Un opúsculo inédito ata 1889 — o Pequeno tratado, escrito entre 1630 e 1631 — conservou o primeiro esbozo do sistema científico filosófico con que Hobbes leva á escritura a súa orixinaria iluminación, a súa entusiasta e marabillada razón. Abarcará, "por orde de composición crecente, o estudo da substancia corpórea en xeral, corpus; o do home en estado natural, homo; e, por último, o do home en sociedade, o cidadán, civis". A partir de aí, queda sobre determinada ritualmente a existencia temporal deste fervoroso escriba escribindo e pensando no nome da Razón. Toda a súa vida posterior resólvese nun único empeño: desenvolver analiticamente, cientificamente, ese orixinario argumento epistemolóxico da súa propia razón descubrindo a Mecánica Razón Física que rexe o Movemento Universal dos Corpos. "Pois nada hai fóra dos corpos, é dicir, das cousas materiais, dotadas de dimensións e circunscribíbeis espacialmente, que poida ser movido" (Hobbes, Elements of Law).
En 1640, co Parlamento Longo, ábrese en Inglaterra o primeiro acto da Revolución Nacional. Nese mesmo ano Hobbes fixo circular o seu manuscrito Elements of Law, tomando posición fronte ao proceso revolucionario que ameaza a pacífica seguridade da sociedade inglesa. É a primeira saída ao público deste solitario pensador, decisivamente animado agora polo aristocrático círculo dos Cavendish. Ese texto, dividido en dúas partes ("Da natureza humana", "Do corpo político") preséntase como unha primeira exposición pública do seu sistema, forzosamente incompleta. Fronte á ameaza revolucionaria da guerra civil, o filósofo trata de iluminar ao seu público nacional escribindo en nome desa mesma Razón que sustenta a Nova Ciencia Física de Galileo e que ditan as regras do cartesiano Discurso do Método (publicado en 1637). Para o coñecemento científico do mundo non hai outra obxectividade posíbel que a evidencia física do movemento universal dos corpos. A invención moderna da Razón, a invención moderna da Ciencia, é, ante todo, o descubrimento da Ciencia Física como única evidencia racional absoluta en medio do caos político relixioso que fai estoupar a Primeira Revolución Burguesa.
Ningunha revolución se atén a razóns senón cando xa cesou a súa propia explosividade e non é senón memoria ritual ao servizo da Nova Razón de Estado que así se impón.
O peregrino atrevemento de Hobbes — enfrontándose con demasiadas faccións ao tempo — pono en risco de morte. A finais dese mesmo ano, en busca da seguridade física que require o seu propio traballo intelectual, Hobbes emigra a Francia, a París, repetindo o propio movemento estratéxico de Descartes, que en 1629 comeza o seu voluntario refuxio en Holanda, gardándose así do católico Leviatán nacional da súa propia Patria. Labirinto dramático dos personaxes e as máscaras da Razón encerrados no escenario ritual da Escritura — na específica complexidade significante dos seus específicos escenarios concretos. O teatro de Signos que é a escritura sinala ou encobre, pronuncia e retira, aquilo mesmo que así se manifesta: o Significante, en canto suposto e determinación físico social do significado do signo. Os Nomes Heroicos da invención da Razón Moderna acumúlanse entre si: o Pai Mersenne, a partir da súa cela en París, é un acumulador central de conexións internacionais con todos os sabios europeos do seu tempo. A independencia soberana da Coroa Francesa fronte ao Pontífice — o Galicanismo desa Igrexa nacional — asegura un mínimo espazo libre para o novo discurso da Razón que desde 1633 clausurouse polo Santo Oficio en Italia, en España, en Austria. A cela en París do Pai Mersenne é un palco escénico estratéxico dese proceso de acumulación de conexións entre Libros e escrituras, autores consagrados e novísimos filósofos. Xenealoxía ritual da produción colectiva dunha nova Orde Significante: a Razón. Pensando en termos xenealóxicos (Nietzsche), pensando en termos xenético-estruturais, hai que empezar a entender a radical identidade epistemolóxica de todo ese discurso que se acumula baixo os nomes de Galileo, Descartes e Hobbes máis alá da singularidade particular de tales Escribas e escrituras.
Versión galega para “A filosofía no Bacharelato” da introducción ao "Leviatán", de Carlos Moya, Editora Nacional, Madrid, 1980