San Tomé de Aquino


San Tomé de Aquino

Biografía


San Tomé de Aquino (1225 - 1274)

Tomé de Aquino naceu no castelo de Roccasecca, preto de Aquino, no ano 1225, na pía dunha nobre e numerosa familia italiana. O seu pai, Landolfo, descendente pola súa vez dos condes de Aquino, estaba emparentado co emperador Federico II. A súa nai, Teodora, era filla dos condes de Taete e Chieti. Recibiu Tomé a súa primeira educación, a partir dos cinco anos, na abadía de Montecasino, da que era abade o seu tío, permanecendo no mosteiro ata 1239, cando o emperador Federico II decretou a expulsión dos monxes. Alí realizou os estudos ordinarios de gramática, latín, música, moral e relixión.

Torre do castelo de Roccasecca

A finais de 1239 dirixiuse á universidade de Nápoles para continuar os seus estudos, permanecendo nesa cidade ata 1244, ano no que, sentíndose atraido pola vida dos frades dominicanos que coñecera nun convento de Nápoles, ingresou na orde como novizo. A decisión non foi do agrado da súa familia, que preferise que San Tomé sucedese ao seu tío á fronte da abadía de Montecasino. Decatada de que San Tomé íase dirixir a Bolonia para participar nun capítulo xeral da orde, e que posteriormente sería enviado a París para continuar os seus estudos, foi raptado polos seus irmáns e retido por eles durante máis dun ano no castelo de Roccasecca, coa intención de disuadilo do seu ingreso definitivo na orde, cousa que non conseguiron deixándolle, finalmente, cumprir a súa vontade. Dirixiuse posteriormente a París, probabelmente no verán de 1245.

Ficou en París ata o 1248, como estudante, gañándose rapidamente a confianza de San Alberto Magno quen se sentiu atraido polas grandes posibilidades intelectuais do seu discípulo. En 1248 dirixiuse a Colonia, con San Alberto, quen ía fundar unha casa de estudos para a orde.

En Colonia permaneceu con el ata o ano 1252, volvendo entón a París para continuar os seus estudos, onde recibiu a súa licenciatura (licenza para ensinar na Facultade de Teoloxía) no 1256, sendo nomeado Magister ese mesmo ano, e ocupando alí a súa cátedra ata o 1259.

No ano 1259 trasladouse a Italia, onde permaneceu ata o 1268, co encargo de ensinar teoloxía na Corte Pontificia.. Ao longo destes anos residiu en varias cidades italianas, como Anagni, Orvieto, Roma e Viterbo, sendo convidado a dar conferencias nas universidades de Nápoles e Bolonia. Nesta época coñeceu, entre outros personaxes ilustres, a Guillerme de Moerbeke, o famoso tradutor das obras de Aristóteles, quen puxo á súa disposición varias de súas traducións, entre elas algunhas que se atopaba prohibidas na época (De Anima, De Sensu et Sensato e De Memoria et Reminiscentia) e que San Tomé comentará, xunto con outras obras de Aristóteles como a Física e a Metafísica.

A catedral de Colonia, comezada o 14 de agosto de 1248, obra do Maestro Gérard

No 1268 regresa a París, impartindo o seu maxisterio ata 1272, en medio de numerosas polémicas provocadas tanto polos ataques contra e entre as ordes relixiosas, como polas controversias suscitadas polos averroístas latinos, quen, encabezados por Siger de Brabante, coparan a facultade de Artes (filosofía) modificando substancialmente os ensinos aristotélicas que San Alberto e o mesmo San Tomé introduciran poucos anos atrás en dita facultade.

Logo dunha polémica actividade regresa a Nápoles no ano 1272, co encargo de estabelecer unha casa de estudos (studium generale), onde abandona totalmente a súa actividade docente e de autor, atopándose frecuentemente arrebatado por experiencias místicas que o absorben por completo. Permanecerá alí ata 1274, morrendo no transcurso da viaxe iniciada ese ano para dirixirse de Nápoles a Lión, onde ía celebrarse un concilio convocado polo papa Gregorio X.