Textos de Platón


Busto de Platón

Teoría da reminiscencia (Fragmento do "Menón")

Neste coñecido fragmento do "Menón" expón Sócrates a teoría da reminiscencia, (apoiándose para a demostración da súa validez na inmortalidade da alma), como o único modo de superar o chamado "argumento polémico" que lle presenta Menón no decurso do dialogo, e que expón serias dúbidas sobre a posibilidade de seguir avanzando na investigación emprendida sobre a natureza da virtude.

"Menón", (79 a 7 - 82 b 2)

MEN.- E de que maneira vas investigar, Sócrates, o que non sabes en absoluto que é? Porque que é o que, de entre as cousas que non sabes, vas a propoñerte como tema de investigación? Ou, aínda no caso favorábel de que o descubras, como vas saber que é precisamente o que ti non sabías?

Sóc.- Xa entendo o que queres dicir, Menón. Dáste conta do argumento polémico que nos traes, a saber, que non é posíbel para o home investigar nin o que sabe nin o que non sabe? Pois nin sería capaz de investigar o que sabe, posto que xa o sabe, e ningunha necesidade ten un home así de investigación, nin o que non sabe, posto que nin sequera sabe que é o que vai investigar.

MEN.- Non che parece que é un espléndido argumento, Sócrates?

Sóc.- Non.

MEN. - Poderías dicir por que?

Sóc.- Si; porque llo oín a homes e mulleres sabias nas cousas divinas.

MEN.- E que é o que din?

Sóc.- A verdade, ao meu parecer, e ben dita.

MEN.- Que é, e quen a din?

Sóc.- Os que a din son cantos sacerdotes e sacerdotisas se preocupan de ser capaces de dar explicación do obxecto do seu ministerio. Pero tamén o dixo Píndaro e outros moitos de entre os poetas, cantos son divinos. No que fai ao que din, é o seguinte: e fíxate en se che parece que din a verdade. Pois afirman que a alma do home é inmortal, e que unhas veces termina de vivir (ao que chaman morrer), e outras volve a existir, pero que xamais perece; e que por iso é necesario vivir coa máxima santidade toda a vida;

"porque aqueles que a Prosérpina paguen o prezo
do seu antigo pecado, ao sol de arriba aos nove anos
devolve de nova as almas deles, das que reis ilustres
e desbordantes de forza e en sabedoría os máis grandes
homes sairán; e para o tempo restante heroes santos
chámanos os homes".

E ocorre así que, como a alma é inmortal, e coma naceu moitas veces e viu tanto o de aquí como o do Hades e todas as cousas, non hai nada que non aprendera; polo que non é de estrañar que tamén sobre a virtude e sobre as demais cousas sexa capaz ela de lembrar o que desde logo xa antes sabía. Pois sendo, en efecto, a natureza enteira homoxénea, e aprendendo todo a alma, nada impide que quen lembra unha soa cousa (e a isto chaman aprendizaxe os homes), descubra el mesmo todas as demais, se é home valoroso e non se cansa de investigar. Porque o investigar e o aprender, polo tanto, non son en absoluto outra cousa que reminiscencia. De ningún modo, polo tanto, hai que aceptar o argumento polémico ese; porque mentres ese faríanos pasivos e é para os homes brandos para quen é agradábel de escoitar, estoutro en cambio fainos activos e amantes da investigación; e é porque confío en que é verdadeiro polo que desexo investigar contigo que é a virtude.

MEN.- Si, Sócrates; pero que queres dicir con iso de que non aprendemos senón que o que chamamos aprendizaxe é reminiscencia? Poderías ensinarme que iso é así?

Sóc.- Xa che dixen antes, Menón, que es astuto, e agora pregúntasme se podo enseñarche eu, que afirmo que non hai ensino, senón lembranza, para que inmediatamente me poña eu en manifesta contradición comigo mesmo.

MEN.- Non, por Zeus, Sócrates, non o dixen con esa intención, senón por hábito; agora ben, se dalgún modo podes mostrarme que é como dis, móstramo.

Sóc.- Pois non é fácil, e, sen embargo, estou disposto a esforzarme por ti. Pero chámame de entre eses moitos escravos teus a un, ao que queiras, para facercho comprender nel.

(A seguir ten lugar o tamén coñecido exemplo do escravo, co que Sócrates trata de demostrar a teoría da reminiscencia)

Segundo a versión de Xosé Abuín para webdianoia (©2006 webdianoia.com)