A filosofía de Tomé de Aquino


San Tomé de Aquino

3.1. Teoloxía. A tradición teolóxica e a existencia de Deus

A tradición teolóxica e o tomismo

San Tomé atoparase cun desenvolvemento do pensamento filosófico relativamente amplo (aínda ao servizo da fe) e cunha nova explicación da realidade (o aristotelismo) que se desenvolvera en Europa dende facía pouco e que se coñecía como "averroísmo latino". Ata entón a filosofía occidental mantivérase no marco da tradición platónica, nun intento continuado de fusión do platonismo co cristianismo, mediatizado pola versión dada xa por San Agostiño. San Tomé romperá parcialmente con dita tradición adoptando o aristotelismo como base do seu pensamento filosófico.

Romperá tamén coa tradición ao adoptar unha nova postura respecto ás relacións entre a razón e a fe. A filosofía non se concibirá xa como a simple "criada da teoloxía". É certo que a verdade é unha, pero para San Tomé non é menos certo que a razón ten o seu propio ámbito de aplicación, autónomo, dentro desa verdade única, á igual que ocorre coa fe. E, cada unha no seu dominio, é soberana. Estabelece, pois, unha distinción clara entre razón e fe, entre filosofía (dominio da razón) e teoloxía (dominio da fe) tanto en virtude do seu método, como polo seu obxecto de estudo e o seu ámbito de aplicación. Pero tampouco exclúe a colaboración entre ambas, e aínda unha certa submisión da razón á fe naquelas cuestións nas que a razón non poida definirse.

Así, tanto a adopción do aristotelismo como a súa concepción da natureza da relación entre a razón e a fe, levarán a San Tomé ao desenvolvemento do chamado "realismo filosófico", reformulando dun modo radicalmente novo numerosas cuestións que ata entón consideráranse xa decididas.

A existencia de Deus

Interior da capela da Abadía de Pontigny, da orden cisterciense, comezada a construír cara ao 1140

Polo que respecta a existencia de Deus Sto Tomé afirma taxativamente que non é unha verdade evidente para a natureza humana, (para a razón,) polo que, quen a afirme, deberán probala. A existencia de Deus, dinos, é evidente considerada en si mesma, pero non considerada respecto ao home e a súa razón finita e limitada. Tanto é así que nin sequera as diversas culturas ou civilizacións teñen a mesma idea de Deus (xudaísmo, islamismo, cristianismo, politeísmo...) e, incluso, nin sequera todos os homes pertencentes á mesma cultura posúen a mesma idea de Deus. E isto é un feito diante do que non cabe discusión. Con iso pretende recalcar tanto a importancia do tema como a lexitimidade de solicitar unha garantía da razón, independentemente do que afirme a fe. Se a existencia de Deus non é unha verdade evidente para nós é necesario, pois, que sexa demostrada dun modo evidente para a razón, dun modo racional, no que non interveñan elementos da Revelación ou da fe.

Pero que tipo de demostración temos que elixir? Non podemos partir da idea de Deus, como fixera San Anselmo, xa que iso é precisamente o que se trata de demostrar, o que se trata de coñecer. Tampouco podemos recorrer á demostración "a priori ", posto que esta demostración parte do coñecemento da causa, e del chega ao coñecemento do efecto: pero Deus non ten causa. Só nos queda, pois, partir do coñecemento que proporciona a experiencia humana, dos seres que coñecemos, tomados como efectos, e remontarnos, a través de eles, á súa causa, é dicir, argumentando "a posteriori".

Sendo tal a posición de San Tomé comprendemos por que criticará duramente o argumento ontolóxico e rexeitará a súa validez. O argumento anselmiano toma como punto de partida a idea de Deus como ser perfecto, pero tal idea, di San Tomé, procede da crenza, da fe, e non ten por que ser aceptada por un non crente. Pero ademais, o argumento de San Anselmo contén un paso ilexítimo do ideal ao real: pensar algo como existente non quere dicir que exista na realidade. A existencia pensada non ten máis realidade que a de ser pensada, a de estar como tal no noso entendemento, pero non fóra del. Para San Tomé a existencia só pode ser acadada se partimos da existencia e argumentamos a partir de ela. E a única existencia indubidábel para nós é a existencia sensíbel. Xa que logo, desenvolverá as súas cinco probas da existencia de Deus a partir sempre da experiencia sensíbel, a primeira (pero non a única, segundo San Tomé) forma de experiencia que o home coñece...