Aristóteles
(- 384 a - 322)
En torno a Aristóteles
Anécdotas
Preguntado en que se difrenzan os sabios dos ignorantes, respondeu: "No que os vivos dos mortos". Dicía que "o saber, nas prosperidades serve de adorno, e nas adversidades de refuxio. Que os pais que instrúen aos seus fillos son preferíbeis aos que soamente os procrean, pois estes dánlles a vida, pero aquelas a vida feliz". A un que se gloriaba de ser de cidade grande, dixolle: "Non convén atender a iso, senón a se un é digno dunha gran patria". Preguntado que cousa é o amigo, respondeu: "Un alma que habita en dous corpos". Dicía que "uns homes eran tan parcos coma se fosen eternos, e outros tan pródigos coma se logo morresen". (Dióxenes Laercio, Vidas dos filósofos ilustres)
A un que lle preguntaba por que cos fermosos conversamos máis longo tempo, dixolle: "Esa pregunta é de cego". Cando lle preguntaron que ganancia finalmente lle dera a filosofía, respondeu: "Facer espontaneamente o que outros fan por medo das leis". Preguntado así mesmo de que modo aproveitan os estudantes, respondeu: "Seguindo aos áxiles e non esperando aos preguiceiros". A un cumprido falangueiro, que despois de co mortificara con dicterios lle preguntou se o molestara moito, respondeulle: "Por Deus que non che estiven atento". Obxectándolle que dera esmola a un home malo (pois tamén se conta así), respondeu: "Non lla dei ao home, senón á humanidade". Preguntado como debemos portarnos cos amigos, respondeu: "Como desexamos se porten eles connosco". (Dióxenes Laercio, Vidas dos filósofos ilustres)
Testamento de Aristóteles
"Haxa saúde; pero por se algo acontecese, dispón Aristóteles nesta forma: ser executor de todo e sempre Antípatro; e ata que Nicanor se ache en estado de administrar os meus bens, serán curadores Aristómenes, Timarco, Hiparco, Dióteles e Teofrasto (se lle parecer ben e conveniente o selo) e dos meus fillos, de Herpilis e de todo o restante. Cando a rapaza sexa casadeira, darase a Nicanor en matrimonio; e se morrese (o que non aconteza) antes de casar, ou ben despois de casada, sen ter fillos, Nicanor será dono de administrar, non só polo que mira ao meu fillo, senón tamén as demais cousas, executándoo coa dignidade correspondente a el e a min. Coidará tamén Nicanor da rapaza e do neno Nicómaco, de modo que nada lles falte, séndolles como pai e irmán.
Se a Nicanor lle acontecese morrer (o que non aconteza) antes de recibir en muller á rapaza, ou ben despois de recibida antes de ter fillos, segundo el dispuxer, así se cumpra. Se Teofrasto quixese estar coa rapaza, fágase todo como con Nicanor; pero se non, os curadores se aconsellaranse con Antípatro, e dispoñerán da rapaza e rapaz segundo mellor lles parecer. Coidarán, pois, meus curadores e Nicanor de terme en memoria a min e a Herpilis, posto que foi moi dilixente para comigo e demais cousas miñas. Se quixese casar novamente, non sexa con home desigual a min; e daráselle dos meus bens, sobre o xa dado, un talento de prata, tres criadas se as quixer, a escrava que ten e o neno Pirreo. Tamén se quixese vivir en Calcis, sexa súa a pousada que está xunto ao horto; pero se en Estaxira, a casa paterna. Calquera destes dous dormitorios que elixa, coidarán meus executores de amueblala do modo que lles pareza decente e bastante a Herpilis.
Coidará tamén Nicanor de que devolvan o rapaz Mirmeco aos seus coa decencia a min correspondente, xunto coa equipaxe del que recibín. Ambracis quede libre, e cando se case déanselle 500 dracmas e a escrava que ten. Tamén quero que se lle dean a Tale, ademais da escrava que ten comparada, 1000 dracmas. Igualmente a Simo, ademais do primeiro diñeiro dado para comprar un rapaz, cómpreselle outro, ou déaselle o diñeiro. Tacon será libre cando case a miña rapaza, como tamén Filón, e Olímpico có seu filliño. Ningún neno dos meus escravos será vendido, senón que deles deberán servirse os meus herdeiros, e en sendo adultos daráselles liberdade segundo conveña.
Coidarán tamén das imaxes mandadas esculpir a Grilón, e colocaranse cando estean concluídas; como igualmente a de Nicanor, a de Proxeno que pensaba regalarlle, e a da nai de Nicanor. A de Arimnesto, que xa está feita, colocarase para que lles sirva de monumento, posto que morreu sen fillos. A Ceres da miña nai será colocada no Nemeo, ou ben onde lle parecer. Cando se constrúa o meu sepulcro, depositaranse nel os ósos de Pythia, como ela ordenou. Poñeranse tamén en Estaxira os animais de pedra, altos catro cóbados, que ofrecín por voto a Xúpiter conservador e a Minerva conservadora". (Dióxenes Laercio, Vidas dos filósofos ilustres)
O ensino na Atenas clásica
"En Atenas había tres santuarios públicos que incluían ximnasios nos seus xardíns: o santuario da Akademia (Akademeia), adicado ao heroe Akádemos, o santuario do Kynósarges, adicado a Heraclés, e o santuario do Lýkeion, adicado a Apóllon Lýkeion. Os tres estaban situados fóra das murallas da cidade e dispoñían, ademais de amplos e frondosos xardíns ou bosquiños, de ximnasios públicos, palestras, pórticos e outras instalacións. Os ximnasios servían tanto para a práctica da ximnasia polos adolescentes como para o adestramento dos atletas con vistas á súa participación nos xogos ou para o adestramento dos mozos de dezaoito a vinte anos (épheboi) durante o servizo militar. Os seus xardíns e pórticos serán tamén lugar de reunión e esparexemento públicos. En especial eran lugar favorito dos sofistas, que alí anunciaban as súas ensinanzas, facían demostracións das súas proezas oratorias e discutían con quen quixese escoitalos. Xa que logo se converteran en sede do ensino superior ateniense.
Os primeiros en estabelecer escolas filosóficas permanentes en Atenas foron Antisthenes e Platon. Antisthenes elixiu para as súas ensinanzas o ximnasio do Kynósarges. Platon estabeleceu a súa escola no ximnasios da Akadémeia, aínda que comprou tamén casas nas inmediacións. Aristoteles preferiu dar as súas clases no ximnasio de Lýkeion. Os terreos do santuario do Lýkeion eran amplos, ben arborados e provistos de auga abundante. Estaban situados cara ao este da cidade, entre as murallas e o monte Likavitós. Alí había un monumental ximnasio público, construído na época de Periklés. O ximnasio incluía un perípatos, é dicir, un pórtico longo ou paseo porticado, e alí foi onde Aristoteles daba ás súas leccións. Por iso a súa escola filosófica coñeceuse non só como o Lýkeion (polo santuario e ximnasio no que se reunían os seus membros), senón tamén como o Perípatos (polo lugar concreto dentro do Lýkeion no que se daban as clases).
Os ximnasios públicos ofrecía moitas vantaxes como centro de ensino. Entre outras cousas eran gratuítos, non había necesidade de pagar aluguer algún por utilizar as súas instalacións, e a afluencia de público estaba garantida. Non hai que esquecer que as escolas filosóficas e retóricas, que constituían o ensino superior de Atenas, eran institucións totalmente privadas, que nin estaba sometidas a control algún por parte do Estado nin recibían axuda ou subvención pública de ningún tipo. O dispoñer de locais gratuítos era sen dúbida unha vantaxe. Algúns, como Platon, completaban o uso das instalacións públicas do ximnasio coa posesión dalgunha casa nas inmediacións. A Aristoteles, sen embargo, como estranxeiro (métoikos) que era, estáballe vedado adquirir propiedades. E a maioría dos seus discípulos e compañeiros eran igualmente estranxeiros. Pero seguramente atoparían medio (coa axuda de Antípatros) de dispoñer dalgunhas casas, onde gardar a biblioteca -a maior da cidade-, arquivar as súas numerosas notas e almacenar as coleccións de animais e vexetais disecados.
O Lýkeion parecíase nalgúns aspectos á Akademia. En ambas escolas había membros mozos, estudantes, e membros avanzados, profesores, que investigaban e impartían clases. En ambas cada un vivía pola súa conta, e ninguén pagaba nada nin recibía remuneración algunha, polo que se requiría unha posición económica minimamente desafogada por parte dos membros, de tal modo que cada un tivese o seu propio sustento asegurado e puidese así adicarse á filosofía. En ámbalas dúas había un xefe ou escolarca, pero a súa autoridade non chegaba á imposición de ningún credo ou doutrina, senón máis ben estimulábase a crítica e a orixinalidade de pensamento. Pero tamén había diferenzas. A Akademia practicaba maila discusión e centraba mailo seu interese na matemática. O Lýkeion prefería as clases, a instrución formal, sistemática e, abandonado as matemáticas, centraba o seu interese na ciencia experimental da natureza e na historia natural, así como na erudición xurídica e social.
Aristoteles daba clases akroáticas ou científicas pola mañá. Estas clases estaban dirixidas aos estudantes da súa escola. Pola tarde daba conferencias exotéricas ou públicas sobre retórica e outros temas de interese xeral. Ademais de acudir ás clases akroáticas, os estudantes debían colaborar nas tarefas máis ou menos pesadas da busca de información, clasificación e catalogación, tanto de documentos, leis e constitucións como, sobre todo, de animais e plantas, vivos ou disecados."
Jesús Mosterín, Historia de la Filosofía, vol. 4, Aristoteles, pp 30-32, Alianza Ed., Madrid, 1984.Nota do autor
(Jesús Mosterín): A transcrición dos nomes propios gregos séguese polas normas expostas no apéndice ao volume terceiro desta serie. ("Non puidemos conservar a transcrición castelá tradicional dos nomes propios gregos, xa que esta apartase dun modo inxustificábel do orixinal grego. Incluso a acentuación tradicional baséase en como se acentuaban eses nomes en latín, e non en grego.") En especial lembre o lector que o nome do noso filósofo é unha palabra chá, non esdrúxula. (Observación do autor sobre a transcrición dos nomes gregos, extraída do Prólogo).
Segundo a versión de Xosé Abuín para "A Filosofía no Bacharelato" (© 2007 webdianoia.com)