Thomas Hobbes


Thomas Hobbes

Biografía

Thomas Hobbes (1588-1679)

Porta de madeira no Magdalen College, en Oxford, fundado no ano 1448 por William of Waynflete, bispo de Winchester, có nome de Magdalen Hall

Thomas Hobbes naceu o 5 de abril de 1588 en Malmesbury, en Wiltshire, en Inglaterra. O seu pai era vicario de Charlton e de Westport, localidades próximas a Malmesbury, pero unha disputa mantida á porta da igrexa con outro vicario, provocou o seu traslado a Londres. Como consecuencia de iso, aos sete anos de idade, Thomas Hobbes, quedou baixo a tutela do seu tío Francis, irmán maior do seu pai, que se dedicaba ao comercio e quen non tiña máis familia.

Hobbes realizará os seus primeiros estudos en Malmesbury e posteriormente en Westport, na escola privada de Robert Latimer, onde mostrou as súas dotes intelectuais nos estudos clásicos. Aos catorce anos, en 1603, financiados os seus estudos polo seu tío Francis, ingresa en Magdalen Hall, Oxford, onde predominaba entón a filosofía escolástica de inspiración aristotélica, pola que non mostrará ningún entusiasmo.

En 1608 obtivo o título de Bacharel, sendo nomeado titor, a instancias do Director de Magdalen Hall, de William Cavendish, con quen mantivo nos dous anos seguintes unha relación de camaradaría. En 1610 emprendeu unha viaxe por Europa, acompañando a William Cavendish por Francia, Italia e Alemaña, podendo observar de primeira man o pouco aprecio do que a escolástica gozaba nesas datas, xa en clara decadencia, e os numerosos intentos por abrir outras portas ao desenvolvemento do coñecemento, polo que decide, ao seu regreso a Inglaterra, profundar o estudo dos clásicos. Tamén pasa de ser titor de William Cavendish a ser o seu secretario e, dispoñendo ademais dalgúns aforros, decide dedicarse o máis intensamente posíbel aos seus estudos. Desta época son, ademais, as súas relacións con Francis Bacon, que o reforzaron na liña do seu propio pensamento, moi afastado do aristotelismo e da escolástica.

En 1628 morre William Cavendish, polo que Hobbes deixa de prestar os seus servizos á familia Cavendish, non sendo xa requirido para iso, pasando a ser titor do fillo de Sir Gervase Clinton de Nottinghamshire, ata 1631. En 1629 publicará a súa tradución de Tucídides, na que estivera traballando os últimos anos, e coa que Hobbes parece querer transmitir unha advertencia aos ingleses sobre os perigos da democracia.

De 1629 a 1631 emprenderá un nova viaxe á Europa continental, como titor do fillo de Sir Gervase Clinton, na que descubrirá o valor da xeometría e a posibilidade de aplicar o seu método á defensa das súas ideas sociais e políticas.

En 1631 a familia Cavendish require unha vez máis os seus servizos como titor do terceiro Duque de Devonshire, cargo que desempeñará ata 1642. Nese período realiza un nova viaxe ao continente, permanecendo alí de 1634 a 1637, entrando en contacto co círculo intelectual do pai Mersenne, mentor de Descartes e Gassendi, con quen estabelecerá unha cordial amizade, e entre os que se atopaba Roberval, reputado matemático do círculo. En xeral, Hobbes móstrase partidario das explicacións mecanicistas do universo, fronte ás teleolóxicas, defendidas polos aristotélicos e a escolástica. Tamén ten ocasión de coñecer a Galileo, durante unha viaxe por Italia en 1636, baixo cuxa influencia desenvolve a súa filosofía social, baseada nos principios da xeometría e da ciencia natural.

En 1640, a raíz da guerra civil que estoupou en Inglaterra, tras un período de tensións entre o rei e o parlamento, Hobbes, temendo pola súa vida, ao ser un coñecido defensor da monarquía, viaxa de novo a París, onde volve a ser ben recibido polo círculo de Mersenne. Desta época son as súas obxeccións ás "Meditacións metafísicas" de Descartes, a solicitude deste, e publicadas tamén na súa obra “De Cive” en 1642, da que editará unha nova versión en 1647.

En 1646, aínda en París, será titor de matemáticas, durante os seguintes dous anos, ata 1648, do Príncipe de Gales, futuro Carlos II, que se exiliara tamén en París. Alí permanecerá Hobbes ata 1651, cando regresará a Inglaterra. Deste ano, tamén, é a súa publicación do “Leviatán”, o que provocará o inicio das súas disputas con John Bramall, bispo de Derry, ao que se dirixen varias das súas publicacións dos anos seguintes.

A publicación do “De Corpore” en 1665 dará lugar a unha polémica con destacados membros da Royal Society, na que se criticarán as súas achegas en matemáticas así como as posicións defendidas por Hobbes no tema da relixión, ao entender que defendían o ateísmo.

En 1668 intenta publicar unha historia dos anos 1640-1660, titulada “Behemoth”, pero prohíbeselle a súa publicación. En 1672 termina a súa autobiografía, que trasladará posteriormente a verso, en latín. Tres anos despois publicará a súa tradución da “Iliada” e da “Odisea”. Morre o 4 de decembro de 1679, en Hardwick may, á idade de 91 anos.