Biografía Obras Filosofía Textos Exercicios Curiosidades

A filosofía de Aristóteles


Busto de Aristóteles

(- 384 a - 322)

2.2. A metafísica aristotélica: a teoría das catro causas

A teoría dos catro causas

No libro I da Metafísica, despois de identificar o verdadeiro saber co coñecemento das causas do ser, Aristóteles preséntanos as catro causas do ser, das que xa nos falara na Física:

"Evidentemente é preciso adquirir a ciencia das causas primeiras, posto que dicimos que se sabe, cando creemos que se coñece a causa primeira. Distínguense catro causas. A primeira é a esencia, a forma propia de cada cousa, porque o que fai que unha cousa sexa, está toda enteira na noción daquilo que ela é; e a razón de ser primeira é, polo tanto, unha causa e un principio. A segunda é a materia, o suxeito; a terceira o principio do movemento; a cuarta, que corresponde á precedente, é a causa final das outras, o ben, porque o ben é o fin de toda produción." ("Metafísica ", libro 1, 3).

Hai, pois, catro causas do ser: a causa formal, a causa material, a causa eficiente e a causa final. A seguir; Aristóteles revisa as teorías dos filósofos que o precederon para ver se algún deles tratou dalgunha outra causa distinta das enumeradas por el. Os primeiros filósofos, os milesios, ocupáronse fundamentalmente da causa material, ao buscar o arkhé ou primeiro principio material do que procede toda a realidade; ese mesmo principio ou causa afirmárono tamén os filósofos posteriores, como Parménides ou Heráclito, xa sexa postulando un ou varios elementos como materia orixinaria. Posteriormente outros filósofos, Empédocles e Anaxágoras, buscaron tamén outro tipo de causa para explicar o devir da realidade, a causa eficiente, que identificaron co Amor e o Odio. o primeiro, e co Nous ou intelixencia o segundo.

Posteriormente a filosofía de Platón trataría da causa formal, representada polas Ideas, aínda que, ao darlles unha existencia subsistente, separounas das cousas das que son forma ou esencia. Polo que fai á causa final ningún filósofo a tratou explicitamente, segundo a opinión de Aristóteles, polo que se presenta a si mesmo como innovador ao respecto. Polo demais, ningún filósofo anterior tratou estas causas dunha maneira suficientemente clara e produtiva, aínda que a Aristóteles abóndalle que as tratasen, para confirmar que son todos os principios que busca e que non hai ningún máis fóra deles:

"Resulta evidentemente do que precede, que as indagacións de todos os filósofos recaen sobre os principios que enumeramos na Física, e que non hai outros fóra destes. Pero estes principios foron indicados dunha maneira escura, e podemos dicir que, nun sentido, falouse de todos eles antes que nós, e noutro, que non se falou de ningún. Porque a filosofía dos primeiros tempos, moza aínda e na súa primeira arrinque, limitase facer tanteos sobre todas as cousas." ("Metafísica", libro I, 7)