A filosofía de Aristóteles
(- 384 a - 322)
2.1. A metafísica aristotélica: a crítica da Teoría das Ideas
A metafísica aristotélica
Todos os homes teñen por natureza o desexo de saber
. Con estas palabras comeza o libro primeiro da Metafísica de Aristóteles. Ese desexo de saber culmina na adquisición da sabedoría que consiste, para Aristóteles, no coñecemento das causas e dos principios do ser. E ese coñecemento é o obxecto da metafísica, da ciencia das primeiras causas e principios do ser, o coñecemento do ser "en tanto que ser", o coñecemento da causa última da natureza e da realidade.
A crítica da Teoría das Ideas
A metafísica aristotélica elaborouse en boa medida como reacción á teoría das Ideas de Platón. Non parece que Aristóteles manifestase ningunha oposición crítica á teoría das Ideas durante a súa permanencia na Academia. Todo indica, polo contrario, que as primeiras críticas á teoría das Ideas elaborounas tralo abandono da Academia, cando Aristóteles comezou a perfilar a súa propia filosofía. Hai que lembrar, sen embargo, que xa Platón criticara a teoría das Ideas no Parménides, e que probabelmente a teoría das Ideas fora obxecto de numerosas controversias na Academia. Non ten sentido, pois, buscar na crítica aristotélica á teoría das Ideas ningún tipo de razón persoal que enfrontase a Aristóteles con Platón, senón, como o mesmo Aristóteles nos di na "Metafísica", a busca da verdade.
Aristóteles estará de acordo con Platón con que hai un elemento común entre todos os obxectos da mesma clase, o universal, a Idea, que é a causa de que apliquemos a mesma denominación a todos os obxectos do mesmo xénero; admitirá, polo tanto, que ese universal é real, pero non que teña existencia independente das cousas, é dicir, que sexa subsistente. A teoría das Ideas, polo demais , ao dotar de realidade subsistente ao universal, á Idea , duplica sen motivo o mundo das cousas visíbeis, estabelecendo un mundo paralelo que necesitaría, pola súa vez, de explicación.
Tampouco a Teoría das Ideas é capaz de explicar o movemento das cousas, que era un dos motivos da súa formulación; (lembremos que, á igual que os pluralistas, quen intentaban coa súa proposta explicar a permanencia e a mudanza do ser, Platón propón a Teoría das Ideas coa mesma finalidade); agora ben, esta teoría non ofrece ningún elemento para explicar o movemento, o cambio, xa que sendo as Ideas inmóbiles e inmutábeis, se as cousas son unha imitación das ideas terían que ser tamén inmóbiles e inmutábeis; pero se cambian, como é o caso, de onde procede esa mudanza?. ("Metafísica", libro 1,7).
Aristóteles considera que a teoría das Ideas é imposíbel, xa que estabelece unha separación entre o mundo visíbel e o mundo intelixíbel, é dicir, entre a substancia e aquilo polo que unha substancia é, a súa forma ou esencia. As Ideas, en efecto, representan a esencia das cousas, é dicir, aquilo polo que as cousas son o que son. Como é posíbel que aquilo polo que algo é o que é non resida no obxecto, senón fóra del? Como é posíbel que aquilo que fai que o home sexa home, a súa esencia, a Idea de home, non resida no home, senón que exista independentemente del? As formulacións de Platón para tratar de explicar a relación entre as Ideas e as cousas, as teorías da participación e a imitación, polo demais, lonxe de explicar dita relación non son máis que metáforas que a escurecen.
Xa o mesmo Platón criticara ditas explicacións no Parménides; Aristóteles insistirá nas súas carencias co argumento do "terceiro home": se o home é o resultado da imitación da Idea de home, e tal Idea é entendida como unha entidade de carácter individual, a que outra realidade imita a Idea de home? Debe existir un terceiro modelo de home para explicar a similitude entre o home concreto e a Idea de home, do mesmo modo que se postula a Idea de home para explicar a similitude entre os homes concretos. Dese xeito encadeariamos ata o infinito a esixencia dun modelo do modelo, o que nos levaría ao absurdo. Por outra parte, as cousas non poden provir das Ideas; sen embargo, é esa unha afirmación crucial da teoría das Ideas, ao concibir que as Ideas son causa das cousas; non obstante, é o mesmo Platón no Timeo quen explica que as ideas son só o modelo no que se inspira o Demiurgo para modelar as cousas, é dicir, as causas exemplares das cousas, pero non as súas causas eficientes. ("Metafísica", libro 1,7).
Nesta crítica aristotélica á Teoría das Ideas albíscanse xa os fundamentos da súa propia metafísica: ante a imposibilidade de que Ideas expliquen coherentemente a causa, ou as causas, do real propoñerá a teoría dos catro causas do ser; e ante a irrealidade das Ideas, propoñerá a súa teoría da substancia. A inconsistencia da explicación platónica do cambio, polo demais, levarao a propoñer a distinción entre ser en acto e ser en potencia.