A filosofía de Tomé de Aquino

2.2 Metafísica. Esencia e existencia
A metafísica tomista. A teoría da esencia e a existencia

A metafísica aristotélica leva a unha interpretación do mundo dificilmente conciliábel co cristianismo: o mundo é eterno e está composto dunha multiplicidade de substancias que, en canto tales, teñen a mesma entidade. Como conciliar a eternidade do mundo coa creación? Como conciliar a identificación do ser coa substancia coa afirmación de que hai unha substancia suprema, e radicalmente distinta de todas as demais? A distinción que xa estabelecera Avicena entre a esencia e a existencia será a resposta que buscará san Tomé: ademais das estruturas xa citadas, e baseada especialmente na teoría do acto e a potencia, haberá que distinguir en cada substancia a esencia da existencia. A esencia está respecto á existencia como a potencia respecto do acto. O que unha cousa é, a súa esencia, pode ser comprendido independentemente de que esa cousa exista ou non; e independentemente da súa existencia ou non, a esencia permanece inalterábel sendo o que é.
Por exemplo, comprendemos o que é un home independentemente de que existan ou non homes, e o mesmo ocorre con calquera outra substancia. A esencia sería, pois, unha certa forma de ser en potencia: para existir tería que ser actualizada por outra entidade que lle dese a existencia, xa que nada pode ser causa da súa propia existencia (tería que existir antes de existir, o que é contraditorio, absurdo). Polo tanto, todas as cousas que existen son un composto de esencia e existencia. Nese sentido son continxentes, é dicir non teñen en si mesmas a necesidade de existir, poden existir ou non existir. De onde lles vén, pois, a existencia? Ha de proceder doutras substancia que exista eminentemente, é dicir, dunha substancia cuxa esencia consista en existir e sexa, polo tanto, un ser necesario: Deus. Estabelécese así unha distinción ou xerarquía entre os seres: os continxentes, os que reciben a súa existencia doutro ser; e o ser necesario, aquel no que a esencia e a existencia se identifican.
"Todo aquilo que non está incluído no "concepto" dunha esencia debe chegarlle do exterior e adaptarse a ela, xa que unha esencia non pode ser concibida sen as súas partes esenciais. Polo tanto, toda esencia ou "quididade" pode ser captada pola razón sen que a existencia o sexa igualmente. Eu podo comprender o que é un home ou un fénix e ignorar se un ou outro existen na natureza das cousas. Está claro que a existencia é algo moi distinto da esencia. [...] Logo todo o que convén a unha cousa, ou ben se deriva dos principios da súa natureza (como a capacidade de rir no home), ou ben provén dun principio extrínseco, como a luminosidade da atmosfera depende do sol. É imposíbel que a existencia dunha cousa proceda da súa natureza ou da súa forma, é dicir, proceda a título de causa eficiente. Nese caso, unha cousa converteríase na súa propia causa, produciríase a si mesma, o cal é imposíbel. É necesario que toda realidade, na que a existencia é distinta da esencia, reciba doutra esta existencia."
A concepción da esencia modifícase con respecto á concepción aristotélica: para Aristóteles a esencia viña representada exclusivamente pola forma; para San Tomé a esencia dos seres continxentes comprende tamén a materia, e a esencia dos seres espirituais identifícase exclusivamente coa forma, xa que carecen de materia. Estabelécese pois unha separación radical entre Deus e o mundo, facendo do mundo unha realidade continxente, é dicir, non necesaria, e que debe a súa existencia a Deus, único ser necesario. Polo demais, na medida que a existencia representa o acto de ser estabelécese unha primacía desta sobre a esencia. Esta identificación do ser coa existencia permitiralle a San Tomé falar de seres constituídos por formas puras, como os anxos e Deus, distinguíndose en que os anxos reciben tamén a existencia de Deus. É posíbel, entón, admitir substancias inmateriais, o que a partir dunha posición estritamente aristotélica resultaría dificilmente sostíbel.

Os elementos platónicos da metafísica tomista
A distinción entre a esencia e a existencia podería abondar para dar unha explicación xerárquica da realidade, partindo de Deus como ser necesario. Sen embargo san Tomé recorre á teoría neoplatónica dos graos do ser, estabelecendo unha xerarquía que vai dos seres inanimados a Deus, pasando polos seres vexetativos, os sensitivos e os racionais, no mundo material, e polos anxos nas esferas celestes.
Recorre tamén ás teorías platónicas da participación e a causalidade exemplar: os seres continxentes reciben a existencia de Deus, polo que a súa existencia participa dalgunha maneira da existencia de Deus, o único ser necesario, o que conduce a San Tomé a similares dificultades ás que a teoría da participación conducira a Platón, aínda que agora nun plano máis estritamente teolóxico.
A consideración de Deus como causa exemplar, teorizada por San Agostiño, segundo a cal as Ideas de todas as cousas están na mente de Deus, é parcialmente aceptada por san Tomé, a través da súa interpretación "analóxica" do ser. Na medida que todas as substancias reciben a existencia de Deus, o ser non lles pertence propiamente senón que o teñen por analoxía con Deus; e o mesmo ocorre coas demais perfeccións.