A filosofía de Tomé de Aquino


San Tomé de Aquino

5. Teoría do coñecemento

A explicación do coñecemento

San Tomé non se ocupou especificamente de desenvolver unha teoría do coñecemento, do modo no que se ocuparán de iso os filósofos modernos. Á igual que ocorrera cos filósofos gregos e latinos, o problema do coñecemento suscítase en relación a outros problemas no curso dos cales é necesario aclarar en que consiste coñecer, pero non é obxecto dun estudo propio, específico e pormenorizado. No caso de san Tomé eses problemas serán fundamentalmente teolóxicos e psicolóxicos. Non obstante, a importancia que adquirirá o estudo do coñecemento na filosofía moderna fai aconsellábel que lle dediquemos un espazo aparte.

odo o o noso coñecemento comeza cos sentidos; seguindo a posición aristotélica ao respecto, san Tomé, ao rexeitar as Ideas platónicas, ou formas separadas, estará de acordo coas formulacións fundamentais do estaxirita. A alma, ao nacer o “home”, é unha "tabula rasa" na que non hai contidos impresos. Os obxectos do coñecemento suscitan a actividade dos órganos dos sentidos, sobre os que actúan, producindo a sensación, que é un acto do composto humano, da alma e do corpo, e non só da alma como pensaba Platón. Para que haxa coñecemento é necesario, pois, a acción conxunta de ambos, polo que a posibilidade dunha intuición intelectual pura, que poña directamente en relación o intelecto e o obxecto coñecido, queda descartada.

Fachada da catedral de Estrasburgo, comezada a construir no 1015.

San Tomé seguirá a explicación do coñecemento ofrecida por Aristóteles. O obxecto propio do coñecemento intelectivo é a forma, o universal; pero esa forma só pode ser captada na substancia. Polo tanto, é necesario que a substancia, a entidade concreta e individual, sexa captada mediante os sentidos, para poder ofrecer ao entendemento o seu obxecto propio de coñecemento. Esta actividade primaria é realizada polos sentidos, quen, en colaboración coa imaxinación e a memoria, producen unha imaxe sensíbel ("phantasma") da substancia, que segue sendo unha imaxe concreta e particular; sobre esa imaxe actuará o entendemento axente, dirixíndose a ela para abstraer a forma ou o universal, a "especie intelixíbel", producindo no entendemento paciente a "species impressa" quen, pola súa vez, como reacción producirá a "species expressa", que é o concepto universal ou "verbum mentis". O proceso de abstracción consiste, pois, en separar intelectualmente o universal, que só pode ser coñecido desta maneira. A consecuencia é a necesidade de tomar como punto de partida a experiencia sensíbel en todo coñecemento. Tamén no coñecemento das cousas divinas, polo que San Tomé adoptará o método "a posteriori" na súa demostración da existencia de Deus a través das cinco vías.

Á igual que para Aristóteles, pois, o obxecto do verdadeiro coñecemento é a forma, o universal, e non o particular: da substancia concreta: coñecemos a forma, non a materia, que en canto materia primeira resulta tamén incognoscíbel. Polo demais, aínda que o punto de partida do coñecemento sexa o sensíbel, o corpóreo, o seu obxecto propio é a forma, o inmaterial. Que ocorre entón con aquelas substancias non materiais? Para San Tomé está claro: non é posíbel ter nesta vida un coñecemento directo delas (os anxos e Deus). O coñecemento destas substancias só se pode obter por analoxía, na medida que poidamos ter un coñecemento dos principios e das causas do ser.