíbel. A proposición "o sol sairá mañá", por exemplo, non contén ningunha necesidade, tal como dixera xa Hume na "Investigación sobre o entendemento humano". Tampouco as proposicións empíricas implican universalidade: ao ser o resultado dunha xeneralización indutiva están sometidas aos datos da observación, é dicir, esta proposición será válida mentres o que ata agora observamos se manteña estábel de acordo con esta regra. O coñecemento empírico, a posteriori , pois, non encerra necesidade nin universalidade algunha.

Sen embargo, estamos seguros de que certos coñecementos implican necesidade e universalidade (as matemáticas, por exemplo); se esa necesidade e universalidade non pode proceder da experiencia será, pois, a priori, independente da experiencia. "É fácil demostrar que existen realmente no coñecemento humano semellantes xuízos necesarios e estritamente universais, é dicir, xuízos puros a priori". Como exemplos apela Kant ás ciencias en xeral; ás matemáticas, á física, etc; incluso podemos ter un exemplo dese coñecemento a priori remitíndonos "ao uso máis ordinario do entendemento", para o cal Kant elixe a seguinte proposición: "todo cambio ha de ter unha causa". A elección desta proposición non é gratuíta, xa que lle permitirá a Kant atacar a interpretación que fixera Hume do principio de causalidade.

A diferenza de Hume, que facía depender este principio de causalidade da experiencia, Kant, alegando que é un principio universal e necesario, afirma que non pode proceder da experiencia e propono como un exemplo de coñecemento a priori. Considerando demostrada así a existencia do coñecemento a priori Kant preguntarase polo seu fundamento e a súa lexitimidade. E dado que todos os coñecementos se expresan en xuízos, nos que se pensa a relación entre un suxeito e un predicado, preguntarase polos distintos tipos de xuízos que é posíbel formular.

3.- A análise dos xuízos. Os xuízos sintéticos a priori

Seguindo a distinción que fixeran Leibniz entre verdades de razón e verdades de feito e Hume entre coñecemento de relacións de ideas e coñecemento de feitos, Kant distinguirá dous tipos de xuízos: os xuízos analíticos e os xuízos sintéticos.

Nos xuízos analíticos o predicado está comprendido na noción do suxeito e son, polo tanto, xuízos explicativos, é dicir, xuízos que non aumentan o meu coñecemento, senón que explican unha determinada relación entre o suxeito e o predicado. Neste sentido, os xuízos analíticos son sempre verdadeiros e, ao non depender da experiencia, son a priori. Como exemplo de xuízo analítico propón Kant o seguinte: "Todos os corpos son extensos"; para achar o predicado deste xuízo di Kant non necesito mais que descompoñer o concepto do suxeito, analizalo, xa que non teño que ir alén do concepto de corpo para achar o de extensión.

Os xuízos sintéticos, polo contrario, son aqueles nos que o predicado non está comprendido na noción do suxeito, coma cando digo "todos os corpos son pesados". Como a relación entre suxeito e o predicado engade algo ao suxeito que non está comprendido na súa noción (o concepto de corpo non contén a idea de peso) ese tipo de xuízos son extensivos, xa que amplían o meu coñecemento do suxeito. Tanto Leibniz como Hume estarían de acordo con que este tipo de xuízos son todos a posteriori, é dicir, que dependen da experiencia.

Sen embargo Kant distingue entre dous tipos de xuízos sintéticos: os xuízos sintéticos a priori e os xuízos sintéticos a posteriori. Mentres que os segundos serían continxentes e dependerían totalmente da experiencia, (e coincidirían coas verdades de feito de Leibniz e o coñecemento de feitos de Hume), os primeiros, os xuízos sintéticos a priori, conterían, sendo a priori, un coñecemento universal e necesario, e sen embargo, sendo sintéticos, aumentarían o meu coñecemento.

Como exemplo de xuízos sintéticos a priori propón o seguinte: "todo o que ocorre ten unha causa", e refírese ademais á existencia doutros xuízos sintéticos a priori nas diversas ciencias, como, por exemplo, a proposición 7 + 5= 12, en matemáticas, (12 non estaría comprendido na idea de sumar 7 + 5, polo que o xuízo sería sintético, aumentaría o meu coñecemento; e, sen embargo, que "sete e cinco suman 12" non deixa de ser unha proposición universal e necesaria, a priori, polo tanto). Kant dedicará o capítulo quinto da introdución a demostrar que "todas as ciencias teóricas da razón conteñen xuízos sintéticos a priori como principios". É dicir, que non só existen tales xuízos sintéticos a priori nas ciencias, senón que son o seu fundamento mesmo.

Ata entón aceptárase que os xuízos analíticos, a priori, polo tanto, eran o fundamento das matemáticas, e que os xuízos sintéticos, a posteriori, érano das ciencias naturais, polo que a afirmación kantiana de que existía un terceiro tipo de xuízos, os sintéticos a priori, e que eran o fundamento da ciencia non deixou de sorprender e dar lugar a non poucas polémicas.

Esta afirmación kantiana de que existen xuízos sintéticos a priori constitúe, pois, unha polémica novidade. Como é posíbel que existan xuízos que amplían o meu coñecemento e que, sen embargo, non dependan da experiencia? É dicir, Como podemos saber algo a priori acerca da realidade?. É necesario xustificar esta afirmación, polo que Kant verase obrigado a responder á pregunta: Como son posíbeis os xuízos sintéticos a priori?

Esta pregunta, dinos Kant, debemos dividila pola súa vez nestoutras:

Unha vez expliquemos cales son as condicións que fan posíbeis (non se son posíbeis, o cal é evidente) as matemáticas e as ciencias naturais estaremos en condicións de determinar se a metafísica cumpre as mesmas condicións que fan posíbel o coñecemento científico. Pero, a diferenza das matemáticas e as ciencias naturais, que existen como ciencias de forma innegábel, polo que respecta á metafísica temos que preguntarnos pola súa posibilidade, xa que, se ben é innegábel a súa existencia como disposición natural, é discutíbel a súa existencia como ciencia. A última pregunta que debemos facernos será, polo tanto:

Á primeira pregunta, polas condicións que fan posíbel as matemáticas, responderá Kant na Estética Transcendental. Á segunda, polas condicións que fan posíbel as ciencias naturais, na Analítica Transcendental. Á terceira, sobre a posibilidade da metafísica como ciencia, na Dialéctica Transcendental, as tres partes nas que divide a "Crítica da razón pura".