A filosofía de Aristóteles
(- 384 a - 322)
2.3. A metafísica aristotélica: a teoría da substancia
A teoría da substancia
A substancia é para Aristóteles a forma privilexiada de ser. O ser dise de moitos xeitos, pero fundamentalmente como substancia, é dicir, como aquilo que non se dá nun suxeito senón que iso mesmo é suxeito. As outras formas de ser dánse necesariamente na substancia, e Aristóteles chámalles accidentes:
"Accidente dise do que se atopa nun ser e pode afirmarse con verdade, pero que non é, sen embargo, nin necesario nin ordinario"... "O accidente prodúcese, existe, pero non ten a causa en si mesmo, e só existe en virtude de outra cousa. " ("Metafísica", libro V, 30).
Xunto coa substancia, os accidentes constitúen as categorías do ser: calidade, cantidade, relación, acción, paixón, lugar, tempo, situación, e hábito externo (en canto que é unha posesión ou condición do suxeito). ["O ser en si ten tantas acepcións como categorías hai, porque tantas cantas se distingan outras tantas son as significacións dadas ao ser." ("Metafísica", libro V, 7)]. Na medida que todas as formas de ser accidental remiten á unidade da substancia, a unidade do ser queda garantida:
"O ser dise de moitos xeitos, pero estes diferentes sentidos refírense a unha soa cousa, a unha mesma natureza, non habendo entre eles só comunidade de nome; mais así como por san se entende todo aquilo que se refire á saúde, o que a conserva, o que a produce, aquilo de que é ela sinal e aquilo que a recibe; e así como por medicinal pode entenderse todo o que se relaciona coa medicina, e significar xa aquilo que posúe a arte da medicina, xa o que é propio dela, ou finalmente o que é obra súa, como acontece coa maior parte das cousas; do mesmo xeito o ser ten moitas significacións, pero todas se refiren a un principio único." ("Metafísica", libro IV, 2)
A substancia é o individuo concreto e particular, o que ordinariamente chamamos "cousas" ou "obxectos", é dicir, esta mesa, este cabalo, Sócrates, o que é suxeito, aquilo no que se inxertan as outras formas de ser, os accidentes. Fronte á irrealidade das Ideas, o verdadeiro ser, a substancia, ["Así o obxecto de todas as indagacións pasadas e presentes; a pregunta que eternamente se formula: que é o ser?, vén reducirse a esta: que é a substancia?". ("Metafísica", libro VII, 1)], adquire as características da experiencia (concreto, particular ) aínda que, como veremos máis adiante, sen perder xa que logo a referencia ao universal, á esencia. Na medida que definimos un obxecto, que o coñecemos, pola esencia, esta pode chamarse tamén substancia, pero só nun sentido secundario. A substancia primeira, a substancia propiamente dita, o ser particular e concreto, é o individuo; pero á esencia, aquilo polo que coñecemos o ser, chamouna Aristóteles substancia segunda.
"Substancia dise dos corpos simples, tales como a terra, o lume, a auga e todas as cousas análogas; e en xeral, dos corpos, así como dos animais, dos seres divinos que teñen corpo e das partes destes corpos. A todas estas cousas chámase substancias, porque non son os atributos dun suxeito, senón que son elas mesmas suxeitos doutros seres." ("Metafísica", libro V, 8)
A substancia é para Aristóteles un composto de materia (hyle) e forma (morphé). (De aí o termo hilomorfismo co que tradicionalmente se designou a teoría da substancia aristotélica). En coherencia coa teoría das catro causas do ser non cabería outra interpretación, podendo quedar subsumidas as outras dúas causas, a eficiente e a final, na causa formal. Ese composto de materia e forma é indisolúbel, de xeito que non é posíbel separar realmente unha da outra; só no entendemento tal separación é posíbel, é dicir, a materia e a forma só poden ser pensadas como realidades distintas, só poden separase mentalmente.
En efecto, se nos preguntamos pola materia da que está feita a casa, diremos que de ladrillos; pero os ladrillos pola súa vez, que son a materia da casa, son unha substancia, é dicir, un composto de materia e forma; se nos preguntamos pola materia de ladrillo atoparémonos con outras substancia, a arxila ou o barro; e se nos preguntamos pola materia da arxila volverémonos atopar con outra substancia, e así indefinidamente. Tan lonxe como levemos a investigación seremos incapaces de dar coa materia primeira da que se fixeron as cousas, xa que a materia presentarase sempre indisolubelmente unida a unha forma; de aí que Aristóteles nos fale dunha materia próxima (escháte hyle) e dunha materia remota ou materia primeira (próte hyle).
A materia próxima é, en realidade, a substancia da que se compoñen as cousas, como dicimos que o bronce é a materia da estatua; a materia primeira é, sen embargo, o substrato último da realidade, absolutamente incognoscíbel para nós, xa que está desproveito de toda forma e, polo tanto, de toda calidade. Neste sentido, a concepción aristotélica da materia lembra o ápeiron de Anaximandro.
Mentres que a forma representa a esencia do obxecto, da substancia, o que nela hai de universal, a materia representa o que hai de particular, de distinto, na substancia. A materia é, pois, principio de individuación: o que distingue unha substancia doutra é a materia da que está feita (o que difrenza esta mesa daquela é a materia da que está feita cada unha delas, non a forma, que é idéntica en ámbalas dúas).
A forma, pola contra, representa non soamente a esencia de cada ser, senón tamén a súa natureza; xa que a materia é incognoscíbel, coñeceremos as substancias pola súa forma, é dicir, polo que hai nelas de universal e non de particular. Na medida que a forma representa tamén a natureza, e sendo a natureza principio e causa do movemento, Aristóteles introducirá na substancia a realidade mesma do cambio e, con iso, a posibilidade de explicalo.