Epicuro de Samos


Busto de Epicuro de Samos

Fragmentos de dúas cartas de Epicuro de Samos

Carta a Meneceo (Fragmento)

Parte dos nosos desexos son naturais, e outra parte son vans desexos; entre os naturais, uns son necesarios e outros non; e entre os necesarios, uns sono para a felicidade, outros para o benestar do corpo e outros para a vida mesma. Coñecendo ben estas clases de desexos é posíbel referir toda elección á saúde do corpo e á serenidade da alma, porque naquilo consiste a vida feliz. Pois actuamos sempre para non sufrir dor nin pesar, e unha vez que o conseguimos xa non precisamos de nada máis.

Por iso dicimos que o pracer é o principio e fin do vivir feliz. Pois recoñecémolo como ben primeiro e connatural, e a partir del facemos calquera elección ou rexeitamento, e nel concluímos cando xulgamos acerca do ben, tendo a sensación como norma ou criterio. E xa que o pracer é o ben primeiro e connatural, non eliximos calquera pracer, senón que ás veces evitamos moitos praceres cando deles se segue unha molestia maior. Consideramos que moitas dores son preferíbeis aos praceres, se, á longa, séguense deles maiores praceres. Todo pracer é por natureza un ben, pero non todo pracer ha de ser aceptado. E toda dor é un mal, pero non toda dor ha de ser rexeitada sempre. Hai que obrar con bo cálculo nestas cuestións, atendendo ás consecuencias da acción, xa que ás veces podemos servirnos de algo bo como dun mal, ou de algo malo como dun ben.

A autosuficiencia considerámola como un gran ben, non para que sempre nos sirvamos de pouco, senón para que cando non temos moito nos contentemos con ese pouco; xa que máis gozosamente gozan da abundancia quen menos necesidade teñen dela, e porque todo o natural é fácil de conseguir e o superfluo difícil de obter. Os alimentos sinxelos procuran igual pracer que un xantar custoso e refinado, unha vez que se elimina a dor da necesidade.

Xa que logo, cando dicimos que o pracer é o obxectivo final, non nos referimos aos praceres dos viciosos -como creen algúns que ignoran, non están de acordo ou interpretan mal a nosa doutrina-, senón ao non sufrir dores no corpo nin estar perturbado na alma. Porque nin banquetes nin festas constantes dan a felicidade, senón o sobrio cálculo que investiga as causas de toda elección ou rexeitamento e extirpa as falsas opinións das que procede a gran perturbación que se apodera da alma.

O máis grande ben é a prudencia, incluso maior cá filosofía. Dela nacen as demais virtudes, xa que ensina que non é posíbel vivir pracenteiramente sen vivir sensata, honesta e xustamente, nin vivir sensata, honesta e xustamente sen vivir con pracer. As virtudes están unidas naturalmente ao vivir pracenteiro, e a vida pracenteira é inseparábel delas.

Homes indo a un festival en Atenas

Exhortacións

"A necesidade é un mal, pero non hai necesidade algunha de vivir con necesidade".

"Ninguén, ao ver o mal, o elixe, senón que se deixa enganar por el, coma se fora un ben respecto a un mal peor".

"Nada é suficiente para quen o suficiente é pouco".

"O insaciábel non é a barriga, como afirma o vulgo, senón a falsa crenza de que a barriga precisa fartura infinita".

"Todo o mundo se vai da vida coma se acabase de nacer".

"Quen un día se esquece do ben que o pasou fíxose vello ese mesmo día"

"O que menos precisa do futuro é quen avanza con máis gusto cara él".

"Tamén na moderación hai un termo medio, e quen non dá con el é vítima dun erro semellante ao de quen se excede por desenfreo".

Carta a Herodoto (Fragmento)

Para aqueles, oh Herodoto, que non poden ter un coñecemento perfectamente exacto de cada un dos meus escritos sobre a Natureza, e estudar a fondo os principais libros, máis longos, que escribín, fixen un resumo de toda a miña obra que permite reter máis facilmente as principais teorías. Poderán, así, evitarse o ter que facelo eles mesmos coas miñas ideas principais na medida que se interesen pola natureza.

Por outra parte, quen coñecen xa a fondo as miñas obras completas, precisan ter presentes na memoria as liñas xerais da miña doutrina, pois a miúdo temos máis necesidade dun resumo que do coñecemento particular dos detalles. Hai que avanzar paso a paso retendo constantemente o conxunto da doutrina para comprender ben os seus detalles. Este dobre efecto será posíbel se se comprenden ben e se reteñen na súa verdadeira formulación as ideas esenciais, e se se as aplica a seguir aos elementos, ás ideas particulares e ás palabras. Coñece a fondo a doutrina quen pode sacar partido rapidamente das ideas xerais. Pois é imposíbel posuír no seu completo desenvolvemento a totalidade da miña obra se se é incapaz de resumir para un mesmo e en poucas palabras o conxunto daquilo no que se quere profundar particularmente, detalle a detalle.
Xa que este método resulta útil para todos os que estudan seriamente a física, aconséllolle a todos os homes decididos que se entreguen asiduamente a tal estudo, e que busquen nel o medio de obter tranquilidade de vida, que fagan un resumo similar do conxunto das miñas teorías.

Hai que comezar, Herodoto, por coñecer o que se oculta nas palabras esenciais, a fin de poder, relacionándoas coas cousas mesmas, formular xuízos sobre as nosas opinións, as nosas ideas e as nosas dúbidas. Deste xeito non corremos o risco de discutir ata o infinito sen resultados e de pronunciar palabras baleiras. En efecto, é necesario estudar primeiramente o sentido de cada palabra, para non ter necesidade dun exceso de demostracións, cando discutamos as nosas preguntas, as nosas ideas e as nosas dúbidas. Despois hai que observar todas as cousas confrontándoas coas sensacións e, de modo xeral, coas intuicións do espírito ou calquera outro criterio. Igualmente polo que respecta ás nosas afeccións presentes, para poder xulgar segundo os signos os obxectos da nosa atención e os obxectos ocultos.

Cando se acabe de ver todo iso estarase preparado para estudar as cousas invisíbeis e, en primeiro lugar, podemos dicirnos que nada nace de nada, xa que se as cousas non tivesen necesidade de semente todo podería nacer de todo. Por outra parte, se o que desaparece volvese á nada, todas as cousas perecerían, xa que non poderían converterse máis que en nada. Do que resulta que o universo foi sempre e será sempre o que é actualmente, xa que non hai ningunha outra cousa no que se poida converter, e tampouco hai, fóra do universo, nada que poida actuar sobre el para provocar un cambio.

O universo está formado por corpos. A súa existencia queda máis que suficientemente probada pola sensación, pois é ela, repítoo, a que serve de base ao razoamento sobre as cousas invisíbeis. Se o que chamamos o baleiro, a extensión, a esencia intanxíbel, non existise, non habería lugar no que os corpos puidese moverse, como de feito vemos que se moven.

Á marxe destas dúas cousas non se pode comprender nada, - nin por intuición, nin por analoxía cos datos da intuición-, do que existe en tanto que natureza completa, xa que non estou falando de acontecementos fortuítos ou de accidentes.

Entre os corpos, uns son compostos, e outros son os elementos que serven para facer os compostos. Estes últimos son os átomos indivisíbeis e inmutábeis, xa que nada pode converterse en nada, e é necesario que subsistan realidades cando os compostos se desagregan. Estes corpos están cheos por natureza e non teñen neles lugar nin medio polo que puidesen destruírse. Do que resulta que tales elementos deben ser, necesariamente, as partes indivisíbeis dos corpos. Polo demais, o universo é infinito. En efecto, o que é finito ten un extremo, e o extremo descóbrese por comparación respecto a outro. Así que, carecendo de extremo, non ten, en absoluto, fin; e, non tendo fin, é necesariamente infinito e non finito.

O universo é infinito desde dous puntos de vista: polo número de corpos que contén e pola inmensidade do baleiro que encerra. Se o baleiro fose infinito e o número de corpos limitado, estes dispersaríanse en desorde polo baleiro infinito, xa que non habería nada para sostelos e nada para unilos ás cousas. E se o baleiro fose limitado e o número de corpos infinitos non habería lugar onde se puideran instalar.

Por outra parte, os corpos cheos e indivisíbeis, dos que están formados e nos que se resolven os compostos, presentan formas tan diversas que non podemos coñecer o seu número, xa que non é posíbel que tantas formas diferentes proveñan dun número limitado e comprensíbel de figuras semellantes. Ademais, cada figura presenta un número infinito de exemplares, pero, polo que respecta á súa diferenza, tales figuras non acadan un número absolutamente ilimitado. O seu número é, simplemente, incalculábel.
Ademais, os átomos están animados de movemento perpetuo. Uns están separados por grandes intervalos; outros, polo contrario, conservan o seu impulso todas as veces que son desviados, uníndose a outros e converténdose nas partes dun composto. É a consecuencia da natureza do baleiro, incapaz por si mesmo de inmobilizalos. Por outra parte, a súa inherente solidez failles rebotar, logo de cada choque, polo menos na medida que a súa integración nun composto lles permita rebotar logo dun choque.

O movemento dos átomos non tivo comezo, xa que os átomos son tan eternos como o baleiro.

Por outra parte, hai unha infinidade de mundos, sexan parecidos ao noso, sexan diferentes. En efecto, sendo os átomos infinitos, como se acaba de demostrar, o seu movemento lévaos ata os lugares máis afastados. E tales átomos, que pola súa natureza serven, xa por si mesmos, xa pola súa acción, para crear un mundo, non poden ser utilizados todos para formar un único mundo, ou un número limitado de mundos, nin para os semellantes a este, nin para os diferentes, de xeito que nada impide que haxa unha infinidade de mundos.