O principio de causalidade
Como xa vimos na explicación do coñecemento, o coñecemento de feitos fúndase na relación causa e efecto. Esa relación interpretárase tradicionalmente, baixo a noción do principio de causalidade, como un dos principios fundamentais do entendemento, e como tal utilizárano profusamente os filósofos anteriores, tanto medievais como antigos, extraendo del o fundamental das súas concepcións metafísicas. Lembremos, por exemplo, a utilización que fai Aristóteles da teoría das catro causas, ou o recurso de san Tomé de Aquino ao principio de causalidade para demostrar a existencia de Deus nas cinco vías.
Pero que contén exactamente a idea de causalidade? Segundo Hume, a relación causal concibiuse tradicionalmente como unha "conexión necesaria" entre a causa e o efecto, de tal xeito que, coñecida a causa, a razón pode deducir o efecto que se seguirá, e viceversa, coñecido o efecto, a razón está en condicións de remontarse á causa co produxo.
Non existen ideas, das que aparecen en metafísica, máis escuras e incertas que aquelas de poder, forza, enerxía ou conexión necesaria, as cales xorden sempre en todas as nosas disquisicións.
Que ocorre se aplicamos o criterio de verdade estabelecido por Hume para determinar se unha idea é ou non verdadeira? Unha idea será verdadeira se hai unha impresión que lle corresponde. Xa que logo, podemos preguntarnos: hai algunha impresión que corresponda á idea de "conexión necesaria" e, polo tanto, é lexítimo o seu uso, ou é unha idea falsa á que non corresponde ningunha impresión?.
Se observamos calquera cuestión de feito, por exemplo o choque de dúas bólas de billar, dinos Hume, observamos o movemento da primeira bóla e o seu impacto (causa) sobre a segunda, que se pon en movemento (efecto); nos dous casos, tanto á causa como ao efecto correspóndelles unha impresión, sendo verdadeiras ditas ideas. Estamos convencidos de que se a primeira bóla impacta coa segunda, esta desprazarase, xa que supoñemos unha "conexión necesaria" entre a causa e o efecto: pero hai algunha impresión que lle corresponda a esta idea de "conexión necesaria"? Non, di Hume. O único que observamos é a sucesión entre o movemento da primeira bóla e o movemento da segunda; da única idea que temos impresión é da idea de sucesión, pero por ningures aparece unha impresión que corresponda á idea de "conexión necesaria", polo que habemos de concluír que a idea de que existe unha "conexión necesaria" entre a causa e o efecto é unha idea falsa.
O impulso dunha bóla de billar acompáñase do movemento da outra. Isto é todo o que aparece ante os sentidos externos. A mente non percibe ningún sentimento nin impresión interna desta sucesión de obxectos. Consecuentemente, non existe, en ningún caso particular de causa e efecto, ningunha cousa que poida suxerir a idea de poder ou conexión necesaria.
De onde procede, pois, noso convencemento da necesidade de que a segunda bóla se poña en movemento ao recibir o impacto da primeira? Da experiencia: o hábito, ou o costume, ao observar sempre que os dous fenómenos se producen un a seguir do outro, provoca en nós o convencemento de que esa sucesión é necesaria.
Cal é, pois, o valor do principio de causalidade? O principio de causalidade só ten valor aplicado á experiencia, aplicado a obxectos dos que temos impresións e, polo tanto, só ten valor aplicado ao pasado, dado que dos fenómenos que poidan ocorrer no futuro non temos impresión ningunha. Contamos coa produción de feitos futuros porque aplicamos a inferencia causal; pero esa aplicación é ilexítima, polo que a nosa predición dos feitos futuros non pasa de ser unha mera crenza, por moi razoábel que poida considerarse. Dado que a idea de "conexión necesaria" resultou ser unha idea falsa, só podemos aplicar o principio de causalidade a aqueles obxectos cuxa sucesión observemos: Cal é o valor, pois, da aplicación tradicional do principio de causalidade ao coñecemento de obxectos dos que non temos en absoluto ningunha experiencia? Ningún, dirá Hume. En ningún caso a razón poderá ir alén da experiencia, o que o levará á crítica dos conceptos metafísicos (Deus, mundo, alma) cuxo coñecemento está baseado nesa aplicación ilexítima do principio de causalidade.