Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

2.4. A metafísica aristotélica: Ser en acto e ser en potencia

Ser en acto e ser en potencia

Pero para poder explicar o cambio Aristóteles precisará recorrer ademais a outra estrutura metafísica, a que permite distinguir dúas novas formas de ser: o ser en acto e o ser en potencia. Ao seu estudo adicará o libro IX da "Metafísica", (do que podedes consultar os primeiros 6 capítulos na sección "textos").

"O ser non só se toma no sentido de substancia, de calidade, de cantidade, senón que hai tamén o ser en potencia e o ser en acto, o ser relativamente á acción".("Metafísica, libro IX, 1)

Por ser en acto refírese Aristóteles á substancia tal como nun momento determinado se nos presenta e a coñecemos; por ser en potencia entende o conxunto de capacidades ou posibilidades da substancia para chegar ser algo distinto do que actualmente é. Un neno ten a capacidade de ser home: é, polo tanto, un neno en acto, pero un home en potencia. É dicir, non é un home, pero pode chegar a selo.

Dalgunha maneira, polo tanto, a potencia representa unha certa forma de non-ser: non se trata dun non-ser absoluto, senón relativo, pero que é tan real como calquera outra consideración que podamos facer da substancia. Cada substancia contén, polo tanto, un conxunto de capacidades ou potencialidades, unha certa forma de non-ser relativo, que lle é tan propia como a súa composición hilomórfica. Xunto ao ser en acto temos que admitir, pois, o recoñecemento do ser en potencia. Por suposto que as potencias dunha substancia veñen determinadas pola natureza de cada substancia: unha semente poderá converterse en planta e, polo tanto, é potencialmente unha planta; pero non poderá converterse en cabalo.

Que a potencia representa unha certa forma de non-ser relativo compréndese mellor coa noción de privación, á que recorre Aristóteles para aclarar o significado de potencia. Que unha substancia teña unha determinada capacidade, ou potencialidade, significa simplemente que actualmente está privada desa forma de ser, é dicir, que a privación dáse nun suxeito, e non dun modo absoluto. Veremos con máis detalle, na Física, ao analizar a explicación aristotélica do cambio, o modo no que unha cousa vén ao ser a partir da súa privación.