A idea de substancia
O termo substancia procede do latino "substantia" que é, pola súa vez, a tradución do grego "ousía". O seu significado máis xeral é o de "fundamento" da realidade, (significado que adquire xa de forma clara con Aristóteles), "o que está debaixo", o que "permanece" baixo os fenómenos, o subsistente. En canto tal, a substancia é ante todo suxeito, aquilo que ten o seu ser en si, e non noutro.
Para Aristóteles, na Metafísica, a pregunta sobre o ser resólvese na pregunta pola substancia: "Que é o ser?" equivale a preguntarse "Que é a substancia?", xa que o que é, é en primeiro lugar substancia. Aristóteles distingue, simplificando a cuestión, dous tipos de substancia: a substancia primeira, que é o individuo, o ser particular e concreto; e a substancias segunda, aquilo polo que se é ese ser particular e concreto, ou sexa, a esencia, a “especie formal”, que é inmanente a cada individuo. E é sobre esta segunda forma de concibir a substancia, en canto esencia, como “especie formal”, sobre a que se constrúen a metafísica e a gnoseoloxía aristotélica. Sendo a esencia unha "forma" non contén nada material, polo que o fundamento último da realidade, aquilo que a determina a ser o que é, a substancia (segunda), resulta ser algo inmaterial, sendo, ademais, o único polo que podemos coñecer a realidade, dando continuidade, así, á ontoloxía platónica, pese ao seu rexeitamento da subsistencia das Ideas. As demais formas de ser dánse na substancia, pero non son substancia, senón accidente: aspecto, cor, tamaño, posición... e todo canto aprehendemos polos sentidos, non teñen entidade propia, non son suxeito, senón que se dan nun suxeito, "inxiren na substancia", segundo a expresión tradicional.
Hume preguntarase pola validez da idea de substancia, e farao recorrendo ao criterio de verdade que fixara anteriormente na análise do coñecemento para determinar a validez dunha idea. Segundo tal criterio, unha idea é verdadeira se lle corresponde unha impresión; en caso contrario temos que considerala falsa. Agora ben, só hai dous tipos de impresións: as impresións de sensación e as impresións de reflexión. É a idea de substancia a "copia" de algún deses tipos de impresión? Ou dito doutra maneira Hai algunha impresión -de sensación ou de reflexión- que lle corresponda á idea de substancia? Non, diranos Hume. Non hai ningunha impresión de sensación que lle corresponda á idea de substancia, xa que esta idea non contén nada sensíbel. Todos os teóricos e defensores da idea de substancia insiste en que a substancia non é un olor, unha cor, un sabor, etc, non é algo que vemos, oímos ou tocamos... O que vemos, oímos, tocamos, son os accidentes da substancia, pero non a substancia. Pero tampouco hai ningunha impresión de reflexión que corresponda á idea de substancia; as impresións de reflexión están constituídas por paixóns e por emocións. Pero ninguén falou nunca da substancia coma se fora unha paixón ou unha emoción. Se á idea de substancia non lle corresponde, pois, ningunha impresión de sensación, nin tampouco ningunha impresión de reflexión, entón non lle corresponde en absoluto ningunha impresión; e unha idea á que non lle corresponde ningunha impresión, de acordo co criterio de Hume, é unha idea falsa.
Como se produce, entón, a idea de substancia, sobre a que tantos filósofos estiveron de acordo? A idea de substancia é un produto da imaxinación; non é máis que unha "colección" de ideas simples unificadas pola imaxinación baixo un termo que nos permite lembrar esa colección de ideas simples, unha colección de calidades que están relacionadas por contigüidade e causación (que son dúas das leis polas que se regula a asociación de ideas, independentemente de que a estas lles corresponda ou non algunha impresión).
Non cabe, pois, nin sequera formularse a posibilidade de que exista algún tipo de substancia, xa sexa a substancia material que postulara Locke (un substrato descoñecido da cousa, pero material, concepción que fora posteriormente criticada por Berkeley), xa sexa a substancia espiritual que fora defendida por Berkeley. Para Hume a idea de substancia é unha idea falsa, tanto concibida como algo material coma se se concibe como algo espiritual, xa que a ela non lle corresponde ningunha impresión.
Á crítica da idea de substancia engadirase (ademais doutras de non menor interese, como a análise que realiza Hume dos modos e das relacións), o estudo das presuntas ideas ou conceptos abstractos. Podemos aceptar a existencia de ideas, de conceptos abstractos, xerais, universais? Ou, polo contrario, todas as nosas ideas son particulares? Falar de conceptos abstractos supón aceptar a posibilidade de representar de modo universal a realidade e, por extensión, a esencia, a substancia da realidade. Pero temos realmente un só concepto abstracto, unha soa idea abstracta? É posíbel concibir un triángulo que non sexa isósceles, escaleno, equilátero, pero que sexa todos e cada un dos triángulos que poden existir? Non, dinos Hume. Cando falo do concepto abstracto de triángulo teño na mente a imaxe, a representación dun triángulo concreto, particular, ao que engado a calidade, ficticia, de que representa calquera triángulo, do mesmo modo que se concibo a idea de "can" represéntome un can particular, ao que engado a calidade, a ficción, de representar a todos os cans. Todas as ideas son, pois, particulares. O que chamamos conceptos ou ideas abstractas, son o resultado dunha xeneralización indutiva, procedente da experiencia, pola que terminamos por dar o mesmo nome a todos os obxectos entre os que encontro algunha semellanza ou similitude.
Cando escoito ese nome, evoco a imaxe dun dos obxectos aos que o asociei, ao ser imposíbel evocar todos e cada un dos obxectos, aínda que estou tamén en condicións de evocar outros obxectos, en lugar destes, se a ocasión o require. O que chamamos ideas abstractas, universais, son ideas particulares ás que dotamos dunha certa capacidade representativa baseada na simple relación de semellanza ou similitude entre os obxectos. Polo demais, sendo as ideas copias de impresións, e sendo as impresións sempre particulares, non pode haber ideas que non sexan particulares.