A filosofía de Aristóteles
(- 384 a - 322)
3.1 Filosofía da Natureza: a cosmoloxía aristotélica
A cosmoloxía aristotélica
A cosmoloxía aristotélica data das primeiras fases de desenvolvemento do seu pensamento, e pódese observar nela unha clara influencia platónica. As súas ideas fundamentais ao respecto expóñense nas súas obras "Sobre o ceo" e "Sobre a xeración e a corrupción", así como nalgúns libros da "Física". O universo, que é finito e eterno, atópase dividido en dous mundos, o sublunar e o supralunar, cada un deles con características ben distintas, como veremos a seguir, reproducindo desta forma en certo modo o dualismo platónico.
O mundo sublunar, en efecto, está formado polos catro elementos e sometido á xeración e á corrupción, é dicir ao cambio e ao movemento. O mundo supralunar, pola contra, está formado por unha materia especial, incorruptíbel, o éter ou quintaesencia, que soamente está sometida a un tipo de cambio, o movemento circular, (que, á igual que Platón, Aristóteles considera unha forma perfecta de movemento), en clara oposición aos catro elementos (terra, auga, aire, lume) dos que está formado o mundo sublunar. A Terra, que é unha esfera inmóbil, atópase no centro do universo e, arredor dela, incrustados en esferas concéntricas transparentes, xiran os demais astros e planetas, arrastrados polo xiro das esferas nas que se atopan, que se moven grazas a unha serie de motores intermedios que deben o seu movemento, pola súa volta, a un último motor inmóbil, que actúa directamente sobre a última esfera, máis alá da cal xa non hai nada, a chamada esfera das estrelas fixas (porque se supoñía que as estrelas estaban incrustadas, fixadas, nesta esfera) que é movida directamente polo motor inmóbil, e que transmite o seu movemento a todas as demais esferas e ao mundo sublunar.
Aristóteles segue aquí a cosmoloxía de Eudoxo de Cnido e mais a do seu discípulo Calipo, que supoñían necesaria a consideración de 33 esferas para dar conta dos movementos celestes observábeis. Sen embargo, dado o carácter errático dos movementos dos planetas ("errante", "vagabundo", é o significado precisamente do termo “planeta” en grego), á diferenza do movemento uniforme e regular que podemos observar nas estrelas, Aristóteles, para explicar esas alteracións no movemento dos planetas introduce 22 esferas máis no sistema de Calipo, que xiran en sentido contrario ás anteriormente citadas e que causan esa distorsión no movemento circular observábel dos planetas. De aí que no sistema aristotélico se conten 55 esferas en lugar das 33 contabilizadas por Calipo.
Neste sistema establécese unha xerarquía de seres a partir da perfección do motor inmóbil, (que Aristóteles considera como unha forma pura, como un ser perfecto polo tanto, e que causa o movemento no universo en tanto causa final), e da esfera das estrelas fixas, que se vai degradando a medida que nos achegamos ao mundo sublunar, que representa o nivel ínfimo da escala, dominado pola xeración e a corrupción. Para poder explicar a acción do motor inmóbil como causa final Aristóteles vese obrigado a dotar de alma ás esferas intermedias: ditas esferas aspiran á perfección, como o motor inmóbil, e é esa aspiración a que move o universo; pero, para poder aspirar a esa perfección, han de ter alma. Aínda que na súa obra "Sobre o ceo" Aristóteles considera que o movemento circular das esferas corresponde ao éter por natureza e, en consecuencia, ofrécenos unha explicación dos movementos celestes puramente mecanicista, na "Física", no libro VIII, que é posterior ao resto das súas obras cosmolóxicas, vólvenos ofrecer a teoría do motor inmóbil, unha interpretación teleolóxica do universo.