Por José Sánchez-Cerezo de la Fuente
Epicuro de Samos (- 341 a - 271)
Epicuro naceu na illa de Samos, pero era cidadán ateniense, xa que seu pai, Neocles, fora un dos colonos atenienses que se marcharon a Samos dotados cun lote de terras. O pai de Epicuro foi mestre, polo que é probábel que Epicuro comezase a interesarse pronto polas cuestións intelectuais. Disque aos 14 anos xa comezara a estudar filosofía e fixérase discípulo do filósofo platónico Pánfilo. É probábel que a partir de este encontro Epicuro adoptara a súa postura antiidealista contra a concepción platónica e os seus postulados básicos (a existencia de dous mundos, sensíbel e intelixíbel, a existencia dunha alma inmortal, etc.). Catro anos máis tarde atopámolo en Atenas facendo o servizo militar. Podemos supoñer que durante esa primeira visita á capital da filosofía Epicuro impregnouse do ambiente cultural, pero non temos máis información ao respecto da súa primeira viaxe a Atenas.
Cando quixo volver ao seu fogar en Samos a súa familia tivera que trasladarse desde Samos a Colofón, pois os propietarios orixinais das terras que foran cedidas aos colonos, coma Neocles, volveran, grazas a unha amnistía política. En Colofón tivo Epicuro como mestre a Nausífanes, un filósofo atomista que probabelmente exerceu unha grande influenza en Epicuro, malia a criticar este duramente ao seu mestre, ata o punto de que nunca quixo recoñecerse como o seu discípulo, chegando a afirmar que fora un "autodidacta". Tralos dez anos de estadía en Colofón, Epicuro instalouse en Mitilene, e posteriormente en Lampsaco, onde abriría a súa primeira escola filosófica.
Sen embargo, será no ano 306 cando Epicuro volverá a Atenas, onde se instalará definitivamente. Alí comprará unha casa e un pequeno terreo para a súa escola, que foi tradicionalmente coñecida coma "O xardín", aínda que probabelmente se tratase dun simple horto, retirado do barullo da cidade, onde tanto Epicuro como os seus máis achegados discípulos e amigos podían adicarse á reflexión e á conversa sen ser molestados. Esta escola ofrecía un modelo alternativo á Academia que fundara Platón e ao Liceo de Aristóteles, nas cales o tipo de educación era dun alto nivel científico pero non supoñía necesariamente unha actitude moral diante da vida, trazo predominante da filosofía epicúrea, así como de practicamente todas as escolas helenísticas (estoicos, cínicos, etc.). O xardín apartábase tamén doutras escolas ao admitir mulleres e escravos entre os alumnos, algo pouco corrente na época, que deu lugar a críticas e comentarios despectivos que daban por suposto que a escola de Epicuro, mal interpretando ademais as súas ideas sobre o pracer e o seu hedonismo, era un lugar para o desenfreo en banquetes e luxos cando o certo é que a vida de Epicuro foi sinxela, humilde e tranquila, sendo o seu exemplo para os seus discípulos a súa maior creación.