Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

Biografía

Biografía de Aristóteles (- 384 a - 322)

Aristóteles naceu en Estaxira, en Tracia, no ano 384 ou no 383 a. C., segundo Dióxenes Laercio, quen nos di que era fillo de Nicómaco e Efestiada, e que o seu pai exercía a medicina na corte do rei Amintas II de Macedonia, "por mor da medicina e por amizade", o que se tratou de asociar co posterior interese naturalista de Aristóteles. Dióxenes Laercio descríbenos a Aristóteles como "o discípulo máis lexítimo de Platón, e de voz balbuciente... que tiña as pernas delgadas e os ollos pequenos, que usaba vestidos preciosos e aneis, e que se cortaba a barba e o pelo". (Vidas dos filósofos ilustres, libro V, 1).

Aristóteles na Academia

Vista do Erecteión, na Acrópole ateniense

Pouco sabemos da educación recibida por Aristóteles na súa mocidade, aínda que debeu ser a propia dos mozos gregos da súa época. Aos dezasete anos, no ano 368 a. C., trasladouse a Atenas onde se incorporou á Academia de Platón na que permanecería durante vinte anos. A pesar de algunhas anécdotas que se fan eco dun suposto enfrontamento entre Platón e Aristóteles, antes da morte daquel, é pouco probábel que tal enfrontamento puidera producirse, xa que todas as referencias que temos de Aristóteles cara a Platón fan gala dun gran respecto e admiración para o mestre, malia ás discrepancias teóricas que logo o levaron á súa separación doutrinal. O feito de que a crítica contemporánea puxera de manifesto o carácter histórico, evolutivo, da obra aristotélica fai aínda máis insostíbel dita hipótese. Sabemos que Aristóteles atravesou por unha fase profundamente platónica antes de desenvolver as súas propias concepcións filosóficas, asumindo como propia, por exemplo, a teoría das Ideas de Platón, antes de que procedera á súa crítica, como claramente se pon de manifesto no diálogo aristotélico "Eudemo", unha das súas obras de mocidade.

Á morte de Platón, no ano 348, Espeusipo, sobriño de Platón, fíxose cargo da dirección da Academia, xa fose por nomeamento directo deste ou ben por decisión dos seus condiscípulos, imprimíndolle unha orientación de carácter máis especulativo e místico-relixioso ás actividades da Academia, o que non foi do agrado de Aristóteles quen a abandonou, (xa fora por esta razón, xa por sentirse frustrado ao non ser designado el mesmo como director, segundo sosteñen outros).

Aristóteles tralo abandono da Academia

Aristóteles dirixiuse entón, en compañía de Xenócrates, a Assos, onde reinaba o tirano Hermias, (con quen, disque, iniciou profunda amizade), fundando alí unha sección da Academia que el mesmo dirixiu durante tres anos. Foi alí probabelmente onde comezou a desenvolver as súas propias opinións, contrarias á teoría das Ideas. Desta época é, en efecto, a súa obra "Sobre a filosofía", na que aparecen os primeiros elementos críticos da teoría das Ideas. Tamén alí contraeu matrimonio con Pythia, filla adoptiva ou sobriña de Hermias, coa que levou unha vida feliz ata a morte desta. (Descoñecemos cando tivo lugar este acontecemento, pero sabemos que Aristóteles trala morte de Pythia viviu con Herpilis, coa que tivo un fillo chamado Nicómaco).

Tres anos despois, no 345-4, trasladouse a Mitilene, na illa de Lesbos, entrando alí probabelmente en relación con Teofrasto, que sería posteriormente o máis salientado discípulo e continuador da obra de Aristóteles. Alí continuou coa súa actividade filosófica ata que no ano 343-2 chamouno Filipo de Macedonia para que se fixera cargo da educación do seu fillo Alexandre, o futuro Alexandre Magno, que tiña entón trece anos. Probabelmente dito encargo se debese máis á amizade e parentesco con Hermias, aliado de Filipo, a quen asasinaran facía pouco mediante unha trampa que lle tenderan os persas, que ao pasado da súa familia na corte de Macedonia. Alí permaneceu sete ou oito anos, ata o 336-5, cando Alexandre subiu ao trono, regresando entón Aristóteles a Atenas.

O regreso a Atenas e a creación do Liceo

Restos do Liceo en Atenas

Unha vez de volta en Atenas, no ano 335, fundará a súa propia escola, o Liceo, unha comunidade filosófica ao estilo da platónica, que se chamou así por estar situada dentro dun recinto dedicado a Apolo Likeios. Ademais do propio edificio contaba cun xardín e un paseo (perípatos) do que os aristotélicos recibirán o nome de peripatéticos, xa sexa porque Aristóteles impartise as súas ensinanzas paseando, como recolle Dióxenes Laercio ( "... tomou no Liceo un sitio para pasear, e paseando alí ata a hora de unxirse os atletas, filosofaba cos seus discípulos, e deste paseo foi chamado peripatético"), ou porque, simplemente, se impartisen ditas ensinanzas no paseo. (Escavacións realizadas a mediados dos 90 en Atenas, preto da Praza Sintagma, deixaron ao descuberto os cimentos de varios edificios, como se pode observar na imaxe, que os arqueólogos consideran poden ser os restos do Liceo de Aristóteles). Segundo a tradición a orde das actividades no Liceo estaba fortemente estabelecida, dedicándose as mañás ás cuestións máis difíciles de carácter filosófico, reservadas para os discípulos, e as tardes ás leccións de retórica e de dialéctica, entre as que se podía atopar un público máis amplo.

Ao longo deste período Alexandre Magno realizou as súas campañas militares que tiveron como unha das súas consecuencias a unificación da Hélade, coa conseguinte perda de autonomía política das cidades estado, entre as que se contaba Atenas. O feito de que Aristóteles fora o seu preceptor, así como a súa amizade e parentesco con Hermias, converterao nun personaxe non grato para moitos atenienses. Trala morte de Alexandre, no ano 323, sentíndose ameazado polos crecentes sentimentos antimacedónicos, Aristóteles abandonará Atenas e retirarase a Calcis, ("para que os atenienses non volvan a pecar contra a filosofía", din que dixo, en clara referencia á condena de Sócrates), a unha propiedade da súa defunta nai, na illa de Eubea, de onde era orixinaria. Alí morrerá Aristóteles, o 322 a. C., dunha enfermidade do estómago.