Platón


Busto de Platón

Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un xuízo crítico sobre o mito da caverna

O mito da caverna

I - E a seguir -dixen-, compara coa seguinte escena o estado no que, con respecto á educación ou á falta dela, áchase a nosa natureza.

Imaxina unha especie de cavernosa vivenda subterránea provista dunha longa entrada, aberta á luz, que se estende ao largo de toda a caverna, e uns homes que están nela desde nenos, atados polas pernas e polo pescozo, de xeito que teñan que estarse quedos e mirar unicamente para adiante, pois as ligaduras impídenlles volver a cabeza; detrás deles, a luz dun lume que arde algo lonxe e nun plano superior, e entre o lume e os encadeados, un camiño situado en alto, ao longo do cal suponte que se construíu un tabique semellante aos que hai entre os monicrequeiros e o público, por riba dos cales exhiben estes as súas marabillas.

- Xa o vexo-dixo.

- Pois ben, ve agora, ao longo desa parediña, uns homes que transportan toda clase de obxectos, cuxa altura sobresaia a da parede, e estatuas de homes ou animais feitas de pedra e de madeira e de toda clase de materias; entre estes portadores haberá, como é natural, uns que vaian falando e outros que estean calados.

- Que estraña escena describes -dixo- e que estraños prisioneiros!

- Iguais que nós-dixen-, porque en primeiro lugar, crees que os que están así viron outra cousa de si mesmos ou dos seus compañeiros senón as sombras proxectadas polo lume sobre a parte da caverna que está fronte a eles?

- Como--dixo-, se durante toda a súa vida foron obrigados a manter inmóbiles as cabezas?

- E dos obxectos transportados? Non Terán visto o mesmo?

- Que outra cousa van ver?

- E se puidesen falar os uns cos outros, non pensas que crerían estar referíndose a aquelas sombras que vían pasar diante deles?

- Forzosamente.

- E se o cárcere tivese un eco que viñese da parte de enfronte? Pensas que, cada vez que falase algún dos que pasaban, crerían eles que o que falaba era outra cousa senón a sombra que vían pasar?

- Non, por Zeus!- dixo.

- Entón non hai dúbida -dixen eu- de que os tales non terán por real ningunha outra cousa máis que as sombras dos obxectos fabricados.

- É enteiramente forzoso-dixo.

- Examina, pois -dixen-, que pasaría se fosen liberados das súas cadeas e curados da súa ignorancia, e se, consonte natureza, ocorréselles o seguinte. Cando un deles fose desatado e obrigado a erguerse subitamente e a volver o pescozo e a andar e a mirar á luz, e cando, ao facer todo isto, sentise dor e, por causa das chispas, non fose capaz de ver aqueles obxectos cuxas sombras vía antes, que crees que contestaría se lle dixese alguén que antes non vía máis que sombras inanes e que é agora cando, achándose máis preto da realidade e volto de cara a obxectos máis reais, goza dunha visión máis verdadeira, e fórase mostrándolle os obxectos que pasan e obrigándolle a contestar ás súas preguntas acerca de que é cada un deles? Non crees que estaría perplexo e que o que antes contemplara pareceríalle máis verdadeiro que o que entón se lle mostraba?

- Moito máis-dixo.

II. - E se se lle obrigase a fixar a súa vista na luz mesma, non crees que lle doerían os ollos e que se escaparía, volvéndose para aqueles obxectos que pode contemplar, e que consideraría que estes son realmente máis claros cós que se lle mostra?

- Así é -dixo.

- E se se o levasen de alí á forza -dixen-, obrigándolle a percorrer a áspera e escarpada costa, e non o deixaran antes de arrastralo ata a luz do sol, non crees que sufriría e levaría a mal o ser arrastrado, e que, unha vez chegado á luz, tería os ollos tan cheos dela que non sería capaz de ver nin unha soa das cousas ás que agora chamamos verdadeiras?

- Non, non sería capaz -dixo-, polo momento.

- Necesitaría afacerse, creo eu, para poder chegar a ver as cousas de arriba. O que vería máis facilmente serían, ante todo, as sombras; logo, as imaxes de homes e doutros obxectos reflectidos nas augas, e máis tarde, os obxectos mesmos. E despois disto seríalle máis fácil contemplar de noite as cousas do ceo e o ceo mesmo, fixando a súa vista na luz das estrelas e a lúa, que o ver de día o sol e o que lle é propio.

- Como non?

- E por último, creo eu, sería o sol, pero non as súas imaxes reflectidas nas augas nin noutro lugar alleo a el, senón o propio sol no seu propio dominio e tal cal é en si mesmo, o que. el estaría en condicións de mirar e contemplar.

- Necesariamente -dixo.

- E despois disto, colexiría xa con respecto ao sol que é el quen produce as estacións e os anos e goberna todo o da rexión visíbel, e que é, en certo modo, o autor de todas aquelas cousas que eles vían.

- É evidente -dixo- que despois daquilo viría a pensar niso outro.

- E que? Cando se lembrase da súa anterior estancia, e da ciencia de alí e dos seus antigos compañeiros de cárcere, non crees que se consideraría feliz por escapar e que os compadecería a eles?

- Efectivamente.

- E se houbese entre eles algúns honores ou gabanzas ou recompensas que concedesen os uns a aqueloutros que, por discernir con maior penetración as sombras que pasaban e lembrar mellor de cales de entre elas eran as que adoitaban pasar diante ou detrás ou xunto con outras, fosen máis capaces que ninguén de profetizar, baseados naquilo, o que ía acontecer, crees que sentiría aquela nostalxia destas cousas ou que envexaría a quen gozasen de honores e poderes entre aqueles, ou ben que lle ocorrería o de Homero, é dicir, que preferiría decididamente "traballar a terra ao servizo doutro home sen patrimonio" ou sufrir calquera outro destino antes que vivir naquel mundo do opinábel?

- Iso é o que creo eu -dixo: que preferiría calquera outro destino antes que aquela vida.

- Agora fíxate nisto -dixen: se, volto alá embaixo, ocupase de novo o mesmo asento, non crees que se lle encherían os ollos de tebras, como a quen deixa subitamente a luz do sol?

- Certamente -dixo.

- E se tivese que competir de novo cos que permaneceran constantemente encadeados, opinando acerca das sombras aquelas que, por non habérselle asentado aínda os ollos, vería con dificultade -e non sería moi curto o tempo que necesitase para afacerse-, non daría que rir e non se diría del que, por ir arriba, volveu cos ollos estragados, e que non vale a pena intentar unha ascensión semellante? E non matarían, se atoparan maneira de botarlle man e matalo, a quen tentase desatalos e facelos subir?

- Claro que si -dixo.

III. - Pois ben -dixen-, esta imaxe hai que aplicala toda ela, oh amigo Glaucón!, ao que se dixo antes; hai que comparar a rexión revelada por medio da vista coa vivenda-cárcere, e a luz do lume que hai nela, co poder do sol. No que fai á suba ao mundo de arriba e á contemplación das cousas deste, se a comparas coa ascensión da alma ata a rexión intelixíbel non errarás con respecto a miña visión, que é o que ti desexas coñecer, e que só a divindade sabe se por acaso está no certo. En fin, velaquí o que a min me parece: no mundo intelixíbel o último que se percibe, e con traballo, é a idea do ben, pero, unha vez percibida, hai que colixir que ela é a causa de todo o recto e o belo que hai en todas as cousas; que, mentres no mundo visíbel xerou a luz e ao soberano desta, no intelixíbel é ela a soberana e produtora de verdade e coñecemento, e que ten por forza que vela quen queira proceder sabiamente na súa vida privada ou pública.

- Tamén eu estou de acordo -dixo-, no grao no que podo estalo.

Platón, República, VII (Segundo a versión de Xosé Abuín para webdianoia)