Thomas Hobbes


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 2

Elabora un comentario do seguinte texto de Hobbes sobre o estado de natureza.

Capítulo XIII do Leviatán

Da condición natural do xénero humano, no que concirne á súa felicidade e miseria

A natureza fixo aos homes tan iguais nas súas facultades corporais e mentais que, aínda que poida encontrarse ás veces un home manifestamente máis forte de corpo, ou máis rápido de mente que outro, aínda así, cando todo se toma en conta en conxunto, a diferenza entre home e home non é o bastante considerábel como para que un deles poida reclamar para si beneficio algún que non poida o outro pretender tanto como el. Porque no que touca á forza corporal, aínda o máis feble ten forza suficiente para matar ao máis forte, xa sexa por maquinación secreta ou por federación con outros que se atopan no mesmo perigo ca el.

E no que touca as facultades mentais, (deixando aparte as artes fundadas sobre palabras, e especialmente aquela capacidade de procedemento por normas xerais e infalíbeis chamada ciencia, que moi poucos teñen, e para moi poucas cousas, non sendo unha facultade natural, nada connosco, nin adquirida (como a prudencia) cando buscamos algunha outra cousa) encontro maior igualdade aínda entre os homes, que no caso da forza. Pois a prudencia non é senón experiencia, que a igual tempo acórdase igualmente a todos os homes naquelas cousas a que se aplican igualmente. O que talvez faga dunha tal igualdade algo incríbel non é máis que unha vaidosa fe na propia sabedoría, que case todo home cree posuír en maior grao que o vulgo; isto é, que todo outro home agás el mesmo, e uns poucos outros, a quen, por causa da fama, ou por estar de acordo con eles, aproba. Pois a natureza dos homes é tal que, aínda que poden recoñecer que moitos outros son máis vivos, ou máis elocuentes, ou máis instruídos, dificilmente crerán, sen embargo, que haxa moitos máis sabios que eles mesmos: pois ven a súa propia intelixencia a man, e a dos outros homes a distancia. Pero isto proba que os homes son nese punto iguais máis ben que desiguais. Pois xeralmente non hai mellor signo da igual distribución dalgunha cousa que o que cada home se contente co que lle tocou.

Desta igualdade de capacidades xorde a igualdade na esperanza de acadar os nosos fins. E, polo tanto, se dous homes calquera desexan a mesma cousa, que, sen embargo, non poden ambos gozar, deveñen inimigos; e no seu camiño cara o seu fin (que é principalmente a súa propia conservación, e ás veces só a súa deleitación) esfórzanse mutuamente en destruírse ou subxugarse. E vén así a ocorrer que, alí onde un invasor non ten outra cousa que temer que o simple poder doutro home, se alguén planta, sementeira, constrúe, ou posúe asento adecuado, pode esperarse doutros que veñan probabelmente preparados con forzas unidas para desposuílo e privalo non só do froito do seu traballo, senón tamén da súa vida, ou liberdade. E o invasor, pola súa vez, atópase no mesmo perigo fronte a un terceiro.

Non hai para o home máis forma razoábel de gardarse desta inseguridade mutua que a anticipación; e isto é, dominar, por forza ou astucia, a tantos homes como poida ata o punto de non ver outro poder o bastante grande como para poñela en perigo. E non é isto máis que o que a súa propia conservación require, e o xeralmente admitido. Tamén porque habendo algúns, que compracéndose en contemplar o seu propio poder nos actos de conquista, os que van máis lonxe do que a súa seguridade requiriría, se outros, que doutra maneira se contentarían con permanecer tranquilos dentro de límites modestos, non incrementasen o seu poder por medio da invasión, non serían capaces de subsistir longo tempo permanecendo só á defensiva. E, en consecuencia, sendo tal aumento do dominio sobre homes necesario para a conservación dun home, debe serlle permitido.

Polo demais, os homes non derivan pracer algún (senón antes ben, considerábel pesar) de estar xuntos alí onde non hai poder capaz de impoñer respecto a todos eles. Pois cada home coidase de que o seu compañeiro o valore á altura á que se coloca el mesmo. E perante todo sinal de desprezo ou subvaloración é natural que se esforce ata onde se atreva (que, entre aqueles que non teñen un poder común que os manteña tranquilos, é o suficiente para facerlles destruírse mutuamente), en obter dos seus rivais, por dano, unha máis alta valoración; e dos outros, polo exemplo.

Thomas Hobbes , "Leviatán"