Epicuro de Samos


Busto de Epicuro de Samos

Filosofía

Por José Sánchez-Cerezo de la Fuente

Características xerais

A filosofía de Epicuro pódese dividir claramente en tres partes: a Canónica, que se ocupa dos criterios polos cales chegamos a distinguir o verdadeiro do falso, a Física, que ten por obxecto o estudo da natureza, e a Ética, que estuda a conduta humana e supón a culminación do sistema, subordinándose a ela as dúas primeiras partes.

Antes de examinar cada unha destas partes podemos afirmar que a filosofía de Epicuro, en liñas xerais, caracterízase por situarse no lado oposto á filosofía platónica: afirma que non hai máis que unha realidade, o mundo sensíbel, nega a inmortalidade da alma e afirma que esta, á igual que todo o demais, está formada por átomos, afirma o hedonismo na teoría ética e como modo de vida e rexeita o interese pola política e, fronte á reestruturación da sociedade que, afirmaba Platón, era o obxectivo do filósofo, prefire un estilo de vida sinxelo e autosuficiente encamiñado á felicidade no que a amizade xoga un papel fundamental.

Vexamos agora con máis detalle cada unha das partes da filosofía de Epicuro:

A) A canónica.

A canónica é a parte da filosofía que examina a forma na que coñecemos e a maneira de distinguir o verdadeiro do falso.

Segundo Epicuro a sensación é a base de todo o coñecemento e prodúcese cando as imaxes que desprenden os corpos chegan ata os nosos sentidos. Ante cada sensación o ser humano reacciona con pracer ou con dor, dando lugar aos sentimentos, que son a base da moral. Cando as sensacións se repiten numerosas veces grávanse na memoria e forman así o que Epicuro chama as "ideas xerais" (diferentes ás ideas platónicas).

Para que as sensacións constitúan unha base axeitada, sen embargo, deben posuír claridade suficiente, á igual que as ideas, ou doutro xeito conducirannos ao erro.

Dióxenes Laercio, ademais das sensacións, os sentimentos e as ideas xerais, menciona un cuarto proceso de coñecemento: as proxeccións imaxinativas, polas cales podemos concibir ou inferir a existencia de elementos como os átomos, aínda que estes non sexan captados polos sentidos.

Todos eses aspectos, sen embargo, son só os principios que rexen o noso modo de coñecer a realidade. O resultado da súa aplicación lévanos a concluír a concepción da natureza que se detalla na física, segunda parte da filosofía epicúrea.


B) A física.

Segundo a física de Epicuro toda a realidade está formada por dous elementos fundamentais. Dun lado os átomos, que teñen forma, extensión e peso, e doutro o baleiro, que non é senón o espazo no cal se moveneses átomos.

As distintas cousas que hai no mundo son froito das distintas combinacións de átomos. O ser humano, da mesma forma, non é senón un composto de átomos. Incluso a alma está formada por un tipo especial de átomos, máis sutís cós que forman o corpo, pero non por iso deixa a alma de ser material. Debido a iso, cando o corpo morre, o alma morre con el.

Polo que fai á totalidade da realidade Epicuro afirma que esta, como os átomos que a constitúen, é eterna. Non hai unha orixe a partir do caos ou un momento inicial. Tal e como lemos na Carta a Herodoto: "Desde logo o todo foi sempre tal como agora é, e sempre será igual."

Toda esta concepción atomista procede claramente de Demócrito, pero Epicuro non dúbida en modificar a filosofía daquel cando lle convén, pois non quere aceptar o determinismo que o atomismo supoñía na súa forma orixinal. Por iso introduce un elemento de azar no movemento dos átomos, unha desviación da cadea das causas e efectos, o “clinamen”, co que a liberdade queda asegurada.

Este interese por parte de Epicuro en salvagarda-la liberdade é froito da consideración da ética como a culminación de todo o sistema filosófico, á que se teñen que subordinar as restantes partes. Estas son importantes tan só na medida que son necesarias para a ética, terceira e última división da filosofía.

C) A ética.

A ética, como xa dixemos, é a culminación do sistema filosófico de Epicuro: a filosofía como o modo de lograr a felicidade, baseada na autonomía ou autarkeia e na tranquilidade do ánimo ou ataraxia. Na medida na que a felicidade é o obxectivo de todo ser humano, a filosofía é unha actividade que calquera persoa, independentemente das súas características (idade, condición social, etc.) pode e debe realizar.

C1) O que se debe evitar

Para expoñer a ética de Epicuro podemos fixarnos en dúas grandes consideracións. Por un lado todo aquilo que a súa filosofía pretende evitar, que é, en definitiva, o medo nos seus diversos modos e xeitos, e doutra banda, aquilo que se persegue por considerarse bo e valioso.

A loita contra as diversos medos que atenazan e paralizan ao ser humano é parte fundamental da filosofía de Epicuro; non en van, esta designouse como o "tetrafármaco" ou medicina contra os catro medos máis xerais e significativos: o medo aos deuses, o medo á morte, o medo á dor e o medo ao fracaso na busca do ben:

1a. - O medo aos deuses

é absurdo, dinos Epicuro, pois estes en nada interveñen nos asuntos humanos e non se moven pola ira nin a cólera nin tantos outros sentimentos que comunmente se lles atribúen. Pola contra, os deuses terían que ser un modelo de virtude e de excelencia a imitar, pois viven en harmonía mutua mantendo entre eles relacións de amizade.

1b. - O medo á morte

é igualmente absurdo e irracional. É un temor que se produce por dous motivos: ou ben a imaxinación lévanos a pensar que existen cousas terríbeis trala morte ou ben é froito da consideración de que eu, como individuo, vou deixar de existir para sempre. Ambos pensamentos, sen embargo, son infundados. Por unha beira Epicuro é un materialista, e o único ao que lle concede unha vida eterna é aos mesmos átomos, pero non ao produto formado polas combinacións entre eles.

Por outra banda a morte non é un mal.

Sendo como é a perda da capacidade de sentir, Epicuro afirma: "A morte non é nada para nós. Cando se presenta nós xa non somos". Non sendo un mal no momento no que se presenta, menos dano nos pode facer mentres estamos vivos e só a presentimos. Nese caso é o temor e a angustia quen produce a fonte do sufrimento, e non a morte. Deberá ser o razoamento o que nos mostre o infundado de tal temor. A actitude do sabio é a de vivir razoabelmente en lugar de desperdiciar o tempo que temos degoxando un tempo de vida infinito que nunca lograremos acadar:

"O recto coñecemento de que a morte nada é para nós fai ditosa a mortalidade da vida, non porque engada un tempo infinito, senón porque elimina a ansia de inmortalidade. Nada temíbel, en efecto, hai no vivir para quen comprendeu que nada temíbel hai no non vivir."

1c. - O medo á dor

é outro dos obxectos de ataque de Epicuro. Trátase dun medo infundado xa que toda dor é en realidade facilmente soportábel. Se se trata dunha dor intensa a súa duración será breve sen dúbida, mentres que se a dor é prolongado, a súa intensidade será leve e poderá ser facilmente soportada.

1d. - Finalmente o medo ao fracaso

na procura do ben e da felicidade na vida está relacionado co ideal de autonomía do sabio epicúreo. Quen considera que a felicidade depende de factores externos erra o seu xuízo e sométese a cousas que están fóra do seu control, como a opinión dos demais, as recompensas externas, etc. Pola contra, gozando da autonomía propia do sabio, é posíbel para cada un lograr un estado de ánimo equilibrado e gozoso con moi poucos medios (non debe esquecerse que a maioría das filosofías helenísticas xorden como resposta a un mundo en continuo cambio e conflito e pretenden proporcionar ao individuo a coherencia e independencia que a polis clásica perdera).

 Debuxo de uns vasos gregos

C1) O que se debe perseguir

Con respecto a aquilo que a filosofía de Epicuro considera bo e valioso non pode enxalzarse o suficiente o pracer e a amizade.

Na busca do pracer é preciso distinguir aqueles desexos que son naturais e necesarios (como o pracer de calmar a fame ou a sede), daqueles que son naturais e non necesarios (como o pracer de seguir xantando e bebendo aínda que a fame e a sede sexan satisfeitas), e tamén daqueles que non son nin naturais nin necesarios (como o pracer de obter glorias, honor, etc.). Epicuro sempre sostivo a importancia de distinguir entre os praceres que eran verdadeiramente beneficiosos daqueles que podían xerar unha dependencia e que terminaban por causar insatisfacción, xa porque fosen irrealizábeis ou xa porque eliminaban a autonomía do individuo. "Rebordo de pracer no corpo cando dispoño de pan e auga, e cuspo sobre os praceres da abundancia, non por si mesmos, senón polas molestias que os acompañan."

Finalmente Epicuro exalta a amizade entre os seres humanos como unha das maiores virtudes e un dos mellores praceres dos que se pode gozar. A amizade proporciona un apoio nun mundo hostil e estraño. É unha axuda non tanto polo que os amigos fagan efectivamente por un, como polo feito de saber que poidamos contar con eles, en caso de cumprir. A amizade levou a Epicuro a fundar a súa propia escola entendida como un lugar de encontro, de gozo, de diálogo e de estudo así como de lembranza gozosa dos amigos que xa desapareceron.

A clave do modo de vida epicúreo, de ter que ser resumida en tres palabras, viría a ser: gozar, saber e compartir. Esos tres factores, como nos mostran as palabras de Epicuro, están intimamente relacionados: Gozar o pracer de estar vivo, saber discernir o que é verdadeiramente valioso, e compartir na amizade tanto a vida como o coñecemento.

"De tódolos bens que a sabedoría procura para a felicidade dunha vida enteira, o maior con moito é a adquisición da amizade."