Thomas Hobbes


Análises, comentarios e xuízos críticos

Exercicio 1

Realiza unha análise crítica das consideracións de Hobbes sobre as tres primeiras leis de natureza.

Capítulo XIV: Das leis naturais primeira e segunda, e dos contratos.

1ª lei de natureza:

E é polo tanto un precepto, por regra xeral da razón, que todo home debe esforzarse pola paz, na medida que espere obtela, e que cando non poida obtela, poida entón buscar e usar toda a axuda e as vantaxes da guerra, de cuxa regra a primeira rama contén a primeira e fundamental lei de natureza, que é buscar a paz, e seguila, a segunda, a suma do dereito natural, que é defendernos por todos os medios que poidamos.

2ª lei de natureza:

Desta lei fundamental de natureza, pola que se ordena aos homes que se esforce pola paz, derívase esta segunda lei: que un home estea disposto, cando outros tamén o estean tanto como el, a renunciar ao seu dereito a toda cousa en prol da paz e defensa propia que considere necesaria, e se contente con tanta liberdade contra outros homes como consentiría a outros homes contra el mesmo.

Capítulo XV. Doutras leis de natureza

3ª lei de natureza, a xustiza:

Daquela lei de natureza pola que estamos obrigados a transferir a outro aqueles dereitos que se son retidos obstaculizan a paz da humanidade, séguese unha terceira, que é esta: que os homes cumpran os pactos que celebraron, sen o cal, os pactos son en van, e nada senón palabras ocas. E subsistindo entón o dereito de todo home a toda cousa, estamos aínda na condición de guerra.

E nesta lei de natureza atópase a fonte e orixe da xustiza, pois onde non precedeu pacto, non foi transferido dereito, e todo home ten dereito a toda cousa e, polo tanto, ningunha acción pode ser inxusta. Pero cando se celebrou un pacto, entón rompelo é inxusto, e a definición de inxustiza non é outra que o non cumprimento do pacto, e todo aquilo que non é inxusto é xusto.

(...) Polo tanto, antes de que os nomes do xusto ou inxusto poidan aceptarse, terá que haber algún poder coercitivo que obrigue igualitariamente aos homes ao cumprimento dos seus pactos, polo terror a algún castigo maior que o beneficio que esperan da ruptura do seu pacto e que faga boa aquela propiedade que os homes adquiren por contrato mutuo, en compensación do dereito universal que abandonan, e non existe tal poder antes de que se erixa unha República.

Thomas Hobbes , "Leviatán"