Epicuro de Samos
Análises, comentarios e xuízos críticos
Exercicio 2
Elabora un xuízo crítico sobre a teoría ética de Epicuro, tal como se expón na Carta a Meneceo.
Carta a Meneceo (Fragmento)
Parte dos nosos desexos son naturais, e outra parte son vans desexos; entre os naturais, uns son necesarios e outros non; e entre os necesarios, uns sono para a felicidade, outros para o benestar do corpo e outros para a vida mesma. Coñecendo ben estas clases de desexos é posíbel referir toda elección á saúde do corpo e á serenidade da alma, porque naquilo consiste a vida feliz. Pois actuamos sempre para non sufrir dor nin pesar, e unha vez que o conseguimos xa non precisamos de nada máis.
Por iso dicimos que o pracer é o principio e fin do vivir feliz. Pois recoñecémolo como ben primeiro e connatural, e a partir del facemos calquera elección ou rexeitamento, e nel concluímos cando xulgamos acerca do ben, tendo a sensación como norma ou criterio. E xa que o pracer é o ben primeiro e connatural, non eliximos calquera pracer, senón que ás veces evitamos moitos praceres cando deles se segue unha molestia maior. Consideramos que moitas dores son preferíbeis aos praceres, se, á longa, séguense deles maiores praceres. Todo pracer é por natureza un ben, pero non todo pracer ha de ser aceptado. E toda dor é un mal, pero non toda dor ha de ser rexeitada sempre. Hai que obrar con bo cálculo nestas cuestións, atendendo ás consecuencias da acción, xa que ás veces podemos servirnos de algo bo como dun mal, ou de algo malo como dun ben.
A autosuficiencia considerámola como un gran ben, non para que sempre nos sirvamos de pouco, senón para que cando non temos moito nos contentemos con ese pouco; xa que máis gozosamente gozan da abundancia quen menos necesidade teñen dela, e porque todo o natural é fácil de conseguir e o superfluo difícil de obter. Os alimentos sinxelos procuran igual pracer que un xantar custoso e refinado, unha vez que se elimina a dor da necesidade.
Xa que logo, cando dicimos que o pracer é o obxectivo final, non nos referimos aos praceres dos viciosos -como creen algúns que ignoran, non están de acordo ou interpretan mal a nosa doutrina-, senón ao non sufrir dores no corpo nin estar perturbado na alma. Porque nin banquetes nin festas constantes dan a felicidade, senón o sobrio cálculo que investiga as causas de toda elección ou rexeitamento e extirpa as falsas opinións das que procede a gran perturbación que se apodera da alma.
O máis grande ben é a prudencia, incluso maior cá filosofía. Dela nacen as demais virtudes, xa que ensina que non é posíbel vivir pracenteiramente sen vivir sensata, honesta e xustamente, nin vivir sensata, honesta e xustamente sen vivir con pracer. As virtudes están unidas naturalmente ao vivir pracenteiro, e a vida pracenteira é inseparábel delas.