Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

Obras

A obra de Aristóteles

A diferenza do que ocorría con Platón, de quen conservamos practicamente todos os seus diálogos, é dicir, as obras chamadas exotéricas por estar dedicadas ao gran público, e non as leccións internas da Academia, de Aristóteles chegáronnos as obras escritas para uso interno do Liceo. Conservamos, en efecto, moitas das súas obras esotéricas, é dicir, do que probabelmente foron as notas e apuntamentos das leccións impartidas no Liceo, destinadas a un círculo reducido de alumnos, perdéndose a práctica totalidade das obras destinadas ao gran público, (ou das que só conservamos algúns fragmentos), escritas, á igual que as de Platón, en forma de diálogo.

Polo xeral acostúmase contrapoñer Platón e Aristóteles no que fai ao estilo utilizado nas súas obras: máis fluído e literario en Platón, máis tosco e abstruso en Aristóteles. Hai que ter en conta, sen embargo, que as obras que conservamos de Aristóteles, ao ser resumos das leccións impartidas no Liceo, non poden presentar as características dunha obra coidada e dirixida ao gran público; pero si que atopamos esa fluidez nos seus diálogos, obras de mocidade realizadas á sombra do seu mestre Platón e que non están exentas de certas grazas literarias. A contraposición de estilos procede, pois, da comparación de obras destinadas a públicos diferentes e elaboradas con criterios, pedagóxicos ou literarios, tamén diferentes.

Ademais desta distinción entre obras esotéricas e exotéricas, adóitase clasificar a obra de Aristóteles en función dos períodos nos que foi elaborada, seguindo, polo tanto, unha orde cronolóxica. Ditas obras coñeceranas os membros do Liceo, pero o público en xeral descoñeceunas ata o século I antes de Cristo, cando as publicou Andrónico de Rodas, estabelecendo unha clasificación que se mantivo posteriormente durante séculos. Os estudos realizados polos especialistas ( W. Jaeger ou P. Aubenque, entre outros) ao longo dos séculos XIX e XX permitiron esclarecer a evolución que experimentou o pensamento aristotélico, así como a correcta datación dalgúns libros que Andrónico de Rodas agrupara na mesma obra pero que pertencían a períodos distintos. De acordo, pois, con esta datación cronolóxica, podemos clasificar as principais obras de Aristóteles como segue.

Clasificación cronolóxica das obras de Aristóteles

1) Primeiro período

(368-348): a época da permanencia na Academia. Caracterízase pola aceptación da filosofía platónica e pertencen a el:

  • - "Eudemo" ou "Sobre a alma" (un diálogo no que se mantén a teoría das Ideas e a inmortalidade da alma)
  • - "Protréptico" (carta na que tamén se mantén a teoría das Ideas)

2) Segundo período

(348-335): a partir do abandono da Academia ata o seu retorno a Atenas. Neste período Aristóteles comeza a apartarse das teses predominantemente platónicas e comeza a elaborar o seu propio pensamento, mais considerándose aínda un "académico", polo menos na súa primeira fase.

  • - "Sobre a filosofía" (crítica a teoría das Ideas, polo súa interpretación matemática que as identifica cos números)
  • - "Ética a Eudemo" (atribúese aos seus anos en Assos, aténdose aínda á concepción platónica da virtude)
  • - "Do ceo" (Cosmoloxía)
  • - "Da xeración e a corrupción"
  • - Atribúenselle tamén a esta época algúns dos libros da "Metafísica" (W. Jaeger) e da "Política

3) Terceiro período

(335-322): dende o seu retorno a Atenas, coincidindo coa súa actividade no Liceo. A este período pertencen a maior parte das obras conservadas, salientando claramente a orientación empirista e científica do seu pensamento en contraposición á filosofía de Platón. Malia a unidade coa que se nos presentaron polos recompiladores posteriores, as obras de Aristóteles deste período, tal como as coñecemos, son o resultado das leccións impartidas no Liceo, e publicáronse illadamente como tales; só posteriormente se as agrupou en tales obras, nun traballo de composición talvez iniciado xa por Aristóteles pero continuado, con certeza, polos seus discípulos no Liceo. Podemos clasificalas en cinco grupos, aténdonos ás máis significativas:

A) Lóxica
  • - "Categorías" (Sobre os xéneros supremos do ser e do dicir)
  • - "Sobre a interpretación" (Sobre o enunciado e a proposición)
  • - "Primeiros analíticos" (Os siloxismos)
  • - "Analíticos posteriores" ou "segundos" (A demostración científica)
  • - "Tópicos" (Os recursos siloxísticos para solventar calquera dificultade)
B) Metafísica
  • - Os libros "Metafísicos" . Compoñen o tratado do ser en tanto que ser, é dicir, a ontoloxía aristotélica. Pódese acceder á Metafísica de Aristóteles, en tradución ao castelán do xixonés Patricio de Azcárate (1800-1886) na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
C) Obras científicas
  • - "Física" (Tratado sobre a natureza. Análises do cambio)
  • - "Meteorolóxicos"
  • - "Historias dos animais" (Zooloxía: un conxunto de estudos aos que dedicou a maior parte da súa actividade e que para algúns é a súa obra mestra)
  • - "Do movemento dos animais"
  • - "Da xeración dos animais"
  • - "Sobre a alma" (A psicoloxía)
  • - "Parva naturalia" (conxunto de pequenos tratados sobre a percepción, a memoria, o sono...)
D) Ética e política
  • - "Gran moral" (Segundo algúns especialistas, como P. Aubenque, non sería unha obra de Aristóteles; outros, como J. Ll. Ackrill, consideran que si).
  • - "Ética Nicomaquea" ( Obra que contén a doutrina ética de Aristóteles).
  • - "Política" ( Exposición do pensamento aristotélico sobre a organización social e política).
  • - "Constitucións" (Análises de numerosas constitucións das polis da súa época).
E) Estética
  • -"Retórica" (A arte de convencer)
  • -"Poética" (Sobre a creación artística, obra perdida no seu maior parte)